Editorial
Publicamos este oitavo número da revista Enxergar coincidindo co inicio do ano 2025, no que se rende homenaxe a dúas figuras moi relevantes na historia do nacionalismo galego, e por extensión dúas figuras importantes na historia da Galiza contemporánea. Estámonos a referir á conmemoración do 75 aniversario do falecemento do patriota galego e destacado
cadro do Partido Galeguista, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e o 50 aniversario do asasinato do patriota galego e dirixente da Unión do Pobo Galego, Xosé Ramón Reboiras Noia.
Daniel Rodríguez Castelao, representou o traballo, a entrega militante e xenerosa de dúas xeracións de galegos e galegas que, desde inicios do século XX, sentaron as bases do nacemento do nacionalista galego. Organizacións como as Irmandades da Fala, as sucesivas Asembleas Nacionalistas, o Seminario de Estudos Galegos, e a posterior creación do
Partido Galeguista, representaron chanzos fundamentais na conformación do nacionalismo galego até a actualidade. En todo ese proceso, na primeira metade do s.XX, tivo unha participación destacada Castelao, tanto na súa faceta artística como no seu activismo político-organizativo, destacando en ambos casos o seu compromiso político, converténdose xunto con Alexandre Bóveda nos dous grandes referentes do nacionalismo desa época.
Castelao xogou un papel destacado na defensa dos intereses de Galiza durante a II República, especialmente na defensa do Estatuto de Autonomía desde o PG, fronte ao fascismo diante do golpe militar do 36 e posteriormente no exilio, sendo fundamentais as súas xestións, xunto a Antón Alonso Rios, Ramón Suárez Picallo e Elpidio Villaverde, para a constitución do Consello de Galiza, o 15 de novembro de 1944 en Montevideo, goberno galego no exilio do cal el foi proclamado presidente. Foi fundamental tamén o seu labor na posterior aprobación do Estatuto de Autonomía de Galiza, por parte das Cortes republicanas españolas no exilio, reunidas en México, en novembro de 1945. Así, pois, Castelao simboliza tamén a tradición galeguista de loita pola liberación nacional de Galiza e pola emancipación
socio-económica do pobo galego. Non podemos permitir que a dereita galega, da man do PP, manipulen e terxiversen o seu ideario e os obxectivos políticos polos que loitou, como así o están a intentar desde a década dos anos 80 e, especialmente, semella que no presente ano.
Doutra banda, Moncho Reboiras, a pesar da súa curta vida, foi igualmente un destacado cadro do nacionalismo galego, neste caso na década dos 70. Asasinado pola policía franquista no ano 1975, cando contaba con tan só 25 anos, exemplifica esa mocidade galega que no tardofranquismo, cunha forte convicción ideolóxica e unha militancia intensa, enfrontouse á represión da ditadura arriscando a súa vida, collendo así o relevo da xeración de Castelao e da seguinte, na defensa dos dereitos da nación galega, entre eles e como principal dereito o de autodeterminación. Para isto promoveron a autoorganización do pobo galego a todos os niveis (cultural, labrego, obreiro, estudantil, ecolóxico, político,…), creando así toda unha estrutura organizativa e unha base programática e reivindicativa, no marco da teorización das loitas de liberación nacional do Terceiro Mundo, que foron fundamentais para a toma de conciencia
nacional de amplos sectores da sociedade galega (...),