Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

A reconversión naval de 1984 na Galiza. Tres folgas xerais, protesta de clase e conciencia de país

Publicacións

Baixo o título “A reconversión naval de 1984 na Galiza. Tres folgas xerais, protesta de clase e conciencia de país” FESGA editou hai varios meses un libro do que se tiraron 4.000 exemplares, coa colaboración da Consellaría de Traballo da Xunta de Galiza e a da CIG, e que a seguir dispoñibilizamos para a súa visualización e descarga en PDF.

O texto, de autoría de Manuel Mera, debulla aquel momento histórico que se revelaría posteriormente como fundamental para a definitiva consolidación do sindicalismo nacionalista e de clase. Desde a situación previa aos Pactos da Moncloa, pasando polas Xornadas de Loita promovidas pola ING e secundadas activamente polo conxunto do movemento nacional-popular, este traballo divulgativo retrata con nitidez un modelo sindical ben distinto ao practicado, xa daquela, polas centrais sindicais estatais.

Non só se recolle unha pormenorizada crónica do desenvolvemento das folgas que o 14 de febreiro, o 12 de xullo e o 29 de novembro de 1984 paralizaron o noso país contra da pretendida reconversión naval que finiquitaría case por completo un sector produtivo estratéxico para a economía galega, senón tamén as mobilizacións previas e as que lle seguiron.

Ás portas da folga xeral convocada pola CIG para o vindeiro 29-S a divulgación deste documento tornase se cadra inda máis necesario, pois evidencia que alén dos logros concretos que se poidan acadar mediante un paro xeral os procesos mobilizadores sempre poden –e deben- saldarse cun incremento da conciencia nacional e de clase como elementos fulcrais para incidir na correlación de forzas no marco da loita de clases que enfronta traballo e capital.

Ficha bibliográfica

Coordenación e texto: Manuel Mera

Investigación e asesoramento histórico: Uxío-Breogán Diéguez Cequiel

Deseño e maquetación: Breixo Lousada

Corrección lingüística: Rafa Vilar


Volver

2022 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |