Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Enxergar. Revista de Pensamento e Análise nº7

Novas

Editorial

O sistema político-económico depredador no que vivimos é quen de pór o foco no conflito ruso-ucraniano, acusando a Rusia de crimes de guerra parello á integración na OTAN de Ucrania -país que, militar e politicamente, xa estaba a servir aos intereses desa organización satélite dos EE.UU.-, mentres o xenocidio que está a perpetrar o sionismo israelí sobre o pobo palestino xa pasou a un segundo plano nos medios de comunicación sistémicos.

Fronte a esta realidade, cómpre lembrar que desde o 8 de outubro de 2023 o exército israelí deu lugar a 34.000 persoas asasinadas e a 18.967 feridas en Gaza, maioritariamente mulleres e nenos, así como a 1,5 millóns de persoas desprazadas, segundo datos divulgados pola canle televisiva británica BBC, a partir de fontes do Ministerio de Sanidade gazatí.

O conflito mantense no tempo desde o final da II Guerra Mundial, cando o mandato británico sobre Palestina remataba coa Resolución 181 da Organización das Nacións Unidas (ONU), coñecido como o “Plan de partición de Palestina”. A proposta da ONU naquela altura foi dividir o mandato británico de Palestina en dous Estados, un árabe e outro xudeu, ficando a cidade de Xerusalén baixo control internacional. No ano 1948 as tropas británicas abandonaban o territorio palestino e o sionista David Ben-Gurión declarou o Estado de Israel. A instauración deste Estado, sen supervisión internacional e incumprindo o pacto de partición de Palestina deseñado e aprobado pola ONU –impedindo a creación dun Estado árabe en Palestina–, deuse en paralelo ao desaloxo e expulsión de milleiros de familias árabes palestinas das súas casas e territorio, converténdose en refuxiados en países veciños (iniciándose o coñecido como Nakba –en galego catástrofe ou desastre–, é dicir, o éxodo palestino, que deu lugar a que, segundo datos da ONU, 711.000 palestinos e palestinas foran daquelas expulsadas das súas vivendas e do seu
territorio).

O Estado de Israel pasou a ocupar Palestina, agás o franxa de Gaza, na que conseguiu resistir o pobo palestino; se ben entre 1948 e 1949 unha coalición de palestinos, exipcios, iraquís, xordanos, libaneses e sirios chegaron a administrar o sur e leste de Palestina, consonte o acordo da ONU, xunto a Xerusalén. No ano 1949 Israel e a coalición árabe asinaron un armisticio e delimitaron a fronteira de Israel cos territorios árabes de Cisxordania e a Franxa de Gaza, na denominada Liña Verde.

Desde aquela altura até a actualidade téñense sucedido períodos de maior ou menor tensión, mais sempre coa constante de padecer o pobo palestino desterro e unha represión durísima e á que ten feito fronte de múltiples maneiras.
Desde estas páxinas denunciamos o xenocidio que está a cometer Israel, solidarizándonos, mais unha vez, con Palestina. Nesta liña, reproducimos neste número de Enxergar. Revista de Pensamento e Análise a entrevista que lle concedeu Fayez Badawi, histórico líder da FPLP en Europa, sempre solidario coa causa galega, ao xornalista Bruno Amaral de Carvalho.

Aliás, convidamos á reflexión sobre outros temas de sumo interese desde unha perspec tiva nacional e de clase. Publicamos un artigo sobre o sistema público de pensións, e o proceso de privatización deste, da man de Susana Méndez, secretaria confederal de organización da CIG; texto no que se afirma como, a maiores de se tentar privatizar o sistema de pensións, a pensión galega media segue sendo a segunda máis baixa do Estado; así como as pensións das mulleres galegas son case 400 euros menores que as dos homes e hai persoas cobrando pensións de 500 euros, que dificilmente chegan para sobrevivir.

A seguir Rubén C. Lois, catedrático de xeografía na Universidade de Santiago de Compostela, presenta unha achega sobre a realidade demográfica de Galiza e a necesidade de implementar dinámicas políticas encamiñadas a reverter a negativa situación actual (onde a taxa de natalidade foi de 5,38 por mil no ano 2022, fronte a unha elevada taxa de mortali dade, do 12,98 por mil no mesmo ano); e Bernardo Valdês Paços, profesor de economía na Universidade de Santiago de Compostela, demostra no artigo da súa autoría as graves implicacións da pretendida instalación dunha fábrica de celulosa na Ulloa (que está a ser respondida exemplarmente pola xente daquela bisbarra e de boa parte do país, así como de numerosas organizacións sociais galegas). Valdês dá conta de como “o novo colonialismo mudou ao respeito do antigo, agora o capital nom só pretende explorar no seu benefício os recursos das colónias, também pretendem que estas paguem os investimentos”.

Begoña Carballo e Iván García Riobó, xornalistas da equipa de comunicación da CIG, conversaron, respectivamente, con Mª Jesús Antas, delegada da CIG e traballadora da limpeza en Lugo e a Ana Caneda Villanueva, delegada da CIG no sector do comercio de alimentación, a partir da entrega dos Premios 8 e 10 de marzo que entrega anualmente a central sindical nacionalista, en recoñecemento de loitas mantidas por traballadoras e traballadores organizados na CIG. Pechamos este novo número de Enxergar. Revista de Pensamento e Análise coa reflexión do historiador e crítico literario Francisco Rodríguez sobre a figura e obra de Benito Vicetto, afirmando que é “indiscutíbel que a primeira historia de Galiza, merecente de tal nome, completa até o seu propio momento histórico, é a de Vicetto, o que non quita mérito á inconclusa de Murguía nin ao seu traballo como historiador, dentro da marxinación, mellor aceitado polo establishment académico na Galiza”; e cun artigo de Aurora Marco, catedrática xubilada da Universidade de Santiago de Compostela, sobre Carmiña Sierra Domínguez, a primeira muller que participou do Seminario de Estudos Galegos e que logo foi moi activa na loita antifranquista, rematando os seus días no exilio. Como se pode ler no artigo da profesora Marco “Carmiña foi pioneira, foi a primeira en entrar ao mes de se constituír a institución (o SEG) –outubro de 1923– e participou nos primeiros traballos colectivos de preparación de fichas sobre bibliografía e iconografía, sobre personalidades, sobre Galiza, que semanalmente levaba cada seminarista ás xuntanzas”. Só nos resta desexar que sexan do interese dos nosos lectores e lectoras estes textos, e que se espallen todo o posíbel entre a clase traballa dora galega. 

 


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |