Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

FESGA conmemora o centenario da primeira asemblea agraria galega

Novas agrarismo caciquismo historia

FESGA, a fundación da CIG para o estudo e divulgación da cuestión social e sindical en Galiza, na súa liña de divulgación da historia do noso país, vén de conmemorar o centenario da primeira asemblea agraria galega, coa realización dunha completa exposición e a edición dun caderno titulados “A loita labrega contra os foros e o caciquismo”, en colaboración co Concello de Monforte de Lemos e coa Diputación Provincial de Lugo.

FESGA, a fundación da CIG para o estudo e divulgación da cuestión social e sindical en Galiza, na súa liña de divulgación da historia do noso país, vén de conmemorar o centenario da primeira asemblea agraria galega, coa realización dunha completa exposición e a edición dun caderno titulados “A loita labrega contra os foros e o caciquismo”, en colaboración co Concello de Monforte de Lemos e coa Diputación Provincial de Lugo.

O pasado ano 2008, cumpriuse un século dende a celebración da primeira asemblea agraria no noso país. O movemento agrarista foi de grande relevancia e importancia en Galiza, sendo un dos principais exemplos da capacidade de autoorganización social do pobo galego.

A exposición, que estará instalada no edificio multiusos  do concello de Monforte de Lemos dende o vindeiro xoves 22 de xaneiro até o 23 de febreiro, está composta por vinte paneis e, ao igual que o caderno, fai un percorrido que arranca na descrición da situación do noso país a finais do século XIX, caracterizada polo caciquismo, a emigración e as grandes fames que darían lugar a importantes motíns.

Abórdase o asociacionismo agrario, analizando o papel das diferentes estruturas e organizacións, tais como os sindicatos agrarios que agromarían coa lei de 1906, “Solidaridad Gallega”, o Directorio Antiforal de Teis, o Comité Antiforista de Becerreá, “Unión Campesina”, ou a “Acción Gallega” de Basilio Álvarez.

Hai varios paneis dedicados a describir cada unha das sete asembleas agrarias que se celebraron entre os anos 1908 e 1917, así como o Congreso Agrario de Tui de 1922. É a redención foral de 1926 o feito co que conclúe este traballo de divulgación histórica.

Está previsto que a exposición percorra diferentes concellos do país. Pola súa banda o caderno, do que se editou unha tiraxe de 4000 exemplares, estase a distribuír en todo o país nos locais do sindicato e noutras entidades, e será enviado a outros puntos de interese.

Etapa histórica relevante

A relevancia de dar a coñecer esa etapa da nosa historia, a explica Manuel Mera, director de FESGA e Secretario Confederal de Comunicación e Formación Sindical da CIG, na parte final do limiar do caderno: “Foron eles, os labregos e un proletariado nacente, os que serviron de fermento e apoio ás ideas e propostas que despois escritores, historiadores, poetas e políticos, galeguistas e nacionalistas, elaboraron dándolle valor teórico, e non ao revés. Esta parte da nosa historia, a da maioría do pobo que silenciosamente fixo patria e solidariedade, está aínda en boa medida por estudar e divulgar. Sen dúbida é unha eiva que cómpre remediar.”


Volver

2019 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |