Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Sae á rúa Enxergar, revista de pensamento e análise

Publicacións

Desde a Fundación Moncho Reboiras comprácenos presentarvos unha nova publicacións que sairá á rúa o próximo 25 de xullo. A Revista de pensamento e análise Enxergar.

Nos estatutos da Fundación Moncho Reboiras figura que entre os seus fins está fomentar o estudo, a investigación e a divulgación de todo aquilo relacionado co movemento obreiro e coa problemática social e nacional de Galiza. O cumprimento destes fins levounos nestes anos a editar numerosos traballos en soportes variados, libros, cadernos, exposicións, vídeos, etc.

Pois ben, dentro dese obxectivo de fomentar o estudo e dar a coñecer a nosa realidade nacional a todos os galegos e galegas, nomeadamente aos cadros e delegadas e delegados sindicais da CIG, o Padroado da Fundación acordou editar unha revista. A periodicidade desta publicación será semestral, permitindo con esa regularidade achegar a todas e todos os seus lectores estudos e investigacións sobre a situación laboral, económica, social, lingüística e histórica. Todas elas serán realizadas por persoas expertas, analistas e dirixentes sindicais, que achegarán as súas reflexións, experiencias e investigacións.

A globalización neoliberal que se foi impondo a escala mundial polo capital transnacional, con máis intensidade nas últimas décadas, está a crear unhas condicións económicas, sociais e laborais, moi negativas para a clase traballadora no seu conxunto, e de forma especial nas nacións colonizadas como é o caso de Galiza.
Para incidir nesta realidade e transformala en beneficio dos intereses das clases populares galegas, cómpre fomentar a análise e o estudo da nosa realidade nacional no momento actual, coñecer como está a ser afectada pola globalización neoliberal, cal é o papel de Galiza no Estado, na UE ou neste mundo multipolar no que estamos inmersos. Todo este coñecemento temos que divulgalo, poñelo ao servizo das e dos militantes das organizacións sociais e políticas actuantes en Galiza, para que elaboren alternativas e coa súa práctica nos permita avanzar na conquista dunha sociedade galega máis xusta, igualitaria, democrática e soberana.

Coa edición desta revista de nome ENXERGAR (visualizar, ver ao lonxe, ver máis alá), pretendemos achegar noso gran de area a este labor tan importante e ambicioso.

Para nós será motivo dunha grande satisfacción se conseguimos que o esforzo que a Fundación Moncho Reboiras fai editando esta revista se ve recompensado coa lectura e o interese polo seu contido por parte de todos aqueles galegos e galegas preocupados polo futuro da nosa Terra e das súas clases traballadoras.


Volver

2019 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |