Desde a Fundación Moncho Reboiras lánzase o libro "O sindicalismo obreiro nacionalista galego", autoría de Suso Seixo. Un volume que condensa, ao longo de máis de trescentas páxinas, a historia do sindicalismo obreiro nacionalista galego desde a década dos anos 70 até o cambio de século.
Suso Seixo, autor da obra, indica que a publicación "deste libro sobre a historia do sindicalismo obreiro nacionalista galego coincide un ano despois de que se cumprisen os 50 anos da fundación do Sindicato Obreiro Galego (SOG), en 1975, e a un ano de cumprirse, en 2027, os 50 anos da fundación da primeira central sindical nacionalista na historia de Galiza, a Intersindical Nacional Galega (ING). Paréceme pois de xustiza que este libro sirva de homenaxe e agradecemento a todos eses centos de compañeiros e compañeiras que co seu esforzo, valentía, compromiso militante, bo facer, intelixencia e a súa forte conciencia nacional e de clase, iniciaron, agrandaron e fixeron realidade ao longo destes anos, esa grande obra do proletariado galego que é o sindicalismo nacionalista, hoxe representado moi maioritariamente pola Confederación Intersindical Galega (CIG)".
Tal e como se sinala na obra, falarmos da CIG é "falar dunha central sindical única en Europa pola práctica e contido ideolóxico do seu modelo sindical e por ser a primeira forza sindical nunha nación sen Estado e colonizada".
Acrescenta por último na contracapa quen foi secretario xeral da CIG e é presidente da Fundación Monchio Reboiras, desde a súa creación, que "...con este libro, alén de facer un recoñecemento e homenaxe aos seus principais protagonistas, a clase obreira galega e a súa vangarda, pretendo tamén dar a coñecer todo este inmenso traballo ás novas xeracións de traballadores e traballadoras galegas que son moi descoñecedoras da historia de Galiza e das súas organizacións obreiras , así como das organizacións sociais e políticas galegas en xeral, historia deliberadamente ocultada polos poderes fácticos".
A obra estará presente no marco do FESTIGAL, o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, no posto da propia Fundación Moncho Reboiras.