Desde a Fundación Moncho Reboiras expresamos o noso grande pesar polo falecemento do compañeiro e dirixente sindical Antolín Alcántara, trasladándolle o noso afecto á súa familia. Membro do Padroado da Función Moncho Reboiras, tivo diversas responsabilidades na Confederación Intersindical Galega (CIG), sendo na súa última etapa na dirección da central sindical Secretario Confederal de Negociación Colectiva.
Natural de Moaña, era o maior de sete irmáns e estudou bacharelato no instituto de Cangas. Con 16 anos comezou a traballar na mariña mercante alemá como maquinista naval, tomando contacto por primeira vez coa explotación de clase que espertaría andando o tempo a súa conciencia obreira. Aos 21 anos entra a traballar no sector da automoción en Vigo, onde inicia as súas primeiras loitas sindicais, e posteriormente no transporte e nas instalacións eléctricas.
Tal e como se apunta desde a propia CIG, Antolín Alcántara foi "unha das figuras máis destacadas do sindicalismo nacionalista galego das últimas décadas e un referente humano, político e sindical para varias xeracións de militantes e traballadores e traballadoras. Vinculado desde moi novo ás loitas obreiras e ao movemento nacionalista galego, fixo da defensa da clase traballadora, da xustiza social e da liberación nacional e social de Galiza o eixo central da súa vida".
Estando especialmente ligado ás loitas do metal e do naval da comarca de Vigo, Antolín "desempeñou un papel fundamental nos grandes conflitos laborais que marcaron a historia recente do movemento obreiro galego, sempre desde a primeira liña, ao lado dos traballadores e traballadoras, defendendo con firmeza a negociación colectiva, os dereitos laborais e a necesidade dunha resposta organizada fronte á explotación e á precariedade".

O presidente da Fundación Moncho Reboiras, Suso Seixo, pronunciou unhas palabras na despedida a Antolín Alcántara, no tanatorio de Pereiró (Vigo), nas que afirmou que o noso camarada e amigo Antolín Alcántara Álvarez "foi un galego bon e xeneroso. Sindicalista, militante nacionalista e comunista da Unión do Pobo Galego, organizado no nacionalismo galego desde mediados dos anos setenta, cando empezou a traballar na empresa Citroen de Vigo.
Compañeiro profundamente solidario, xeneroso, valente, sempre disposto a saír en defensa da xustiza social, dos máis desfavorecidos, o que o levou a ser protagonista en numerosos conflitos obreiros, na súa condición de dirixente sindical da ING, da INTG e da CIG, central sindical esta última da que era membro da súa Executiva Confederal cando se xubilou.
Sempre tan orgulloso da túa condición de obreiro e de galego, condición da que nunca renunciaches e sempre defendiches con dignidade e coherencia.
Grazas pola túa amizade e xenerosidade. Sempre serás un exemplo e estarás presente na memoria de todos e todas aquelas compañeiras e compañeiros que tivemos a sorte de compartir contigo anos de vida e militancia sindical e política.
Sen dúbida, tes gañada unha merecida homenaxe de toda a clase traballadora galega, polo teu traballo e a túa contribución a facer realidade todo o que neste libro se narra sobre a historia do sindicalismo obreiro galego.
Ata sempre meu amigo e camarada, vivirás eternamente no noso pensamento".