Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Intervención pública galega no sector enerxético

Artigos

Cóntase que cando o científico que posibilitou “domesticar” ou “antropizar” a electricidade fixo a presentación pública dos seus experimentos, aló por finais do século XIX, o ministro de facenda británico, que asistía ao espectáculo de divulgación, preguntou pola súa utilidade, ao que o científico disque contestou: “un día poderá cobrar impostos por ela”. Hoxe, na factura eléctrica temos unha dobre imposición, un imposto (o IVE) sobre outro imposto (o da electricidade). Pero o noso interese, neste artigo, está noutra parte, na participación que tivo o resto do público ademais do ministro; ou é que o interese sobre a enerxía en xeral é patrimonio exclusivo dos cargos públicos e das empresas privadas que nos colonizan?

[Artigo publicado na revista Enxergar nº3]

Colectivo de Debate Enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

Fábricas de compoñentes eólicos en Europa (Fonte: Comisión Europea 2020)
Fábricas de compoñentes eólicos en Europa (Fonte: Comisión Europea 2020)

Hoxe estamos a asistir a un cambio profundo no sector enerxético; por unha banda está a descarbonización na xeración eléctrica e, pola outra, un aumento considerábel da electrificación nos usos sociais, nomeadamente no transporte.
Galiza non é allea a esta transformación, todo o contrario, unha vez máis imos ser espectadores dun novo boom de crecemento no sector das renovábeis; para facerse unha idea, e empregando datos de Rede Eléctrica, pasaremos de ter 3.700 MW de potencia eólica instalada a 13.700 MW, e case multiplicar por 4 a potencia actual. E todo este incremento se fai sen que a propiedade dos montes teña instrumentos de negociación xusta e equilibrada coas empresas eléctricas, aínda que existen experiencias moi meritorias no ámbito local, como no caso de Muras que busca, dalgún xeito, reverter parte do beneficio pola ocupación dos eólicos no seu territorio.
A planificación de todo este desenvolvemento dependerá exclusivamente das empresas promotoras que, ademais, deciden sobre a construción de compoñentes e subministracións que non teñen que ser elaborados necesariamente no noso país; por poñer un exemplo gráfico, este incremento exponencial no sector eólico vai coincidir no tempo co peche dalgunha fábrica en Galiza de construción de pas eólicas.

A Galiza só lle corresponde poñer o territorio e o recurso, o resto planifícase maioritariamente fóra; e non se trata só dunha estúpida posición ideolóxica neoliberal de non intervir no sector industrial, entre as empresas eólicas que actúan en Galiza hai hoxe, polo menos, catro que son públicas ou con predominio de capital público de Noruega, China, Italia e Francia. Xa que logo, a culpa non será dos que veñen de fóra, senón da nosa renuncia a facelo nós.

O sector enerxético non é un máis no campo industrial, é fundamental para o desenvolvemento socio-económico; un científico investigador chileno afirmou que “a enerxía é á economía dun país como o sangue é ao corpo humano. Cando o sangue non chega ás células na cantidade e calidade correctas, estas non se nutren ben afectando o funcionamento dos órganos, e en definitiva de todo o corpo. Así mesmo, se a enerxía non se abastece coa seguridade e prezo adecuados a todos nós (as células), e en definitiva aos consumos residenciais, comerciais e industriais (os órganos dunha economía), todo un país se verá afectado”.

Un exemplo moi evidente é a crise actual das electrointensivas e como diferentes Estados buscaron solucións grazas á súa participación en empresas eléctricas. Por iso, é dunha miopía enorme non procurar dispor dunha ferramenta pública galega que planifique a nosa política enerxética de acordo cos necesidades do noso país, prestando especial dedicación ás novas fontes de enerxía que están a incorporarse ao mix enerxético, e ás súas distintas formas de almacenamento, por ser este un dos principais factores que vai condicionar o éxito da transición a unha economía verde, e para iso, é necesario conseguir que o prezo da enerxía almacenada se achegue á paridade de rede.

Cremos fundamental que, nunha expansión das enerxías renovábeis, se investiguen as alternativas de almacenamento enerxético, que deben ser o mecanismo complementario para garantir a subministración eléctrica nos momentos de falta de recursos (vento, auga, etc). Neste sentido, o BNG xa ten presentadas emendas, tanto aos Orzamentos do Estado como aos da Xunta, para a construción nas Pontes dun Centro para a Competitividade e a I+D+i en Almacenamento de Enerxía.

Unha intervención pública que optimice o uso eficiente e racional da enerxía, e actúe na loita contra a precariedade enerxética que sofren as persoas máis desfavorecidas, ás que se lles nega un dereito tan fundamental como é o acceso á enerxía. Así mesmo, deberá actuar como polo de atracción para aquelas empresas fabricantes de bens ou servizos de gran valor engadido, ofertando para iso un prezo da enerxía competitivo a través da subscrición dos correspondentes PPAs (contratos bilaterais de compra-venda de enerxía a medio e longo prazo).

Empresa pública ou organismo público

Non nos decantamos por ningunha opción en concreto, mesmo cremos que poden ser complementarias, pero necesitamos unha ferramenta que PLANIFIQUE. Para nós, o substancial é a necesidade de que o Goberno galego teña instrumentos de xestión propios para participar e dirixir a transformación enerxética que, sen dúbida ningunha, imos vivir, e da que deberiamos ter réditos como país.

Agora mesmo hai propostas de transformación nas refinerías de Petronor en Muskiz (Bizkaia) e a de Repsol en Cartaxena, mais descoñécense as propostas para o futuro da da Coruña.
A nosa proposta, que é a de constituír un Ente Público ou Empresa Pública Galega de Enerxía, deber ir máis aló da mera xeración de electricidade, debería ser unha aposta pola planificación, impulso e participación nos diferentes sectores enerxéticos.

Se acaso, o modelo do que gustamos máis é o vasco, co seu Ente Vasco da Enerxía, como buque insignia, con participación en diferentes empresas do sector enerxético e, tamén, nalgún caso en empresas 100% públicas.

Fonte: Ente Vasco da Enerxía
A base para criar un Ente ou Empresa Pública Galega de Enerxía

Se lembramos a ILP defendida pola CIG no Parlamento galego, sobre o progresivo rescate para a xestión pública das concesións hidroeléctricas vencidas, aí atoparemos os fundamentos para nuclear a creación dunha Empresa ou Ente Público Galego de Electricidade con activos propios.

Aínda que existe un enorme desleixo por parte da actual Administración Pública para coñecer a situación das concesións, mesmo con datos diferentes entre Augas de Galiza e o INEGA, sabemos, polas respostas tanto no Parlamento Galego como no Congreso, que xa existen centrais coa concesión vencida.

En 2020, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de sinalar os seguintes aproveitamentos hidroeléctricos situados na Galiza, na Confederación Hidrográfica Miño-Sil:

En debates no Parlamento galego, entre xuño e xullo de 2016, tanto en Pleno como en Comisión, Augas de Galiza informou ter rematado concesións ou iniciado expedientes de declaración de extinción, que estarían pendentes do informe técnico sobre da súa reversión-xestión ou demolición, das seguintes centrais:


Mais toda esta información se debería complementar cunha auditoría de todas e cada unha das concesións en Galiza, para así comprobar que cumpren na súa totalidade a lexislación en materia deaugas, do que temos serías dúbidas.

A día de hoxe, no ámbito de competencia de Augas de Galiza existen uns 130 MW cunha produción anual de máis de 320 GWh en concesións adxudicadas a finais do século XIX e no primeiro terzo do XX, e máis de 1.255 MW, cunha produción de 2.313 GWh, cunha media duns 130 anos de concesión, situadas en Galiza aínda que competencia doutras Confederacións Hidrográficas.

E con estes activos de xeración hidroeléctrica, a Empresa ou Ente Público que propoñemos debería xestionar tamén todos os activos que, a día de hoxe, ten dispersos a Xunta de Galiza, do sector enerxético. Dende a participación minoritaria en parques eólicos e centrais minihidráulicas até activos gasistas.

Temos pois base para empezar a funcionar, só falta a decisión política de facelo.


Volver

2021 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |