Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

María do Carmo García Negro: os efectos e as alternativas da crise económica na Galiza

Novas actos alternativas efectos maria-do-carmo-garcia-negro

A profesora de Economía Aplicada da USC, María do Carmo García Negro, participou nunha xornada dedicada a analizar como se está a desenvolver a crise económica internacional e cales son as alternativas que se poden achegar dende Galiza. García Negro puxo especial énfase en resaltar a imbricación que existe entre a economía financeira e a economía produtiva, así como a necesidade de actuar dende o noso País.

'A crise económica mundial, efectos e alternativas na Galiza' foi o título elixido pola Secretaría de Formación Sindical e Fesga para organizar unha conferencia coloquio, destinada aos cadros sindicais da central, que correu ao cargo da profesora de Economía Aplicada María do Carme García Negro. A profesora da USC asegurou que hai que “facer un bo análise” da actual crise “para intervir da mellor forma, porque hai campo e a necesidade de actuar”. Neste senso, asegurou que a crise actual “non é unha crise orixinada nos EUA, está en todo o mundo” e negou a versión daqueles que aseguran que non se puido prever. “Non houbo falta de coñecemento, ao contrario, houbo avisos como a crise asiática ou a de Rusia, pero outra cousa é que quixesen ignorar para facilitar a entrada das multinacionais en determinados mercados”. Crise estrututal Para entender e explicar as crises do capitalismo, García Negro apuntou á necesidade de entender os procesos de acumulación e a mundialización, así como os procesos polos que o capitalismo invade todos os terreos das nosas relacións sociais, converténdoas nunha mercadoría susceptíbel de transacción. “As crises son unha característica estrutural do dentro do sistema capitalista e responden aos movementos cíclicos do modelo”, apuntou. Capitalismo financeiro Outro dos puntos nos que García Negro puxo especial atención foi a imposibilidade de separar o capitalismo financeiro do capitalismo produtivo. “O capitalismo é hoxe todo financeiro, incluso o produtivo, porque as medidas da rendabilidade están contaminadas”, apuntou. Neste senso, explicou que as manifestacións no mercado dos fenómenos financeiros involucran ao capitalismo produtivo, pondo nesta relación o factor “pánico na bolsa” que se traduce en movementos reais de capital. A este compoñente responderían as medidas tomadas polos gobernos destinados a inxectar fondos nas entidades financeiras para paliar os chamados activos tóxicos, pois dende unha perspectiva monetaria “o primeiro que se fai é restaurar a confianza na economía, que a cidadanía teña a ilusión de que o Estado ten a capacidade de intervir e protexer”. Regulación A profesora de Economía Aplicada apostou pola implementación do control das relacións financeiras internacionais nun momento no que, sinalou, “todos os activos, calquera que sexan, son sospeitosos de ser tóxicos”. García Negro criticou o papel do FMI que se converteu nun sistema de control privado que ten orientado as relacións monetarias e financeiras cara “ao caos do mercado”. De igual xeito, criticou as políticas públicas desenvoltas durante a “época de bonanza” que “cebaron as burbullas especulativas funcionais ao sistema”. Acción sindical Durante a súa intervención, María do Carmo García Negro analizou as resposta dadas polos gobernos á crise económica, que, segundo manifestou, deberían pasar “pola ruptura da crenza instaurada do dereito ao crédito”, pois “endebedarse durante 40 anos non é un dereito”. De igual xeito, sinalou a necesidade de reorientar a política de vivenda cara a rehabilitación, a recuperación e a promoción do alugueiro e mudar a política de transporte. Xa no plano da acción sindical, a profesora de Economía Aplicada destacou que nada é “limitante da dignidade e os dereitos que temos como galegos e o futuro na nosa Patria”. Sobre este punto incidiu en que a acción sindical é continua e na medida en que “fomos bos sindicalistas, no momento da crise debemos saber como ter marxe para manobrar” e, xa que logo, refinar os mecanismos de negociación destinadas a crear alternativas para que “todo euro público via a crear máis postos de traballo”.

García Negro tamén recoñeceu a importancia de constituír un banco público galego, de ter control sobre as compañías financeiras ou adecuar os gastos no campo do sector servizos. E, especialmente, aproveitar a conxuntura actual para que as medidas adoptadas teñan unha porcentaxe de actuación “antimercado dirixidas a promover un cambio social”.


Volver

2019 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |