Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Aberto o prazo de inscrición para Formación Sindical 2020

Novas

O prazo pecha 10 días antes do comezo de cada curso

Desde a CIG apostamos pola formación da representación legal do persoal como un dos nosos eixos centrais na nosa metodoloxía sindical. No actual contexto de recortes de liberdades, criminalización da loita sindical, aumento da precariedade laboral... a formación das delegadas e delegados é fundamental para a nosa acción sindical como sindicato nacionalista e de clase. O traballo realizando desde a CIG, nestes 25 anos de historia, situou á nosa central sindical como primeira forza sindical en Galiza polo número de delegadas e delegades, aínda que hai moitos anos que vén sendo a primeira por capacidade mobilizadora e revindicativa.

Cómpre facernos máis fortes, reforzando a nosa resposta como clase traballadora galega. Por iso desde a Confederación Intersindical Galega apostamos sen ambaxes nos nosos obxectivos básicos; a mellora progresiva e xeral, individual e colectiva, dos traballadores e traballadoras; o impulso do Marco Galego de Relacións Laborais e a construción da Central Sindical Única Galega; a defensa do pleno exercicio dos dereitos humanos, individuais e colectivos, incluíndo o dereito de autodeterminación; a loita por unha nova orde económica internacional, máis xusta e solidaria; a reforma do marco xurídico e político que permita a Galiza ser suxeito de pleno dereito dentro da Unión Europea e contar con plena capacidade de actuación en todas as materias.

As distintas accións formativas que impartimos neste 2020, que contan coa colaboración da FUNDAE e co financiamento do SEPE teñen como obxectivo principal achegar as delegadas e delegados da central sindical recursos formativos dun xeito ameno e didáctico, facilitando a comprensión do ámbito xurídico laboral, a interpretación das nóminas nas súas distintas modalidades, calcular e interpretar as liquidacións e indemnizacións por despedimento, así como establecer plans, políticas e estratexias de igualdade na empresa. Coñecer os nosos dereitos como clase traballadora para defendermos con máis forza dos ataques que sufrimos día a día no ámbito laboral.

Por iso, desde o pasado 7 de xaneiro fica a aberta o prazo de inscrición nas distintas Federacións e comarcas para os distintos curso:

-Dereitos do traballo e a súa aplicación á negociación colectiva.

- Nóminas e seguridade social na aplicación para negociación colectiva.

- Liquidacións salariais e indemnizacións por despedimento na negociación colectiva.

-Implantación na negociación colectiva de plans, políticas e estratexias de igualdade na empresa

Consulta os cursos a realizar na túa comarca ou no correo proxectosformacion@galizacig.gal


Volver

2020 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |