Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. Semente de vencer

Artigos

Neste ano 2022 cúmprense 50 anos dun dos sucesos máis traumáticos da historia do movemento obreiro galego, como foi o metrallamento, por parte da policía franquista, dunha manifestación de traballadores da empresa BAZÁN (hoxe Navantia) en Ferrol, o 10 de marzo de 1972, que se saldou coa morte de dous traballadores, Amador Rei e Daniel Niebla, e con preto de trinta traballadores feridos de bala.

[Artigo publicado na revista Enxergar nº4]

Suso Seixo, Presidente da Fundación Moncho Reboiras

Neste ano 2022 cúmprense 50 anos dun dos sucesos máis traumáticos da historia do movemento obreiro galego, como foi o metrallamento, por parte da policía franquista, dunha manifestación de traballadores da empresa BAZÁN (hoxe Navantia) en Ferrol, o 10 de marzo de 1972, que se saldou coa morte de dous traballadores, Amador Rei e Daniel Niebla, e con preto de trinta traballadores feridos de bala.

Estamos diante dun acto de brutal represión, un dos moitos que sufriu o movemento obreiro durante a ditadura franquista, que exemplifica o carácter sanguinario, antiobreiro, inhumano e de desprezo que o devandito réxime político e os seus máximos dirixentes sentían polas clases traballadoras e o trato que daban a todas aquelas persoas que tiñan a valentía de enfrontárense, en defensa da súa dignidade e os seus dereitos fundamentais, a este réxime ditatorial.

RELATORIO DOS SUCESOS DE 1972

O contexto de conflitividade laboral no que se produce o asasinato destes dous traballadores da empresa Bazán, queda perfectamente recollido no caderno editado pola Fundación Moncho Reboiras, no ano 2016, titulado “O SINDICALISMO GALEGO NA TRANSICIÓN”, no que se afirma:

“Os obreiros da Bazán de Ferrol viñan mantendo desde febreiro de 1972, medidas de presión crecentes sobre a empresa, en apoio dun convenio propio. Os plantes intermitentes de horas extras fóronse convertendo en indefinidos a partir do 22 dese mes. Logo do 1 de marzo, comezou a haber asembleas cotiás, paros parciais e unha redución do ritmo produtivo. O 6 de marzo do 1972, asinouse en Madrid un convenio colectivo común da Bazán para as factorías de Cádiz, Cartaxena e Ferrol, sen a representación dos traballadores desta última. A representación sindical ferrolá respondeu chamando a unha concentración para o día 8, na cal os obreiros decidiron convocar unha nova asemblea no día seguinte. O 9 de marzo á mañá, informados os traballadores das detencións, sancións e suspensións de emprego e soldo contra seis dirixentes sindicais, da prohibición de acceso á factoría para estes e da agresión sufrida a mans dos gardas da empresa, deciden un peche indefinido. Pasadas as cinco da tarde, a Policía Armada desalóxaos das instalacións, cunha violencia extrema, repetindo actuacións semellantes en diversos puntos de Ferrol. A resposta da dirección da empresa foi o peche da factoría “até novo aviso”. O 10 de marzo, os operarios ferroláns concentráronse diante da Bazán. Logo, uns tres mil traballadores dirixíronse á entrada da cidade, co obxectivo de sumar á súa protesta os obreiros da construción de Caranza e os empregados de Astano, en Fene, que se esperaba se mobilizasen atravesando a ría. Ao chegaren á altura das “Casas Baratas”, sesenta membros da Policía Armada (os “grises”) cortáronlles o paso aos operarios, abrindo fogo a policía. Os operarios retrocederon diante dos disparos mentres guindaban pedras para se defenderen. Caeron mortos Daniel Niebla e Amador Rey, e
outros vinte e oito obreiros foron feridos de bala, a metade gravemente. Mentres a policía marchaba do lugar, dando por sufocada a mobilización, os manifestantes axudarían os compañeiros feridos trasladándoos ao hospital.

Como consecuencia do enfrontamento do 10 de marzo, as forzas de “seguridade” franquistas ocuparon a cidade, declarándose o estado de excepción. Ese mesmo día, o cruceiro Canarias preparouse para “protexer” os estaleiros, e outro buque da Armada española foi disposto para voar, en caso necesario, a ponte de acceso á cidade. A Bazán ficaría pechada por dez días e despois sería militarizada, véndose afectadas miles de familias. O cadro de persoal da empresa era de 5.487 persoas, ao que engadir o persoal das auxiliares. A noticia sobre a dura represión, os mortos e feridos, estendeuse axiña pola comarca e o país, parando a súa actividade empresas da bisbarra.
Esta solidariedade alargouse rapidamente a toda Galiza.

Destacaron as protestas en Vigo. O mesmo día 10, Vulcano e Barreras ían á folga, e nos días seguintes outras empresas da cidade e de Cangas seguirían o seu exemplo. O 15 de marzo realizouse unha masiva concentración na Porta do Sol, contra a cal cargou a policía deixando varios feridos. O día 16, coa reincorporación dos obreiros de Vulcano remataban as accións de solidariedade. Na Coruña producíronse paros e accións de protesta en varias empresas, logo de se constituír un Comité de Folga. Na Universidade de Compostela sumáronse á protesta os estudantes, con paros e manifestacións. Tamén se deron mostras de solidariedade en Lugo e Ourense.

A represión contra os obreiros da Bazán e doutras empresas non tardou en chegar. Segundo fontes policiais, na comarca de Ferrol foron detidas 169 persoas, así como 130 traballadores sancionados coa perda de emprego, 45 xulgados por asociación ilícita, pasando unhas 200 persoas á clandestinidade. O 31 de outubro celebrouse un Consello de Guerra contra 8 traballadores, polo delito de propaganda ilegal. Foron condenados cada un a 3 anos e seis meses de cadea e unha multa de 300.000 pesetas”.

A conflitividade laboral existente na Galiza naqueles anos, derivada das precarias condicións de traballo, da falta de liberdades, da represión por parte do réxime e dun movemento obreiro que empeza a coller forza e a organizarse, púxose de novo de manifesto no mes de setembro de 1972, na comarca de Vigo. Reprodúcese, a seguir, o que aparece recollido ao respecto no caderno “O SINDICALISMO GALEGO NA TRANSICIÓN”:

“O día 8 de setembro do 1972 apareceron en Citroën panfletos asinados por Comisións Obreiras, convocando unha folga para o día seguinte, coa reivindicación de non traballar os sábados pola tarde. O paro foi parcial, pero a empresa despediu cinco traballadores e abriu expediente a catro membros do Comité. A folga converteuse en indefinida, sumándose á mesma axiña Barreras, Santo Domingo, Vulcano, Artiscar, Álvarez... Durante o paro seguirían estratexias distintas CCOO e Organización Obreira. Realizáronse manifestacións diarias naquel contexto. A Policía Armada franquista actuou cunha gran contundencia sendo reforzada con dúas “bandeiras” de “especiais” traídos de Valladolid, aos que se sumaron 500 gardas civís chegados dos concellos máis próximos. Houbo situacións nas que se chegou a contar até 31 jeeps (como o día 19, nas portas de Citroën). A medida que aumentaba a represión, e a policía tomaba as rúas e as portas das empresas, o movemento obreiro optou máis polo “salto” nas rúas e a construción de barricadas. O día 15 sumáronse, ás trece empresas en folga, outras máis, como Frigoríficos Vigo, Unión Cristalera, Flex, Carnaud. O día seguinte facían o propio Talleres Valiño e Procsa, así como Massó de Cangas e Dreslock no Porriño. A esta altura, o conflito abranguía tamén á construción e os centros de ensino secundario. Algún xornal internacional deu a cifra de 27.000 traballadores e traballadoras en paro.

A partir do día 20, a protesta comezou a recuar. Ese día, a policía descubriu o aparello de propaganda de Organización Obreira, e os xurados de empresa de Santodomingo e Vanosa chamaron nos xornais a reincorporarse ao traballo. O venres 22, a policía cargou contra unha concentración de folguistas no edificio dos Sindicatos; e na rúa do Príncipe, as mulleres realizaron unha manifestación solidaria. Comezaron chegar as cartas de despedimento. En total foron sobre 6.000. A folga xeral alongouse até o día 26, cando Vulcano volveu ao traballo. Un día antes xa o fixera Citroën. Nesta fábrica, onde encetara o conflito, membros da dirección da mesma foron peneirando o persoal, deixando fóra os máis combativos ou considerados “perigosos”. Chegou a haber uns 400 despedimentos, ademais dunha morea de detidos e xulgados. Moitos dos despedimentos foron de cargos sindicais, coa evidente intencionalidade de descabezar o movemento obreiro. A comarca industrial de Vigo convertérase así na máis elevada expresión da loita de clases na Galiza”.

NACEMENTO DO SINDICALISMO NACIONALISTA

O ano 72 foi determinante no nacemento do sindicalismo nacionalista. Estamos diante duns sucesos que convulsionaron a sociedade galega, e de forma especial o movemento obreiro, o cal propiciou o clima necesario para que a decisión política que tiña adoptado a Unión do Pobo Galego, de promover a autoorganización do noso pobo a todos os niveis, se empezase a facer efectiva na clase traballadora galega. Partindo de cadros provenientes de Galiza Socialista, de Organización Obreira e da propia UPG, no 1973 constitúese a Fronte Obreira deste partido, que promove a creación de xermolos sindicais en diferentes comarcas de Galiza, fundamentalmente nas cidades por ser onde había maior concentración obreira, referenciados a nivel propagandístico na edición de boletíns como Adiante en Vigo, Ferramenta en Ferrol, Galego en Compostela, Obradoiro en Ourense, Xerme na Coruña.

Estes primeiros xermolos sentarían as bases para un segundo paso, a creación de sindicatos de sector como: a Unión de Traballadores do Ensino, a Unión de Traballadores da Banca, a Unión de traballadores da Sanidade, o Sindicato de Traballadores do Mar e o Sindicato Obreiro Galego (que abrangue ás traballadoras e traballadores do resto dos sectores), todos estes sindicatos se confederarían, no ano 1977, para dar lugar á primeira central sindical nacionalista na historia de Galiza, a Intersindical Nacional Galega (ING).

O nacemento do sindicalismo nacionalista galego ía supor un feito transcendental para o movemento obreiro galego. Por primeira vez a clase traballadora galega asumía a responsabilidade de crear organizacións sindicais propias, autoorganizándose, converténdose en suxeito soberano, dona do seu propio destino, rachando así coa negación e colonización mental, á que a sometía (e segue a tentar someter aínda hoxe) o sindicalismo español, como consecuencia da súa visión e práctica centralista e homoxeneizadora do Estado español, non recoñecendo a problemática específica da clase traballadora galega, derivada da dupla explotación que sofre pola súa pertenza a unha nación colonizada, a nación galega.

Por primeira vez tamén na súa historia, a clase traballadora galega ía ter unha proposta sindical que lle falaba da súa problemática específica, das súas reivindicacións (algo tan elemental como o uso do galego nas asembleas, a defensa de postos de traballo na terra ou a necesidade de ter convenios galegos, ao que se opuña con firmeza o sindicalismo españolista), e que lle ofrecía alternativas propias e reais na perspectiva de rematar coa súa explotación de clase e nacional.

En conmemoración dos sucesos de marzo do 1972, en homenaxe ás vítimas de aquela barbarie, en recoñecemento da loita da clase traballadora na defensa dos seus dereitos e contra a ditadura franquista, é polo que o sindicalismo nacionalista acordou proclamar esta data como o DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA e celebrala todos os anos.

CONTEXTO POLÍTICO, ECONÓMICO E LABORAL NOS ANOS 70

O contexto político, económico e laboral da década de 1970, no que nace e dá os seus primeiros pasos o sindicalismo nacionalista, caracterízase por unha importante conflitividade laboral e social, derivada dunha forte crise económica e da represión e falta de liberdades fundamentais que padecía a sociedade.

A ditadura franquista vivía os seus últimos anos, por unha banda, empurrada pola presión dun movemento obreiro cada vez máis fortalecido e organizado que esixía mellorar as súas condicións de traballo e de vida, e dentro diso estaba o recoñecemento e respecto das liberdades fundamentais, e por outra, esixida pola necesidade de ter que camiñar de cara a un réxime político con formas formalmente democráticas, se quería incorporarse plenamente a unha Unión Europea cada vez máis avanza na súa conformación, algo que o capitalismo español precisaba. Todo isto se veu acelerado coa morte do ditador Francisco Franco, o 20 de novembro de 1975. Estamos a falar pois de anos de incerteza, de medos e de resistencia por parte dos sectores máis duros do réxime a calquera cambio, o que derivou nunha forte represión contra todas as persoas que loitaban pola caída da ditadura, pola democracia, e nomeadamente contra o movemento obreiro e as forzas políticas da esquerda real e o soberanismo. Pero eran tamén anos de esperanza para todas as persoas e organizacións implicadas en acabar con aquel réxime ditatorial e sanguinario e construír unha sociedade democrática (que para o caso galego pasaba polo recoñecemento do dereito de autodeterminación).

Este proceso saldouse, no campo político, co nomeamento por parte de Franco de Juan Carlos I como o seu sucesor na xefatura do Estado. Púñase en marcha así o proceso de transición do réxime ditatorial a unha monarquía parlamentar, pactada entre representantes do anterior réxime (UCD/AP), as forzas da esquerda española (PSOE/PCE) e forzas da dereita nacionalista de Euscadi e Catalunya (PNV/CIU). Este proceso de transición quedou plasmado en dous documentos políticos de referencia como foron os Pactos da Moncloa de 1977 e a Constitución Española de 1978. Proceso en todo momento condicionado pola presión e ameazas do exército español, ao servizo sempre dos intereses da oligarquía española, e no fondo tamén polo escaso interese das forzas políticas españolas en conducir a transición a un réxime político e un modelo de estado diferente ao que finalmente se creou.

O camiño da transición pactada coas forzas políticas saídas do franquismo, e non o da ruptura co anterior réxime, buscando claramente o preservar os intereses económicos da oligarquía española e un modelo de Estado descentralizado, máis aparente que real, permitiu que os responsábeis e sustentadores do réxime ditatorial fascista continuasen tendo un forte control do aparato do Estado (exército, xudicatura, policía, garda civil, empresas públicas…), ao tempo que se ocultou ás xeracións presentes e futuras (e se evitou dar un debate real na sociedade sobre) o significado da democracia, da república, do golpe militar do 1936, da monarquía, do asasinato de miles de demócratas e o xulgamento dos responsábeis destes, etc.

Todo este proceso de cambio de réxime, que se nos vendeu desde o poder como algo exemplar, foi, desde o punto de vista da democracia e dos intereses das clases populares, xustamente o contrario, e garda moita relación co que pasou ao longo destes anos (intento de golpe de Estado no 1981) e o que está a pasar hoxe de novo na sociedade española, cunha presenza importante dunha dereita e dunha extrema dereita cun forte tufo franquista, así como a negación e a represión que se segue a exercer contra as nacións do Estado e as forzas políticas que as defenden e representan.

Polo que respecta á situación económica, coincide cunha importante crise, a de 1973, motivada por un forte incremento dos prezos do petróleo, derivado da decisión dos países árabes produtores de petróleo de recortarlle o abastecemento a Occidente, por terse posicionado a favor de Israel na guerra que este país mantiña con Siria e Exipto. Esta crise derivou no peche de numerosas empresas e nuns niveis de inflación que chegaron a superar o 30% .

No terreo laboral e social mestúranse dúas situacións; por unha banda, as precarias condicións de traballo, agudizadas pola crise económica de 1973, coa conseguinte destrución de miles de postos de traballo e unha perda moi alta do poder adquisitivo dos salarios e, por outra banda, a transición dun réxime ditatorial a unha situación de democracia burguesa con recoñecemento formal das liberdades fundamentais, entre elas a de asociación e polo tanto a desaparición do sindicato vertical franquista e a conformación de novas organizacións sindicais.
Estamos a falar, pois, de anos dunha enorme conflitividade laboral, vinculada principalmente ás medianas e grandes empresas onde existía certo nivel de organización sindical, folgas pola mellora das condicións laborais, de solidariedade, contra a represión ou en defensa do postos de traballo, e que se daban fundamentalmente nas comarcas de Vigo, Ferrol e algo menos na da Coruña.

A partir de mediados da década, morto o ditador e iniciada a transición ao novo réxime político, pasan a gañar protagonismo os conflitos de sector, con folgas moi importantes vinculadas á negociación dos convenios colectivos (metal, construción, transporte, madeira, hostalaría...) e a enorme perda do poder adquisitivo dos salarios. Isto posibilitou que a conflitividade laboral se estendese tamén ás provincias de Lugo e Ourense.

Por primeira vez despois de corenta anos, a clase traballadora podía crear abertamente organizacións sindicais propias, fóra da estrutura do sindicato vertical franquista, o cal provocou que esta loita pola mellora das condicións de traballo se convertese, ao mesmo tempo, nunha disputa entre as diferentes centrais sindicais, as existentes e as que se estaban a conformar, entre elas o sindicalismo nacionalista, por ocupar o espazo deixado polo sindicato oficial e único do réxime en proceso de desaparición.

Foron anos tamén de importantes loitas no campo ecolóxista, estudantil e labrego, nos cales o nacionalismo tivo tamén un forte protagonismo, tanto na mobilización como no contido ideolóxico e político das reivindicacións, a través de organizacións como a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) ou as Comisións Labregas (CCLL).

A HERDANZA DAQUELES ANOS E A EVOLUCIÓN ATA A ACTUALIDADE

Sen dúbida ningunha, aqueles anos 70 e o resto da década, foron moi definitorios nos aspectos ideolóxicos, programáticos e de práctica sindical do sindicalismo nacionalista e de clase, así como na súa conformación definitiva como modelo alternativo, diferenciador e, en moitos aspectos, antagónico ao sindicalismo con vocación de integración no sistema que os sindicatos españolistas maioritarios (CCOO e UGT) defenderon, defenden e representan.

As razóns materiais, políticas e ideolóxicas que motivaron o nacemento do sindicalismo nacionalista; a forte conflitividade laboral e social na que tivo que constituírse e dar os seus primeiros pasos; a confrontación co sindicalismo españolista fronte a política de pacto social e de colaboración co poder; o compromiso militante dos seus cadros por organizar á clase traballadora galega en sindicatos propios, naquelas condicións tan adversas de represión e baixa conciencia nacional; etc., foron circunstancias todas elas moi determinantes no contido programático, nas alternativas, na coherencia, na práctica sindical diferente, combativa e de contrapoder do sindicalismo nacionalista galego. Modelo e práctica sindical na que se foi afondando e que se foi afianzando ao longo de todos estes anos, ata se converter na realidade que é hoxe, a primeira forza sindical na Galiza da man da CIG.

O sindicalismo de Pacto Social, iniciado co apoio aos Pactos da Moncloa de 1977, así como os sucesivos pactos sociais asinados, desde aquela data ata a actualidade, xerando desmobilización, desideoloxización e perda de dereitos da clase traballadora; a defensa do marco estatal de relacións laborais e sociais, negador dos marcos propios de relacións laborais e sociais de Galiza, Euscadi ou Catalunya, e fomentador de convenios estatais que burocratizan, afastan e debilitan un instrumento fundamental da clase traballadora como é a negociación colectiva; a actitude de pasividade e mesmo de colaboración en moitos casos co que supuxo a perda de capacidade produtiva e o desmantelamento de sectores produtivos básicos da economía galega, no que foron as negociacións de entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea; a asinamento de acordos estatais en materia de negociación colectiva ou en materia de pensións, con perda de poder adquisitivo dos salarios e retroceso na contía das pensións ou na posibilidade de acceder a unha pensión pública; a aceptación de delegados/as de persoal ou de comités de empresa, postos a dedo polas empresas; a firme oposición ao recoñecemento do carácter plurinacional do Estado; a integración no sistema capitalista e a súa aceptación como o mellor dos sistemas posíbeis para a clase traballadora; o veto permanente a nivel internacional para evitar que a CIG forme parte de organizacións internacionais…, son algúns dos numerosos exemplos que definen o que é a práctica e as alternativas do sindicalismo español, representado por CCOO e UGT.

Estamos a falar pois dun modelo sindical que é irreconciliábel co modelo sindical que representa a CIG, o que dificulta enormemente calquera posibilidade de unidade de acción no global, pero tamén en moitos casos na práctica diaria. Nestas circunstancia, a tan desexada e necesaria unidade da clase traballadora, só será posíbel e eficaz se se constrúe desde abaixo, desde os propios centros de traballo ou asembleas de sector.
O sindicalismo españolista nunca entendeu, ou nunca lle interesou entender, tanto por razóns ideolóxicas como por relacións de poder (é evidente que a estrutura centralista do Estado lles dá protagonismo e poder á hora de definir o modelo e o contido das relacións e das condicións laborais da clase traballadora de todo o Estado Español), que este modelo de Estado de carácter centralista, negador do carácter plurinacional do mesmo, fortemente controlado no seu modelo económico e no seu aparello militar, xudicial ou das forzas da “orde pública”, pola dereita herdeira do franquismo, só beneficia e protexe os intereses da oligarquía española.

A clase traballadora das diferentes nacións do Estado, e mesmo a propia clase traballadora de España, sairía claramente beneficiada nos seus intereses de clase, polo cambio na correlación de forzas que se produciría co desmantelamento do actual modelo de Estado centralista, posibilitando o exercicio da plena soberanía das nacións que o integran e mesmo, partindo desa soberanía, mediante a construción dun Estado confederal supranacional.

Esta práctica sindical centralista e de colaboración co poder económico do sindicalismo españolista, ten que reafirmarnos na necesidade de seguir a fortalecer un proxecto sindical como o que a CIG representa, como instrumento fundamental para a defensa dos intereses de clase e nacionais da clase traballadora galega. A experiencia vivida desde o nacemento do sindicalismo nacionalista galego ata a actualidade, así como as propias circunstancias económicas, laborais e políticas existentes na actualidade, a nivel galego e internacional, así o proba e aconsella.

A mellor homenaxe e tributo que podemos facer a Amador Rei, Daniel Niebla, Moncho Reboiras… e a todos aqueles traballadores e traballadoras que deron a súa vida por conquistar unha sociedade galega máis xusta, democrática, sen explotación de clase e soberana, é seguir organizándonos, combatendo, loitando polos dereitos e pola mellora das condicións de traballo e de vida da clase traballadora galega e por derrubar un sistema económico inxusto, antidemocrático e opresor como é o sistema capitalista.

Sirva tamén este artigo, neste 50 aniversario desta data tan significada, para homenaxear e agradecer a todos os miles de compañeiros e compañeiras que co seu compromiso, esforzo e coherencia, en condicións moi adversas, sen renunciar aos nosos principios e práctica sindical combativa e antipacto social, e co firme acoso por parte do poder económico, político e mediático, fixeron posíbel que o sindicalismo nacionalista sexa unha realidade e se convertese na primeira forza sindical de Galiza.

Parabéns.

VIVA O 10 DE MARZO. VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA. VIVA A CIG.

Suso Seixo, Presidente do Padroado da Fundación Moncho Reboiras


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |