Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Inauguración en Lugo dun busto en homenaxe a X.R. Reboiras Noia

Novas

Este sábado 27 de decembro, por volta das 11:30h, o Concello de Lugo inaugurará un busto en homenaxe ao militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, por iniciativa das Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre.
 
O busto será inaugurado na rúa Soto Freire, ao carón da entrada do Centro Socio-Cultural do Vello Cárcere (nas cercanías da Estación de Autobuses).
 
Esta iniciativa súmase a todas as actividades que se impulsaron ao longo do presente ano, en lembranza de "Moncho" Reboiras, no 50 aniversario do seu asasinato, cando apenas contaba con 25 anos. Asasinato producido en Ferrol o 12 de Agosto de 1975, a mans da policía franquista, pola intensa militancia de Reboiras en favor da vertebración do nacionalismo galego e da democracia fronte á ditadura fascista. Loita que o levou a ser recoñecido polo Consello de Ministros, no ano 2009, como "vítima do franquismo".
Ao acto asistirán responsábeis das Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre, así como, entre outras autoridades municipais, Rubén Arroxo, Tenente de Alcalde do Concello de Lugo. 
 
Desde as Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre facemos un chamado á cidadanía galega no seu conxunto, e particularmente á militancia nacionalista e antifascista galega, á que acudan a este acto en homenaxe a "Moncho" Reboiras.
 

Volver

2025 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |