Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

2003, Cando a rúa fervía. Nunca Máis e Non á Guerra, un antes e un despois que non se pode ignorar

Novas Non á guerra Nunca Máis Servizo públicos

 

Reflexionar sobre a historia do país é unha obrigación para todos e todas e, moi especialmente, para os/as que teñen unha responsabilidade política, sindical, social.

 

Neste aspecto chama a atención que o nacionalismo galego hoxe lle outorgue tan pouco valor a analizar e socializar o acontecido no último medio século, que foi cando maior incidencia tivo como forza social e política. Por exemplo, o movemento nacional popular galego foi esencial na loita contra os Pactos da Moncloa, a cota empresarial agraria e a Constitución de 1978 (hoxe tan criticada por moitos que daquela a avalaron). Foi o nacionalismo quen empurrou na Galiza a primeira folga xeral despois da queda da ditadura, e tivo un papel destacado nas mobilizacións contra a desfeita do Prestige, e a consolidación do movemento Nunca Máis e Non á Guerra; entre moitas outras loitas a prol das clases populares, así como, como aspecto esencial, na defensa da cultura, lingua e dereito á soberanía nacional. Tamén na solidariedade internacionalista, a prol da paz e contra as agresións e intervencións imperialistas.

Agora ben, neste artigo quéremo centrar especificamente nos sucesos do ano 2003, de hai década e medio. Quero facelo lembrando feitos anteriores e posteriores, porque os acontecementos amosan que Nunca Mais non foi unha só unha resposta circunstancial e exclusivamente relacionada co desastre do Prestige. A contestación popular masiva reflectía un estado de animo e de conciencia menos conxuntural. Daquela que as mobilizacións dese ano evidenciasen un povo resolto, e que estaba na procura de alternativas de xustiza social e democracia participativa.  

O ano 2003 iniciase condicionado polo desastre do barco Presige, no mes de novembro de 2002, e da marea humana que se axuntou en Compostela o 1 de decembro. O Tempo Sindical, voceiro da CIG, titulaba deste xeito a convocatoria: “a maior manifestación da historia de Galiza esixe dimisións e solucións”. Destacábase no artigo: “os últimos manifestantes tardaron tres horas en chegar á praza do Obradoiro; a praza encheuse a tope en tres oportunidades, e todo isto malia que choveu dende as primeiras horas da mañá e durante todo o tempo que durou a mobilización”. Comentase no voceiro a presenza “dunha delegación da Intersindical Portuguesa (CGTP-IN)”. Durante meses repetíronse as manifestacións, destacando as do día 11 de decembro en todas as cidades galegas, mentres veciños e voluntarios/as realizaban todos os esforzos para limpar praias e rochas estragadas polos vertidos do petroleiro. Un ano despois, coincidindo co aniversario do desastre, o 16 de novembro de 2003, volvíase ateigar a praza do Obradoiro en Compostela con mais de cen mil persoas, segundo os organizadores.

Entre estas respostas populares hai que salientar asemade, polo seu simbolismo, e grao de conciencia existente, o reaxer de milleiros de persoas contra a reunión de ministros do Presidente Aznar á Coruña o 14 de decembro, e a visita do Príncipe de España a Vigo o 17, superando as previsións tanto en participación como no grao de contestación. Tamén superou as previsións mais optimistas a manifestación realizada en Madrid o 23 de febreiro de 2003 (a Voz de Galicia daba a cifra de 300 mil persoas), das que unha parte moi considerábel desprazouse dende Galiza.

 

Agora ben, non se pode obviar que esta resposta tan contundente, solidaria e masiva, tivo na primeira liña ao movemento obreiro, e hai que entendela dentro dunha determinada conxuntura, duns antecedentes, nos que a mobilización laboral e estudantil estaba en ascenso. Viña de antes, dun traballo previo. Lembremos o paro de Transportes La Unión de 121 días durante o ano 2001, a folga xeral galega do 15 de xuño dese mesmo ano, convocada pola CIG e UGT, contra a reforma laboral e o pacto das pensións. O conflito de Sintel, as protestas do sector público no mes de decembro polas condicións laborais e estudantil contra a LOU. Protestas que continuaron durante o ano 2002, con manifestacións o 14 de febreiro e 7 de marzo, o 11 de xuño, e a folga xeral do 20 de xuño, neste caso convocada pola CIG, CCOO e UGT, en contestación ao recorte das prestacións por desemprego e o abaratamento do despedimento inxustificado. Foi un paro total con manifestacións masivas. Que continuaron posteriormente con mobilizacións o 2 de outubro nas cidades galegas, convocada pola CIG exclusivamente, e contra a Lei de Calidade en Compostela por parte da Plataforma Galega pola Defensa do Ensino Público.

En resumo a finais de 2002 existía auxe das mobilizacións, empurrado polas medidas regresivas de Aznar e unha situación económica e laboral moi negativa para a clase traballadora galega. Escribía no xornal Atlántico daquela: “Galiza rematou o ano 2002 cunha taxa de desemprego do 12,35%, ou sexa 151.015 persoas paradas. Todo un récord!!!. Somos a segunda comunidade, despois de Estremadura, en porcentaxe de paro, e 3 puntos por riba da media do Estado. Non é un dado polo que nos poidamos sentir ledos, porén o realmente grave é que o futuro presentase máis negro” (2003-01-08). Ao agro non lle ía mellor, cada ano como media dende o 1995 até o 2003, 14.688 persoas deixaron este sector.

O avance tan grande do nivel de conciencia naquel intre, grazas á mobilización social, á existencia dun activismo numeroso e cunha mensaxe transformadora, tería reflexo no aumento da afiliación e representación sindical, non así nos resultados das eleccións autonómicas do ano 2005, nas que o nacionalismo perdeu 4 dos 17 deputados que tiña. Un paso atrás no ámbito institucional que a participación no bipartito co PSOE non freou. Un retroceso constante, que todo amosa foi iniciado previamente, e que aínda non foi abondo analizado polo nacionalismo, para tirar conclusións e socializalas, para que sirvan para rectificar e mellorar, e polo tanto reverter a a tendencia negativa. Un período que aínda provoca posturas encontradas, tanto na análise respecto dos aspectos negativos como dos positivos, a maioría das veces dende actitudes predefinidas e simplistas, mais preocupadas da autoxustificación de posturas previas que da autocrítica construtiva valorando a práctica polos resultados. Non só nos votos, senón no estado de animo e grao de conciencia (organización, participación, activismo, mobilización, complicidade social, loita no eido das ideas).

Artigo de Manuel Mera, Director da Fundación Moncho Reboiras

 


Volver

2019 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |