Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Desfeita financeira, crise sistémica?

Artigos capitalismo crise economia samir-amin socialismo

Na actual crise, os poderes vixentes, ao servizo dos oligopolios financeiros, non teñen outro proxecto senón o de volver poñer en pé este mesmo sistema. Que son esas intervencións estatais senón as que lles esixe a mesma oligarquía?
Samir Amin.

Na actual crise, os poderes vixentes, ao servizo dos oligopolios financeiros, non teñen outro proxecto senón o de volver poñer en pé este mesmo sistema. Que son esas intervencións estatais senón as que lles esixe a mesma oligarquía?

A crise financeira era inevitábel

A brutal explosión da actual crise económica non nos colleu desprevidos. Ademais, eu mencioneina hai uns meses, cando os economistas convencionais teimaban en minimizar as súas consecuencias, particularmente en Europa. Para entender a súa xénese, cómpre abandonarmos a actual definición do capitalismo, que hoxe en día se adoita definir como "neoliberal globalizado". Esta cualificación é enganosa e oculta o esencial. O sistema capitalista actual está dominado por un feixe de oligopolios que controlan a toma de decisións fundamentais na economía mundial. Uns oligopolios que non só son financeiros, constituídos por bancos ou compañías de seguros, senón que son grupos que actúan na produción industrial, nos servizos, nos transportes, etc. A súa característica principal é a súa financeirización. Con iso convén comprendermos que o centro de gravidade da decisión económica foi transferido da produción de plusvalía nos sectores produtivos cara á redistribución de beneficios ocasionados polos produtos derivados dos investimentos financeiros. É unha estratexia perseguida deliberadamente non polos bancos, senón polos grupos "financeirizados". Máis aínda, estes oligopolios non producen beneficios; sinxelamente, apodéranse dunha renda de monopolio mediante investimentos financeiros.

Este sistema é sumamente proveitoso para os segmentos dominantes do capital. Logo non estamos en presenza dunha economía de mercado, como se adoita dicir, senón dun capitalismo de oligopolios financeirizados. Así e todo, a fuxida cara a diante nos investimentos financeiros non podía durar eternamente cando a base produtiva só medraba cunha taxa débil. Iso non resultaba sostíbel. De aí a chamada "burbulla financeira", que traduce a lóxica do sistema de investimentos financeiros. O volume das transaccións financeiras é da orde de dous mil trillóns de dólares cando a base produtiva, o PIB mundial só é duns 44 trillóns de dólares. Un xigantesco múltiplo. Hai trinta anos, o volume relativo das transaccións financeiras non tiña ese tamaño. Esas transaccións destinábanse daquela principalmente á cobertura das operacións directamente esixidas pola produción e polo comercio nacional e internacional. A dimensión financeira dese sistema dos oligopolios financeirizados era -xa o dixen- o punto fraco do conxunto capitalista. A crise debía pois estourar por mor dunha desfeita financeira.

Detrás da crise financeira, a crise sistémica do avellentado capitalismo

Mais non abonda con chamar a atención sobre a desfeita financeira. Detrás dela esbózase unha crise da economía real, xa que a actual deriva financeira mesma vai asfixiar o desenvolvemento da base produtiva. As solucións achegadas á crise financeira só poden desembocar nunha crise da economía real, isto é, unha estagnación [falta de desenvolvemento] relativa da produción e o que esta vai xerar: regresión dos ingresos dos traballadores, aumento do paro laboral, alza da precariedade e empeoramento da pobreza nos países do Sur. En diante debemos falar de depresión e xa non de recesión.

E detrás desta crise perfílase á súa vez a verdadeira crise estrutural sistémica do capitalismo. A continuación do modelo de desenvolvemento da economía real, tal e como o vimos coñecendo, así como o do consumo que vai emparellado, volveuse, por primeira vez na historia, unha verdadeira ameaza para o porvir da humanidade e do planeta.

A dimensión maior desta crise sistémica concerne o acceso aos recursos naturais do planeta, que se volveron moitísimo máis escasos que hai medio século. O conflito Norte/Sur constitúe, polo tanto, o eixo central das loitas e conflitos por vir.

O sistema de produción e de consumo/malgasto existente fai imposíbel o acceso aos recursos naturais do globo para a maioría dos habitantes do planeta, para os pobos dos países do Sur. Outrora, un país emerxente podía reter a súa parte deses recursos sen ameazar os privilexios dos países ricos. Pero hoxe en día xa non é o caso. A poboación dos países opulentos -o 15% da poboación do planeta- acapara para o seu propio consumo e malgasto o 85 % dos recursos do globo e non pode consentir que uns acabados de chegar accedan a estes recursos, xa que provocarían graves penurias que porían en perigo os niveis de vida dos ricos.

Se Estados unidos fixou como obxectivo o control militar do planeta é porque sabe que sen ese control non pode asegurar o acceso exclusivo de tales recursos. Como ben se sabe, China, a India e o Sur no seu conxunto tamén necesitan eses recursos para o seu desenvolvemento. Para Estados Unidos trátase imperativamente de limitar ese acceso e, en última instancia, só existe un medio: a guerra.

Por outra banda, para aforrar as fontes de enerxía de orixe fósil, Estados Unidos, Europa e outras nacións desenvolven proxectos de produción de agrocombustíbeis a gran escala, en detrimento de a produción de víveres, aínda afectados polo alza dos prezos.

As respostas ilusorias dos poderes vixentes

Os poderes vixentes, ao servizo dos oligopolios financeiros, non teñen outro proxecto senón o de volver poñer en pé este mesmo sistema. Que son esas intervencións estatais senón as que lles esixe a mesma oligarquía? Así e todo, non é imposíbel o éxito desta posta en pé se as infusións de diñeiro resultan suficientes e se as reaccións das vítimas -as clases populares e as nacións do Sur- non deixan de ser limitadas. Pero neste caso o sistema só retrocede para mellor saltar e unha nova desfeita financeira, aínda máis importante, será ineludíbel, xa que as "adaptacións" previstas para a xestión dos mercados financeiros e monetarios resultan amplamente insuficiente, pois non pon en cuestión o poder dos oligopolios.

Por outra banda, resultan divertidísimas estas respostas á crise financeira mediante a inxección de fondos públicos astronómicos para restabelecer a seguridade dos mercados financeiros: privatizados xa os beneficios, en canto resultan ameazados os investimentos financeiros socialízanse as perdas. Cara: gaño eu; cruz: perdes ti!

As condicións dunha resposta positiva aos desafíos

Non chega con dicir que as intervencións dos Estados poden modificar as regras do xogo, atenuar as derivas. Tamén é necesario definir as súas lóxicas e os seus impactos sociais. Desde logo, en teoría, poderíase volver a fórmulas de asociación dos sectores públicos e privados, fórmulas de economía mixta como ocorreu durante os "trinta anos gloriosos" (os anos 1945/1975) en Europa e durante a era de Bandung, en Asia e en África, cando o capitalismo de Estado dominaba amplamente, acompañado por políticas sociais fortes. Mais este tipo de intervención do Estado non está á orde do día. E están as forzas sociais progresistas en condicións de impoñeren unha transformación desta amplitude? Aínda non, coido eu.

A verdadeira alternativa pasa polo derrocamento do poder exclusivo dos oligopolios, o cal é inconcibíbel sen, finalmente, a súa progresiva nacionalización democrática. Fin do capitalismo? Non o creo. Creo en cambio que son posíbeis unhas novas configuracións das relacións de forzas sociais que obriguen o capital a axustarse ás reivindicacións das clases populares e os pobos. A condición de que as loitas sociais aínda fragmentadas e á defensiva, no seu conxunto, consigan cristalizar nunha alternativa política coherente. Con esta perspectiva, resulta posíbel o comezo dunha longa transición do capitalismo ao socialismo. Os avances nesa dirección, abofé, sempre serán desiguais dun país a outro e dunha fase do seu despregamento a outra.

As dimensións da alternativa desexábel e posíbel son múltiples e concernen todos os aspectos da vida económica, social, política. Mencionarei, a seguir, as grandes liñas desta resposta necesaria.

1) A reinvención por parte dos traballadores de organizacións apropiadas que fagan posíbel a construción da súa unidade co fin de transcender a súa dispersión asociada ás formas de explotación vixente (paro laboral, precariedade, informalidade).

2) A perspectiva é a dun espertar da teoría e da práctica da democracia asociada ao progreso social e ao respecto da soberanía dos pobos e non disociada destes.

3) Liberarse do virus liberal fundado no mito do individuo, que xa pasou a ser tema histórico. Os rexeitamentos frecuentes dos modos de vida asociados ao capitalismo (múltiples alleamentos, consumismo e destrución do planeta) sinalan a posibilidade desta emancipación.

4) Liberarse do atlantismo e do militarismo que lle está asociado, ambos destinados a facer aceptar a perspectiva dun planeta organizado sobre a base do apartheid a escala mundial.

Nos países do Norte o desafío implica que a opinión xeral non se deixe gardar nun consenso de defensa dos seus privilexios con respecto aos pobos do Sur. O internacionalismo necesario pasa polo antiimperialismo, non polo humanitarismo.

Nos países do Sur, a estratexia dos oligopolios mundiais leva consigo o facer recaer o peso da crise sobre os seus pobos (desvalorización das súas reservas de cambio, baixa dos prezos das materias primas exportadas e alza dos prezos dos produtos importados). A crise ofrece a ocasión do renacemento dun desenvolvemento nacional, popular e democrático autocentrado, que someta as relacións co Norte ás súas esixencias, isto é, a desconexión. O cal implica:

a) O control nacional dos mercados monetarios e financeiros;

b) O control das tecnoloxías modernas en diante posíbel;

c) A recuperación do uso dos recursos naturais;

d) A derrota da xestión globalizada, dominada polos oligopolios (a OMC) e a do control militar do planeta por Estados Unidos e os seus aliados;

e) Liberarse das ilusións dun capitalismo nacional autónomo no sistema e dos mitos do pasado;

f) A cuestión agraria, en efecto, está no centro das opcións por vir nos países do Terceiro Mundo. Un desenvolvemento digno de chamarse así esixe unha estratexia política agrícola baseada na garantía do acceso á terra para todos os campesiños (a metade da humanidade). Como contrapartida, as fórmulas preconizadas polos poderes dominantes -acelerar a privatización da terra agrícola e transformar a terra agrícola en mercadoría- levan consigo o éxodo rural masivo que ben vimos coñecendo. Como o desenvolvemento industrial dos países afectados non pode absorber esta superabondosa man de obra, a mesma concéntrase nas barriadas miserábeis dos arrabaldes da cidades ou déixase tentar polas tráxicas aventuras dunha fuxida en balsa polo Atlántico. Existe unha relación directa entre a supresión da garantía do acceso á terra e o aumento das presións migratorias;

g) A integración rexional, ao favorecer o xurdimento de novos polos de desenvolvemento, pode constituír unha forma de resistencia e de alternativa? A rexionalización é necesaria, se cadra non para xigantes como China e a India ou mesmo para Brasil, pero seguramente si para outras moitas rexións, no sueste asiático, en África ou en América Latina. Este continente está un pouco por diante nese terreo. Venezuela, oportunamente, tomou a iniciativa de crear a Alba (Alternativa bolivariana para América Latina e o Caribe) e o Banco do Sur (Bancosur), mesmo antes da crise. Pero a Alba -un proxecto de integración económica e política- aínda non recibiu a adhesión de Brasil nin a de Arxentina. En cambio, o Bancosur, que supostamente debe promover outra forma de desenvolvemento, asocia igualmente a estes dous países a pesar de que, até hoxe, sigan tendo unha concepción convencional do papel que debe desempeñar un banco.

Os avances nesas direccións tanto no Norte como no Sur, que son a base do internacionalismo dos traballadores e dos pobos, constitúen as únicas garantías de reconstrución dun mundo mellor, multipolar e democrático, única alternativa á barbarie do avellentado capitalismo.

Máis ca nunca, a loita polo socialismo do século XXI está á orde do día.

(* Informe introdutorio ao Foro Mundial de las Alternativas, celebrado en Caracas (Venezuela) en outubro de 2008)

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 25 de novembro de 2008]

Samir Amin: Nado en 1931 en Exipto, é un dos pensadores marxistas máis importantes da actualidade. Desenvolveu os seus estudos sobre política, estatística e economía en París. En 1970 convértese en director do Instituto Africano de Desenvolvemento Económico e Planificación con sede en Dakar (Senegal). Actualmente é director do Foro do Terceiro Mundo, unha asociación internacional formada por intelectuais de África, Asia e América Latina, destinada a fortalecer os esforzos intelectuais e os lazos entre os países do terceiro mundo, tamén con sede en Dakar.

É autor de títulos como:Neocolonialism in West Africa(1973), La nation arabe (1976),L’eurocentrisme (1988), L’Empire du chaos (1991), Les défis de la mondialisation (1996), Obsolescent Capitalism (2003) ou The Liberal Virus: Permanent War and the Americanization of the World(2004).


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |