Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Gonzalo Gómez Caridad (1919-2007). Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración

Artigos diaspora emigracion gonzalo-gomez-caridad venezuela

O pasado 15 de novembro (2007) morreu Gonzalo Gómez Caridad, un home co que estou en débeda eu e moitos galegos que tiveron a sorte de coñecelo na emigración-exilio venezuelano.

Texto de Xurxo Martínez Crespo (*).

[caption id="attachment_1946" align="alignright" width="225" caption="Gonzalo Gómez Caridad na Irmandade Galega de Caracas. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo)."][/caption]

O pasado 15 de novembro (2007) morreu Gonzalo Gómez Caridad, un home co que estou en débeda eu e moitos galegos que tiveron a sorte de coñecelo na emigración-exilio venezuelano.

Alegre e combativo

Galeguista convencido e convincente, Gonzalo é un dos moitos bos e xenerosos que chegou e abrazou a patria galega no exilio. Este coruñés que participou na guerra civil española do lado que non quería (como Celso Emilio, Xosé Velo e un longo etcétera) decidiu un día poñer mar por medio dun país escuro, fascista e totalitario e abrir a mente no exilio venezuelano.

Funcionario do Concello de A Coruña e xa casado con Josefa Freire, ámbolos dous embarcan no “Marques de Comillas”, vía New York - La Habana, rumbo a Venezuela.

Gonzalo foi un dos primeiros emigrantes galegos chegados a Venezuela. Eran moitas as restricións á chegada destes homes e mulleres ao país caribeño, e paradoxicamente, non sería até a chegada do ditador Marcos Pérez Jiménez quen coa súa megalomanía-faraónica-construtora abre as portas á man de obra especializada e barata do Estado español e de Italia entre 1954 e 1958.

En 1948 embarca o matrimonio Caridad-Freire a Venezuela. Unha parada en La Habana para visitar á familia do republicano lucense Vázquez Gayoso, máis tarde representante diplomático da lexítima República española ante o Goberno venezuelano entre os anos de 1945 a 1949 que afianzará aínda máis o seu compromiso coa legalidade no exilio.

Os primeiros anos en Venezuela son difíciles. Venezuela, malia as oportunidades, é unha economía pouco diversificada e un país aínda rural. En Caracas entra en contacto cos recen chegados exiliados do noso país. Mergúllase por completo e Gonzalo Gómez Caridad “renace galego” da man de Xosé Velo Mosquera e de Xoán Noya principalmente en Venezuela e do oftalmólogo Antón Beiras na Galiza dos anos 50.

Actividade incesante

Xunta Directiva do Lar Gallego. Gonzalo, o primeiro pola esquerda, e Xosé Velo, presidente, no centro.

A vida de Gonzalo en Venezuela ten un profundo sentido galeguista e concienciador dos homes e mulleres galegos que, anos despois, chegarían analfabetos, política e historicamente, verbo a realidade do noso país.

Participa na fundación do Lar Gallego en 1948, segundo centro de exiliados autorizado por el Ministerio do Interior venezuelano despois do Caracas Eusko Etxea (Centro Basco de Caracas). Este Lar Gallego, herdeiro da lexitimidade democrática da República española, rompe relacións coa representación diplomática fascista española en Venezuela e asume como sinais de identidade a bandeira republicana e a galega.

No Lar Gallego temos na directiva, presidida por Xosé Velo, a Gonzalo como secretario. Eran membros deste Lar persoeiros destacados do exilio como Mariano Otero Castelao, Isolino López, José Silva, Pura Vázquez, Baldomero Gallego, Manolo Gallego, Jesús Vázquez Gayoso, Manuel Meilán, Silvio Santiago e os irmáns socialistas Somoza. Da Xunta Directiva deste Lar sairá a proposta e a comisión que tempo máis tarde logrará a fusión de todos os centros galegos da capital venezuelana, que xa rematando a década dos cincuenta eran tres: Lar Gallego, Centro Gallego e Casa Galicia.

Anagrama da Delegación en Vigo do Lar Gallego de Caracas, 1954. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).

O labor de concienciación patriótica do Lar non estaba reducido ás xentes chegadas da Galiza, senón e esto é algo moi importante, a un labor de semente na Galiza ocupada polo esquecemento e a represión.

Foi idea do Lar a creación dos premios Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, de Pintura, Maside e literario Ramón Otero Pedrayo, concedido por vez primeira á pedagoga Antía Cal por un traballo verbo o ensino en galego para nenos pequenos. A realidade da colectividade galega na emigración era similar á do Estado español de 1935. Dúas comunidades fortemente divididas ideoloxicamente que trasladaban esa división á realidade galega que trataban de influír dende Latinoamérica concedendo axudas económicas á cultura galega, como a editorial Galaxia, ou fomentando e preservando unha cultura galega prohibida na Galiza.

Así, sementando xenreiras gratuítas na comunidade galega na emigración-exilio, aqueles que detentaban o poder dentro e fóra do Estado español alongaban a posibiliade de unión e forza que tanto precisaban estes exiliados económicos e políticos.

O Lar Gallego de Caracas na Galiza

Gonzalo na súa casa, Anduriña, en Caracas, 1952.

Os inimigos do Lar Gallego en Venezuela eran as autoridades diplomáticas franquistas e varios coñecidos galegos da comunidade. Foron Xoán Noya e Gonzalo Gómez Caridad os que desde un primeiro momento tiveron a idea de ter correspondentes-representantes do Lar Gallego na Galiza para calar as campañas difamatorias que a prensa galega e determinado grupo de intelectuais mantiña contra esa institución na Venezuela. Xoán Noya chegaría a ser un dos representantes oficiais do Lar Gallego en Vigo en 1954 e 1955, e Celso Emilio Ferreiro, Julio Siguenza, Antón Beiras, Juan Naya e Carré Alvarellos acompañaron nese labor a Noya.

Gonzalo alternará a súa estadía en Venezuela con viaxes constantes a Galiza, viaxes que nalgunha ocasión apartárono de Venezuela por un par de anos como foi entre 1956 e 1959, inda que esa estadía na Galiza non deixou de ter unha responsabilidade no país coas institucións e os galegos comprometidos da diáspora. Volta a Venezuela

A derradeira etapa de Gonzalo en Venezuela estará no interior do país: nos estado Barinas e na cidade de Valencia, capital do estado Caracabobo. En Barinas terá unha ferrexaría e na Irmandade Galega de Valencia será secretario de Cultura e editará a revista Aturuxo.

A revista Aturuxo e a súa actividade cultural na Irmandade Galega de Valencia rematarán unha xeira galeguista importante nas hoxe xa perigosamente desgaleguizadas sociedades galegas en Venezuela. Pasará por Valencia Manuel María e Celso Emilio terá un lugar nas páxinas de Aturuxo; serán constantes as exposicións de pintura de Mario Granell. Mario, Celso Emilio e Noya marchan definitivamente para Galiza nos setenta, despois marchará con eles Gonzalo.

Dedicatoria de Celso Emilio Ferreiro a Gonzalo Gómez Caridad. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).

Na Galiza colabora con xornais como A Nosa Terra e ultimamente en xornais electrónicos coma o venezuelano Aporrea. As súas entrevistas ao premio Nobel da Paz Pérez Esquivel, e as súas reportaxes sobre o doutor Antón Beiras, Xoán Noya e o Asociacionismo galego en Venezuela encheron as páxinas de A Nosa Terra. Pouco antes de morrer escribira e editara electrónicamente as súas vivencias da guerra civil baixo o título “Renacer de esperanzas”, nas que o protagonista, Antón Dopazo, (heterónimo de Gonzalo) describía a súa participación na guerra no lado faccioso en aberta oposición aos seus ideais progresistas e democráticos.

Escribir afastado de Gonzalo é difícil. A súa militancia no galego e por Galiza era envolvente. A súa defensa do proceso revolucionario bolivariano e a súa humanidade eran un rexo muro no que non podían coller nin as mentiras dos medios de (des)información, nin a (des)información interesada ou a medias dos intereses económicos españois en Latinoamérica e moi principalmente de Venezuela.

Deixara de comprar La Voz de Galicia pola súa defensa do alcalde coruñés Francisco Vázquez e polas mentiras sobre Venezuela que presentaba como noticia. Gonzalo cría tanto bondade e na verdade que até os seus últimos anos de vida dedicoullos aos nenos cun pequeno teatro de monicreques.

A mellor homenaxe que poderiamos facerlle e gardar na nosa memoria as súas historias, os seus artigos e camiñar por ese pequeno vieiro que outros fixeron antes e nós deixaremos despois para os que queiran facernos compaña nesta xeira que se chama vida.

(*) A Coruña, 27 de novembro de 2007


Volver

2018 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |