Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

A era do poscapitalismo feudal

Artigos Alberte Blanco Casal Enxergar

[Artigo publicado na revista Enxergar nº4]

Alberte Blanco Casal, enxeñeiro técnico industrial e profesor de ensino secundario

O capitalismo industrial das primeiras décadas do século XX, conformado en base a importantes monopolios de tipo clásico (minaría, metalurxia, ferrocarrís, automoción, etc.), aínda limitados nos ámbitos económico, xeográfico, tecnolóxico e político, foi evolucionando rapidamente nas últimas décadas transformándose, finalmente, nun omnipotente conglomerado oligopólico transnacional de carácter global cunha influencia determinante en todas as esferas da vida humana. A característica máis sobranceira deste poderoso centro de poder mundial é o de constituír, ao abeiro das supremas finanzas internacionais, unha nova estrutura capitalista (liderada por un selecto grupo de corporacións punteiras en tecnoloxías da información, comunicación, edición, distribución online, enerxías alternativas, nova automoción, industria aeroespacial, robótica e intelixencia artificial) con capacidade para impoñer a gobernos e organismos internacionais as estratexias xeopolíticas, económicas e administrativas que máis lle conveñan. Non se trata, por tanto, dun poder que circunscribe a súa actuación ao sector económico-financeiro, senón dun auténtico centro de control político mundial á marxe de calquera fiscalización democrático-institucional. En realidade, as elites capitalistas sempre se comportaron deste modo, pero agora o seu poder é case incontestábel.

Da dimensión desta estrutura de poder pode darnos unha idea o gráfico anterior, onde podemos apreciar o avance imparábel de fusións e adquisicións de todo tipo de empresas no ámbito mundial a través de mecanismos controlados exclusivamente polas elites do capitalismo financeiro. Non importa que, formalmente, conten co visto e prace das comisións estatais do mercado de valores; iso é accesorio e forma parte do imprescindíbel (por agora) teatro institucional. Pero vaiamos ao importante. Só, dende o comezo deste século, levan acumulado un valor de máis de 57 billóns de dólares (arredor do 70% do PIB mundial) en 800.000 transaccións, estabelecendo a voraz marca de 100 operacións cun valor de case 8.000 millóns de dólares por día. Unha frenética carreira de concentración e acumulación de capital que se acelerou ao final do século pasado, manténdose nos últimos vinte anos nun nivel extraordinariamente alto e cun crecemento cíclico retroalimentado polas oportunas crises económico-financeiras. Esta mecánica queda patente, por exemplo, na drástica caída dos valores despois de 2007 sen que ese feito afectase de forma significativa ao número de transaccións, que é o verdadeiramente importante (concentrando a prezos de saldo).

Ao investigar as corporacións beneficiadas por este proceso de concentración encontramos tres grandes xestoras norteamericanas de activos que destacan de forma especial sobre todas as demais: BlackRock, Vanguard Group e StateStreet. Elas só administran case 20 billóns de dólares (16 veces o PIB español) en activos a nivel global. Segundo unha investigación de 2017 realizada por profesores da Universidade de Amsterdam, as tres grandes eran as maiores accionistas do 90% das empresas do selecto índice neoiorquino S&P 500 (aí cotizan Google, Facebook, Apple, Amazon, Tesla, Microsoft, etc) e do 40% de todas as empresas que cotizan nas bolsas de EUA. Pero resulta aínda máis instrutivo comprobar a evolución do seu crecemento: nos últimos catro anos duplicaron a súa carteira de activos, revelándose como as más beneficiadas do exponencial ritmo de concentración de capitais.

Os tentáculos deste monstro das elites financeiras mundiais alcanzan os cinco continentes e a súa penetración é imparábel. No estado español, só BlackRock, a maior das tres grandes, posúe unha porción significativa das accións das principais empresas do Ibex-35, como Repsol, Iberdrola, Red Eléctrica, Endesa, Siemens-Gamesa, Enagás, Naturgy, Telefónica, ACS, Ferrovial, Banco de Santander, BBVA, Bankinter, Sabadell, Bankia, CaixaBank ou Inditex. Xunto con Vanguard e o fondo soberano noruegués serían os principais donos do Ibex, un asalto que comezou coa privatización masiva de empresas públicas iniciado por Felipe González e seguida con grande interese e aplicación por Aznar. Como agradecemento a eses “servizos”, o sector empresarial e bancario recompensou os ex-presidentes con postos nos seus consellos de administración: a González en Gas Natural e a Aznar en Endesa. Non foron os únicos, outros cincuenta e seis altos cargos políticos tamén se beneficiaron das “portas xiratorias”, na súa inmensa maioría do PP e PSOE.

Non obstante, o frenético ritmo de concentración de capitais non obedece exclusivamente a unha sorte de cobiza insaciábel do capital financeiro, que en parte é certo. Hai tamén unha lóxica subxacente e inherente á propia dinámica capitalista de acumulación no mercado ficticio (vinculado á especulación financeira), na medida en que o mercado de derivados financeiros está desbocado e xa alcanza un valor estimado de dez veces a economía real, e só a acumulación masiva de capital efectivo e patrimonio físico pola alta oligarquía pode garantir o control dos acontecementos e baixar o risco de crac. O problema é que este extraordinario proceso de hiper-acumulación non pode seguir indefinidamente sen que acabe por afectarlle directamente ao círculo interior da alta oligarquía. Xa tivemos a oportunidade de observar os primeiros actos de canibalismo entre as elites durante a Gran Crise Financeira de 2007-2008, coa absorción de Bearn Stearns, Lehman Brothers ou Merrill Lynch, adquiridos a prezos de saldo por JP Morgan Chase, Barclays e Bank of America (non faría falta dicilo: controladas polas tres grandes).

Pero, dende aquela, os enfrontamentos entre as elites, como consecuencia da lóxica redución de oportunidades, lonxe de esmorecer, estanse intensificando. Unha proba superficial deste conflito larvado é a crecente rivalidade entre os líderes das principais corporacións tecnolóxicas. Son notorias as discrepancias públicas entre Elon Musk e Jeff Bezos polo liderado da carreira espacial das súas empresas respectivas, SpaceX e Blue Origin. O mesmo ocorre entre Apple e Facebook, e Twitter e Instagram. Pero é moito máis significativo o enfrontamento político (non meramente empresarial ou persoal) entre Musk e Bill Gates, levando ao campo corporativo o enfrontamento político entre o Partido Republicano e o Demócrata. As discrepancias máis notorias son as relacionadas coa pandemia, na que Musk se revelou como un escéptico das vacinas anti-covid, ao contrario que Gates, un dos seus principais impulsores, ademais de acusalo de estar detrás do coronavirus. Nesta liña, Musk manifestou moita proximidade con Donald Trump, ademais de amosar publicamente o seu desacordo coa política impositiva dos demócratas trasladando algunha das súas empresas de California a Texas, gobernada esta última polos republicanos. Este é un dato moi significativo se temos en conta o crecente movemento secesionista texano que lidera a separación da Unión dos estados republicanos do sur. Todos estes conflitos na superficie son reveladores, sen dúbida, dunha crecente división no cumio das elites norteamericanas e anglosaxoas. Non debería sorprendernos. O acelerado proceso de concentración e a dimensión do negocio en liza fan moito máis vulnerábel e difícil o control dos acontecementos por uns e por outros, unha inseguridade que ameaza intereses corporativos e estratéxicos de carácter crítico.

Con todo, o síntoma máis importante do inicio de hostilidades na cúpula financeira foi a inesperada elección de Donald Trump en 2016, que hai que entendela como unha derrota do ata entón hexemónico sector neoliberal do capitalismo financeiro internacional. Este patrocinaba, sen sorpresas ata o de agora, a elección presidencial a través dos partidos Demócrata e Republicano, con presidentes figurativos e intercambiábeis. Pero esa etapa xa rematou, independentemente de que agora o presidente sexa Joe Biden. En moitas cousas está facendo o mesmo que Trump. Nun ámbito diferente, pero igualmente significativo, o Brexit tamén hai que entendelo como un síntoma de división nas alturas, circunstancias ambas que están na base do repregamento occidental de raíz anglosaxoa como paso previo á configuración dun polo anglo-norteamericano (o primeiro acto despois do Brexit foi a creación do bloque militar AUKUS) en confrontación con Europa e Asia, tal como sinalei no meu libro Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo. Na base desta decisión non só contan as divisións das elites anglosaxoas, senón (ademais) as enormes contradicións na UE, especialmente, entre Francia e Alemaña por un lado e os países do leste de Europa por outra. E neste crebacabezas conta tamén, e de forma moi relevante, o rexurdimento de Rusia como potencia militar soberana e o inmenso poderío económico (e tamén militar) chinés, sen contar a súa alianza cooperativa euroasiática en confrontación co hexemonismo occidental.

Por tanto, deberemos concluír que a metamorfose capitalista neoliberal, ademais de cabalgar sobre guerras, crises económico-financeiras, sometemento de gobernos, pobreza, movementos migratorios, crecente desigualdade e a alienación de amplas capas sociais, tivo a virtualidade de xerar cambios cualitativos profundos na cúspide das oligarquías mundiais. Ata tal punto, que o incontestábel control exercido polo selecto grupo das elites financeiras internacionais sobre o tecido produtivo e as oligarquías industriais está dando paso a unha incomodidade (aínda non aberta, pero visíbel) dos novos líderes da clase xerencial das grandes corporacións, ao estilo dos señores feudais na Idade Media. Daquela, aos reis ou ao emperador medieval non lles quedou máis remedio que descentralizar o poder político e compartilo coa imprescindíbel nobreza militar e terratenente. Agora, de igual xeito, a Alta Finanza imperial vese na obriga de atender os desexos de autonomía-independencia de territorios e de poderosos xerentes das grandes corporacións transnacionais, moi preocupados polo seu futuro. Son os que accionan e controlan directamente o sistema económico-financeiro, e estes novos duques e condes corporativos demandan a súa parcela de poder autónomo, por outra parte funcional aos desexos da Alta Finanza, que pode exercer a súa autoridade de maneira máis efectiva deixando en evidencia as carencias de cada vicerrei feudal, ao tempo que gaña tempo para recompoñer o seu poder. A cuestión é se a China e Rusia llo van permitir. E outra cousa moi importante: como vai actuar a esquerda ante esta encrucillada do capitalismo internacional; vai aproveitar as súas evidentes debilidades ou dedicarse a observar placidamente os acontecementos?


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |