Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

1978, a constitución que Galiza non votou

Artigos AN-PG Constitucion ing UPG

Este 6 de decembro cúmprese catro décadas da aprobación da Constitución Española. E polo tanto será celebrado por todo o alto polas clases dominantes e satélites. Neste texto facíanse algunhas cesións, como a constitución das autonomías e algúns dereitos democráticos básicos, e como contrapartida consolidaba a unidade do Estado español, baixo o paraugas da Monarquía e a batuta de Madrid, e daba novos folgos ao capitalismo.

Neste último aspecto non se pode considerar unha casualidade que se asinase en outubro de 1977 o Pacto da Moncloa. Este implicou un retroceso salarial e sobre todo un cambio de tendencia desfavorábel para o movemento obreiro, e do que non se recuperaría máis que en conxunturas moi determinadas. A concertación, o pacto social, substituiría no sindicalismo de ámbito estatal e “mais representativo” a praxe de negociación con mobilización, necesaria para neutralizar as vantaxes sistémicas do empresariado.

A Intersindical Nacional Galega (ING) manifestouse en contra do proxecto de Constitución, pedindo o voto negativo no referendo do 6 de decembro, e realizou unha intensa campaña nas empresas. Postura que coincidía co conxunto do Movemento Nacional Popular Galego (MN-PG). A este respecto o número 62 do Terra e Tempo, voceiro da UPG, informaba das actividades que “dende fai tempo veñen desenrolando conxuntamente co noso partido as organizacións integrantes do MN-PG (AN-PG, ING, CC.LL) de cara a promover o NON á Constitución Española”.

A campaña comezou o 16 de novembro. Realizáronse mitins e concentracións en cidades e vilas de todo o país. O Terra e Tempo dá a cifra de 2.000 persoas en Compostela, 1.000 na Coruña, 400 en Muros, 300 no Carballiño, 300 en Lugo, etc. En Vigo “os actos públicos foron expresamente prohibidos polo Gobernador Civil e pola Xunta electoral (...) a Praza da Constitución lugar da convocatoria solicitada apareceu tomada pola policía armada”. Tamén se fixeron asembleas nos centros de traballo e no mundo rural, así como pronunciamentos de cámaras agrarias e comités de empresa, que se detallan neste periódico.

O Eixo, voceiro da ING, de novembro do 1978, resaltaba en titulares a relación entre os Pactos da Moncloa e o referendo e o texto da Constitución española. O artigo o dicía todo ao respecto: Contra o novo pacto social, non á Constitución española. En relación á xornada de votación La Voz de Galicia informaba que votou pouca mocidade, e relataba como anécdota que “o apoderado da UCD no colexio de Peñarredonda na Coruña levantou acta contra un interventor da UPG por levar unha insignia coa bandeira galega e estrela de cinco puntas, xa que entendía que era propaganda”.

O Eixo do mes de xaneiro de 1979, fai unha valoración do referendo: “os resultados evidenciaron tres cousas fundamentais: O crecente aumento do nacionalismo popular; o pouco interese que lle produce a unha gran parte da povoación galega a política emanada de Madrid; a incapacidade de todo o españolismo xunto, pra mobilizar un sector importante do noso povo pra votar”. Indicábase o artigo que no referendo acadaranse máis de 60.000 votos en contra, o que implicaba un avance da incidencia do MN-PG que coas siglas do BNG acadara 23.000 votos nas eleccións xerais de 1977.

Pola súa banda A Nosa Terra destacaba que os votos a prol da Constitución foran na Galiza, e tamén en Euskadi, inferiores á suma da abstención e os votos non. No caso de Galiza era unha valoración moi optimista que os dados definitivos rebaixaban un chisco, xa que a participación sería do 50,2% do censo, un dato significativo, posto que no conxunto do Estado español a participación foi do 67,11% . Na Galiza, a porcentaxe nos votos validos baixaba ao 49,6% e deles un 90% a prol na Constitución, un 5,9% eran en contra e un 4% en branco. En todo caso do que non hai dúbida é de que a Constitución non entusiasmaba ao povo galego, e que o movemento nacional popular aumentou a súa incidencia social nun contexto moi difícil, no que confrontaba tanto cos forzas sistémicas como con aquelas que dende a esquerda aínda mantiñan prestixio na clase traballadora, como era o PCE.

Artigo de Manuel Mera, Director da Fundación Moncho Reboiras


Volver

2018 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |