Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

A ‘uberización’ do traballo

Novas

O profesor de Socioloxía do Traballo da Universidade Estadual de Campinas, no Brasil, Ricardo Antunes, visitou Galiza, convidado pola Fundación Moncho Reboiras e a CIG, para compartir as súas análises sobre a cada vez maior deterioración das condicións laborais a consecuencia da terceirización da economía. Unha charla para a que el mesmo propuxo dous posibles títulos: “A uberización do traballo” ou “O capitalismo de plataforma e a protoforma do capitalismo” e na que presentou, ademais, o seu último libro, O privilégio da servidão: O novo proletariado de serviço na era digital.

Nas máis de dúas horas de exposición e debate, Antunes explicou que o mundo dixital, coas tecnoloxías de información e comunicación, está cada vez máis presente no mundo da produción e configúrase “como elemento central para a comprensión do que é o capitalismo hoxe, as formas de acumulación capitalista e os seus mecanismos de funcionamento”.

Asegurou que é esencial comprender o funcionamento das plataformas dixitais como novo espazo produtivo do capital no que conviven as máis distintas formas de informalidade, flexibilidade e terceirización. Un escenario no que “o aumento da precariedade tórnase cada vez máis presente nun mosaico que compón a nova morfoloxía do traballo”.

Entre outros, puxo o exemplo de Amazon, “unha inmensa plataforma global onde os máis diferentes tipos de traballo se poden contratar, en todo o mundo”, que combina a actividade dixital “con formas intensas de explotación do traballo manual”; que vende, só no centro de e-commerce que ten en Inglaterra, o maior de Europa, 1.200.000 produtos por hora e que funciona sen presenza de ningún/ha dependente, porque se fai todo vía dixital. “Explotación intensa do traballo e actividade realizada sen a presenza de traballo humano do outro lado”.

O profesor de Socioloxía do Traballo explicou ademais que este tipo de corporacións capitalistas teñen forza de traballo en varias partes do mundo que son explotadas pola corporación global con “contrato cero horas” en centros nos que o persoal ten que facer até 24 ou 25 quilómetros diarios para buscar nos andeis os produtos para ser enviados en tempo real, envolvendo de media até 200 produtos por hora durante até 55 horas por semana”.

Un novo deseño do neoliberalismo que se está instalando, no que o traballo con dereitos non existe; no que se procura a individualización; no que se pretende acabar coa lexislación laboral e que, tal e como se concluíu na charla, cómpre combater.


Volver

2020 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |