Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

A Fundación Moncho Reboiras participa na cimeira do Fórum Soberanista en Iruña

Novas Fórum Soberanista, Iruña

O Fórum Soberanista reuniu o 3, 4 e 5 en Iruña a fundacións soberanistas da Galiza, Euskal Herria, Catalunya, Balears, País Valencià, Andalucía e Canarias

Iruña (Nafarroa) acolleu na primeira fin de semana de xuño unha nova edición do Fórum Soberanista, un encontro que reuniu durante tres días representantes de máis dunha vintena de organizacións soberanistas de todo o Estado español.

En concreto, a Fundación Moncho Reboiras, Fundación Galiza Sempre, Obradoiro de ideas Láncara, Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, Iratzar Fundazioa, Fundación Darder-Mascaró, Manu-Robles Arangiz Fundazioa, Ciemen, Fundació Irla, Fundació Nexe, Ipar Hegoa Fundazioa, Alternatiba Fundazioa, Alkartasuna Fundazioa, Fundación Aureli Escarré, Intersindical Solidaria Valenciana, Intersindical Canarias, Ahora Canarias, Grupo de Estudios Diaz del Moral, Fundació L'alternativa, Centre de Documentació Serra i Puig e Fundación Betiko.

 

Un soberanismo máis sólido

A libraría Katakrak da capital navarra foi o escenrario, na tarde da sexta feira dun debate aberto ao público no que interviron a deputada do BNG Olalla Rodil, a deputada de EH Bildu Mertxe Aizpurua, o xornalista e ex deputado da CUP David Fernández e a politóloga Gemma Ubasart.

Rodil analizou a crise territorial e económica do Estado, a perda de poder adquisitivo das clases traballadoras, a crise demográfica e a desindustrialización, a involución democrática e a pervivencia dunha monarquía "corrupta e herdeira de Franco".

Fronte a iso, situou as liñas estratéxicas dun soberanismo fortalecido, ligándoo ao avance de dereitos e a un desenvolvemento económico e sostíbel mais a tecer alianzas entre os movementos nacionalistas e soberanistas entre os pobos do Estado.

Soberanía plural

A xornada do sábado transcorreu no Plenario do Fórum, no que as entidades soberanistas puxeron en común as "diagnoses que desde os diferentes soberanismos se estabelecen en relación á evolución do Estado español".

Na xornada de clausura as e os representantes das diferentes formacións trasladáronse á localidade de Amaiur para asistir ao acto organizado por Nafarroa berriz altxa!, no lugar onde se produciu a defensa do castelo situado nun outeiro, no marco das loitas contra a conquista de Nafarroa a partir do ano 1512.

 

O Fórum

O obxectivo deste evento é "incidir na sociedade e trasladar os debates do soberanismo ás necesidades e requirimentos dun presente en crise e constante cambio". O Fórum naceu en 2019 como "punto de encontro" entre forzas soberanistas de esquerda, agora constituídas como organización.

Entre outros propósitos, busca "profundar no coñecemento das realidades das nacións sen Estado", "aumentar a formación política e a participación da cidadanía" ou "impulsar e divulgar iniciativas de intercambio e cooperación para contribuír á xustiza e a equidade nas relacións comerciais".


Volver

2022 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |