Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Fesga presenta o caderno gráfico “O galego con humor”

Novas caderno humor lingua

“A través dunha ilustración pódese facer unha tese sobe a realidade da lingua”. Con esta premisa o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, o Secretario Confederal de Formación Sindical, Manuel Mera, e o debuxante Luís Davila, presentaron esta mañá o caderniño “O galego con humor”, unha publicación composta por doce viñetas de seis humoristas gráficos galegos, a través da que se quere facer unha chamada “á necesidade de avanzar no uso social do idioma”.

O caderniño, editado por Fesga coa colaboración da CIG, recolle 12 viñetas de seis recoñecidos humoristas gráficos galegos que poñen as súas ilustracións ao servizo da defensa do galego.  Luís Davila Malvido, Gonzalo Vilas, Pepe Carreiro, Francisco Manuel Paradelo, Xaquín Marín e Xosé Lois González (O Carrabouxo) son os encargados de reflectir, en palabras de Manuel Mera, “dende diferentes ángulos a situación na que se atopa a lingua e trasladar a súa observación particular sobre esta cuestión”.

O caderno, do que se tiraron 5.000 exemplares, vai acompañado de 30.000 autocolantes que reproducen unha viñeta de cada un dos autores e que serán distribuídos en todos os locais da CIG e nos centros de ensino.

O Secretario Confederal de Formación Sindical explicou que a utilización do humor como medio de denuncia recolle a tradición do pobo galego que “a través da retranca foi quen de caracterizar todas as realidades, dende a política á social, pasando pola económica ou a lingüística”.

Comunicación rápida e eficaz

Pola súa banda, Luís Davila valorou positivamente a participación neste proxecto pois “o humor gráfico permite comunicar ideas de forma rápida e chega a todo o público con máis eficacia. En tres segundos a xente consegue captar a mensaxe que queres transmitir”. “Temos que defender o noso dereito de que a lingua estea presente en todos os ámbitos”, afirmou Davila.

A publicación enmárcase dentro da campaña global que a central está desenvolvendo a través das diferentes Federacións para facer unha chamada “á necesidade de avanzar no uso social do idioma e loitar contra a discriminación que está a sufrir”, apuntou o Secretario Xeral da CIG.

A este respecto lembrou que aínda persisten discriminación nos postos de traballo para os/as persoas que falan galego, mesmo chegando a prohibirse o uso do idioma da Galiza. “Agora que tanto se fala da necesidade de desenvolver modelos económicos e industriais sostíbeis que respecten a diversidade, faise fundamental conservar a riqueza idiomática dos pobos”, afirmou Seixo.


Volver

2019 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |