Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Emilia Pardo Bazán como síntoma

Artigos

[Artigo publicado na revista Enxergar nº4]

María Pilar García Negro, Profesora da UDC e escritora

 

Adopto o termo “síntoma” tomándoo emprestado da utilización que del fixo o eminente psicólogo e psicanalista Manuel Fernández Blanco, mesmamente na apresentación na Coruña do meu libro Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, o 8 de Xullo de 2021. Referíase neste acto á represión dunha verdade incómoda a base de fabricar os atributos contrarios aos que posuíu o suxeito da análise, neste caso a escritora cuxo centenario do falecemento se conmemorou nese 2021. A aquela altura, no ecuador do ano, xa se acumulaban suficientes indicios e datos da celebración que permitían aseverar: 1º) a construción dun mito de utilización conveniente para a oficialidade intelectual española e galega; 2º) a conversión dunha intelectual e escritora española nun modelo de feminismo avanzado e moderno; 3º) a inclusión da mesma, contra todas as evidencias, nun valor da literatura galega; 4º) a condena, por heréticas, das valoracións-críticas discrepantes do dogma oficial. Seis meses despois, xa nos derradeiros días deste 2021, estamos en condicións de realizarmos unha avaliación do ano pardobazaniano, e de identificar os motivos de tal procedemento celebratorio.

Na chamada posmodernidade, conviven –en paradoxo só aparente– a máis extrema confusión e atomización de ideas e intereses co estabelecemento dun pensamento decretal que tenta expulsar do recinto do politicamente correcto aquelas manifestacións dun pensamento crítico que, en libre concorrencia, circula por fóra, por baixo ou por cima do dogma estabelecido, política, cultural e mediaticamente. Postular que Dª Emilia Pardo Bazán foi unha escritora galega supón anular ou esborrifar unha historia literaria e cultural autónoma –tamén política– que xustamente naceu no século XIX para interromper unha historia de submisión, dependencia e subordinación da Galiza, no lingüístico, no cultural e no político. O eufemismo máis utilizado é o de “espazo literario galego”, onde, seica, cabe todo, sen distinción de idioma, causa a que se serve e intereses ideolóxico-morais de que son tributarios os intelectuais do tempo. Utilizar como exemplo que os Murguía, Brañas ou outros escreberon a súa obra en español implica ignorar que a causa que defendían é xenuinamente nacional, para alén de contornar o feito histórico de que entre conciencia ideal e concreción práctica non existe, da noite para a mañá, coincidencia visíbel. Por iso cualificamos de revolucionaria a obra de Rosalía de Castro, pois foi ela a que aunou, en concilio inseparábel, defensa patriótica, uso da lingua, elevación literaria e excelsitude estética, ao servizo do seu povo, do povo galego, suxeito épico-lírico de boa parte da súa produción. O combate patriótico galego gaña así un formidábel impulso, como recoñeceron todos os seus contemporáneos. O camiño que escolleu a Condesa de Pardo Bazán foi continuísta dunha longa tradición: a contribución á literatura española, á cultura española, con armas e bagaxes. Nesta eleición, a súa posición foi extremista, quer dicer, contribuíu de forma decisiva a aprofundar a estereotipia racista proxectada sobre nós desde séculos atrás por parte dos vultos principais da intelectualidade española. Dotada, ademais, a súa visión dun plus de autoridade: o que lle confería ser galega de nacemento e coñecer ben o seu país natal.

En segundo lugar, na confección do mito citado, faise omisión dun dato fundamental como é a clase social que defendeu e a que serviu. Nótese como non falamos dunha fatal atadura á clase social en que se nace (a chamada condesa rebelde na historiografía irlandesa, Constance Markiewick [Londres, 1868-Dublín, 1927], a “Condesa Vermella”, entregou toda a súa vida á causa nacionalista revolucionaria de Irlanda: primeira deputada no Parlamento británico polo Sinn Fein e ministra de Traballo da República de Irlanda no goberno de Éamon de Valera; feminista e sufraxista; condenada a morte, encarcerada e só liberada na amnistía de 1917). Falamos do servizo explícito, no caso de Pardo Bazán, á alianza Altar-Trono, quer na versión carlista, quer na versión alfonsina; falamos da súa radical desestima do parlamentarismo e da inconsistencia do dereito de sufraxio; falamos da súa crenza na inevitabilidade da desigualdade social; falamos, en fin, da súa adhesión sen fisuras aos dogmas, instrucións e control da Igrexa Católica como institución. En terceiro lugar, acoplar, dentro deste ferreño esquema ideolóxico, unha autodefinición como a que ela se atribuíu: “feminista radical”, resulta, de certo, exercicio ben complicado, non sendo que esfarelemos clases sociais, ideoloxías, e, nomeadamente, atención á maioría social feminina e, dentro dela, ás mulleres traballadoras galegas.

¿Significa isto desconsiderar a súa relevancia como escritora, o seu notábel coñecemento empírico da realidade socioeconómica galega ou a súa proclamación dos dereitos das mulleres como suxeitos independentes, precisados dunha outra educación e dunha outra moral social? En absoluto. É Dª Emilia exemplo preclaro de como se pode ser, como ela foi, unha incansábel traballadora, unha servidora das letras en xéneros literarios variados, unha autora de obra vastísima, unha constante interveniente social e pública en tribunas de gran megafonía..., e, ao tempo, manter unha visión clasista e anti-nacional con tal contundencia como a sostida por ela.

A obra dunha escritora non se debe trocear. Todo o seu feminismo declarativo e auto-aplicado ha de se contrastar co tratamento das personaxes femininas na súa abondosa obra narrativa, na súa novelística e na súa contística, integrada por centos de pezas. Toda a de temática, ambientación e personaxes galegas afíliase ao preconceito coñecido: no mundo popular asistimos ao reino da barbarie, do atraso, da superstición, da violencia: é unha Galiza en negro, só redimíbel por maiores doses de españolización e de europeización. Notemos como o equivalente en España non existe. Só en vida dela teñen lugar catro magnicidios españois: o de Prim (1870), Cánovas (1897), Canalejas (1912), Eduardo Dato (1921), por non engadir o atentado, o 31 de Maio de 1906, contra Alfonso XIII e a súa esposa Victoria de Battenberg, no día do seu casamento, con oito mortos e máis de cen feridos. España, logo, irredenta sen remedio? Non, por certo. Ela, que se definía como “española rabiosa”, acreditou toda a vida en que España era “inviolable en su unidad, santa en sus derechos”. Cegueira total sería pensarmos que desta declaración contundente non se derivasen consecuencias directas para a súa terra de orixe, a Galiza. É imprescindíbel, neste sentido, (re)ler o seu libro De mi tierra (1888), un auténtico compendio non só da súa Galiza senón un auténtico programa do que a Galiza, tan desatendida polo Estado, debera ser: provincia da única patria admisíbel e existente.

 Mais, en falando de violencia, tamén en vida dela ocorren, na Galiza, levantamentos populares ben notorios que debuxan a imaxe dun povo ben distante da imaxe de rabaño pasivo ou condenado á animalización: protestas contra os consumos e, en xeral, contra a ominosa política fiscal; primeira folga xeral da Coruña, en 1901; sucesos de Oseira, en 1909; de Nebra, en 1916... Mortas, mortos e feridos a esgalla, polas forzas represivas do Estado, militares e policiais. A Galiza do seu tempo era unha outra cousa da que aparece nas novelas e contos de temática local, coa violencia residenciada nos bárbaros da clase servil, imposibilitados de rehabilitación, nen sequer a través dun desclasamento que se caricaturiza ou parodia. A súa novela obreira máis amentada, La Tribuna, tal e como ela mesma afirma no prólogo, é unha chamada docente a desenganar o povo de falsas ilusións de goberno que descoñece e admira (a república). A mesma protagonista, Amparo, a tribuna, acaba seducida polo señorito militar, que abandona vilmente a ela e o fillo, mais con quen acabará casando, unha vez que este, tipógrafo socialista en Madrid (Pablo Iglesias Posse?), obriga ao pai biolóxico a casar coa nai, co cal el pode ser o seu herdeiro lexítimo e pasar a ter unha vida de burgués acomodado na Coruña (Memorias de un solterón, onde se produce o desenlace definitivo de La Tribuna).

Si, convén seguir a trazabilidade da Condesa de Pardo Bazán en toda a súa extensión e en toda a súa obra. Ironías da historia: ela coñece perfeitamente ben o galego, por moito que o exclúa da súa praxe literaria. Como é que o coñece tan ben? Sensacional!!: por pura inmersión. Onde se produce esta inmersión? Na escoita inevitábel de todas as traballadoras e de todos os traballadores nativos ao seu servizo, como proprietaria e como rendista: era o seu idioma xeral e masivo, como fala, claro está, desposuído de todo poder e de todo prestixio. Marca estilístico-caracterizadora (máis un atraso: non saber ou non dar falado castellano ben, a lingua por antonomasia) de tantas personaxes de contos e novelas que se expresan á forza en “dialecto”.

Concluímos. Significa todo isto que debamos botar á papeleira da historia Dª Emilia Pardo Bazán? En absoluto. Todo o contrario. É fundamental ler a súa obra, para coñecer como se forxou a nosa historia contemporánea e, como, mesmamente, foron dúas mulleres, Rosalía de Castro e ela, as que encarnaron visións, proxectos e futuro antitéticos para a nosa nación. Afortunadamente, o seu prognóstico-desexo de extinción da cultura galega en galego non se cumpriu, mais a súa liña de pensamento e as súas expectativas para a Galiza continúan existindo e tendo cumprida representación na nosa nación. Tan é así que, neste 2021, a súa personalidade foi utilizada non só como excelsa escritora senón, sobre todo, como modelo de conduta: para sermos alguén na Galiza e no mundo deberíamos, logo, triunfar fóra, ser recoñecidos no planeta España, desertar, en definitiva, de calquer pretensión soberana. Eis o dilema aínda vivo hoxe. De nós depende a escolla, o compromiso e as afinidades electivas. Nisto si que mantén semellanzas visíbeis este século XXI co XIX galego.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |