Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

México, a revolución anunciada.

Artigos historia manuel-mera mexico revolucion villa zapata

O pasado 20 de novembro cumpriuse un século do inicio da Revolución Mexicana. Unha loita que foi expresión das arelas das clases populares, ateigada de represións e feitos heroicos, sacrificios, e moitas veces retratada nos filmes baixo os tópicos despectivos do imperialismo norteamericano.

Manuel Mera

Co gallo do cen aniversario da Revolución Mexicana

O pasado 20 de novembro cumpriuse un século do inicio da Revolución Mexicana. Unha loita que foi expresión das arelas das clases populares, ateigada de represións e feitos heroicos, sacrificios, e moitas veces retratada nos filmes baixo os tópicos despectivos do imperialismo norteamericano.

[caption id="attachment_1039" align="alignright" width="217" caption="Vista parcial do mural de Diego Rivera, no Palacio Nacional, Mexico DF"][/caption]

Previamente, convén lembrar que desde 1890 Flores Magón fixo unha importante laboura de oposición á ditadura de Porfirio Díaz a través do semanario "Regeneración". En 1901 fundouse o Partido Liberal Mexicano no que ademais participou Díaz Soto y Gama (que despois formou parte da direción zapatista). A partir de 1904 o núcleo central do Partido Liberal exiliouse nos Estados Unidos desde onde seguiu publicando "Regeneración". No ano 1906 o país axitouse pola folga dos mineiros de Cananea. En 1908 Flores Magón e seus compañeiros organizaron un levantamento, que foi descuberto e detidos moitos militantes. Sería un precedente da Revolución.

1905, o ditador Porfirio Díaz

No ano 1910 Francisco Madero, que se opuxera á reelección Porfirio Díaz, convocou desde o seu exilio ao pobo mexicano á se erguer en armas o 20 de novembro contra o ditador, que levaba gobernando o país desde 1876. A revolución anunciada (fai agora un século) perdeu toda posibilidade de éxito cando foron detidas as súas cabezas en Puebla e na cidade de México. Porén algúns grupos de campesiños e obreiros rurais armados, sen conexión co Partido Nacional Antireeleccionista de Madero, iniciaban ese mesmo día en Chihuahua a loita armada, dirixidos por figuras como Francisco Villa, Pascual Orozco e Abraham González. O levantamento estendeuse axiña a outros estados do norte e despois ao sur do país, onde destaca o líder agrario Emiliano Zapata no estado de Morelos.

A oposición á ditadura ademais de motivos democráticos tiña fortes razóns económicas e sociais. Malia que a poboación medrara de 9 a 15 millóns durante os gobernos de Porfirio Díaz, e crecerá a produción industrial e as exportacións, a maior ritmo aumentou a desigualdade social e a pobreza. Por exemplo, en 1910 as facendas abranguían o 81% de todas as comunidades habitadas do país, o que reflicte a enorme concentración da riqueza e as contradicións existentes. Os salarios baixaron un 17% desde 1895 ate 1910, en capacidade real de merca. Asemade unha parte importante da actividade económica estaba en mans estranxeiras, especialmente norteamericanas, así como inglesas e francesas. Sumábase ao descontente os milleiros de universitarios que estaban no desemprego, e mestres mal pagos. Porén a maior contradición en México, dado o carácter rural do país, era a mala distribución da terra, concentrada nunhas poucas familias, que se agudizou durante este período.

O governo de Madero

1910 Francisco Madero

Díaz foi derrotado despois de varios meses de loita, e asinou o “Tratado de Ciudad Juárez” o 21 de maio de 1911 polo que se conseguiu a súa dimisión e exilio. As eleccións de outubro deron o triunfo a Francisco Madero que deu prioridade no seu goberno aos aspectos democráticos, deixando nun segundo plano a problemática da recuperación das terras e a súa distribución. “Mentres tanto os campesiños comezaban a revolución. En distintos puntos do país, sen acordo previo, pequenos grupos armados de indios e peóns tomaron terras de facendas e aráronas e sementaron baixo a protección dos seus fusiles” (La revolución interrumpida). A actitude de Madero derivou no enfrontamento armado con Zapata en Morelos, e con Orozco en Chihuahua. Desta época é o “Plan de Ayala”, asinado o 28 de novembro de 1911, no que se reflicten os obxectivos do zapatismo, e que serviría de referencia en futuras propostas e acordos.

A insurrección militar de febreiro de 1913 dun sector do exercito contra Madero, procuraba o retorno ao pasado porfirista, conseguiu finalmente o seu obxectivo. Contribuíu a esta saída a intervención do embaixador estadounidense e o apoio de Vitoriano Huerta, que era o militar que debía sufocar o golpe. Este último, mediante manobras, terminou asumindo a presidencia, mentres que Madero e o vicepresidente Pino Suárez serían asasinados. Todos os gobernadores apoian ao novo presidente, ágas os de Cohauila (Carranza) e Sonora (Maytorena), así como algúns xefes zapatistas, e ademais se lle suma Pascual Orozco no norte.

“Zapata respondeu cunha proclama chamando a loitar contra Huerta, como antes contra Madero, en nome dos principios do Plano de Ayala (...) esta actitude política de Zapata foi decisiva pra continuidade da revolución (...) quen ofrecía un punto de referencia a esa revolución, con respaldo dunha forza militar, era Zapata co seu Plano de Ayala. Se cadra isto acelerou o pronunciamento de Venustiano Carranza (La revoluc

ión interrumpida)”. Carranza de clase media acomodada, funda o chamado movemento constitucionalista cuxo programa se concreta no Plano de Guadalupe (26 de marzo de 1913). Este foi un programa moderado que algúns capitáns mozos, como Francisco Mugica e Lucio Blanco, quixeron infrutuosamente radicalizar, e que reflectía futuras diverxencias entre os constitucionalistas, pra alén das existentes con Francisco Villa e Emiliano Zapata. Lembremos que tanto en Morelos como en Chihuahua máis do 90% dos labregos eran peóns, e que asemade o primeiro dos estados era un grande produtor de cana de azucre.

A División do Norte

1911 Francisco Villa e outros membros do seu exercito

Deste xeito comeza a etapa máis coñecida da loita revolucionaria en México. No estado de Morelos, Zapata reorganiza as súas forzas dándolle o carácter de Xunta Revolucionaria. Francisco Villa crea en Chihuahua a  famosa “División del Norte”, que teoricamente dependería de Obregón, por decisión de Carranza. Esta División, en realidade un corpo de exercito, tivo unha enorme importancia no triunfo militar contra Huerta. Lembremos batallas como as de Torreón e Zacatecas, nas que gaña un enorme prestixio. “A batalla de Zacatecas foi talvez a máis tremenda na que se empeñaron os revolucionarios e huertistas” (Breve historia da Revolución Mexicana). A cidade estaba defendida por 12 mil homes, os atacantes serian algo superiores despois de que o xeneral Natera fora reforzado por Villa con gran parte da División do Norte.

O escritor e xornalista norteamericano John Reed fai no seu libro “México Insurxente” un relato destes feitos e das tropas de Villa: “Agora ben; a infantería, no exército constitucionalista, é sinxelamente cabalería sen cabalos; todos os soldados de Villa van montados, menos os de artillería e aqueles pra os cales non poden obterse”.

Pola súa banda Obregón, consolida posicións en Sonora e a costa do Pacifico no seu avance sobre a capital do país. A principios de 1914 os norteamericanos ocupan Veracruz con 23.000 homes. No mes de agosto Obregón toma México e Carranza entra na cidade como Primeiro Xefe do Exercito Constitucionalista.

Derrotado Huerta o enfrontamento agudizase entre Zapata e Villa por unha banda, como representantes das arelas de peóns, campesiños sen terra e indios, e Carranza e Obregón pola outra, como expresión das clases medias, malia que entre os dous últimos hai matices encol do tema agrario e social, que aumentaran despois da derrota dos defensores do Plano de Ayala e dos acordos da Convención de Aguascalientes.

A Convención de Aguascalientes

1914, delegación zapatista á Convención, na esquerda Antonio Díaz Soto y Gama, no centro Otilio Montaño

Na procura dunha saída pacifica convocase a Convención de Aguascalientes. Esta era a cidade que pechaba o paso entre a División do Norte, que estaba en Zacatecas, e a capital ocupada por Carranza. Esta reunión será forzada polos oficiais constitucionalistas, contra a postura de Carranza, que termina por ceder. O 10 de outubro de 1914 inícianse os traballos, coa asistencia dos delegados carrancistas (encabezados por Obregón) e os villistas, e o 27 incorpóranse tamén os zapatistas sen voz e voto. A presenza destes últimos muda a convención, xa que eles teñen un programa concreto (Plano de Ayala) e arrastran ao resto. O 30 de outubro acordan nomear a Eulaio Gutíerrez como presidente interino.

A Convención foi “unha derrota política pra direción burguesa da revolución” (La revolucion interrumpida). Carranza non acepta os acordos e pon atrancos, polo que a Convención declárao rebelde, e nomea a Villa pra facelos cumprir. Obregón vendo a imposibilidade de facer de arbitro reúnese con Carranza e dálle o seu apoio. Comeza a guerra entre as fracións revolucionarias.

Alvaro Obregón, segundo no centro, en Aguascalientes

Rodeado por Villa e Zapata as forzas de Carranza, que perden o apoio de Lucio Blanco na capital, recúan sobre Veracruz, pra garantir así a chegada de material militar do exterior. Un acordo cos Estados Unidos permite previamente a retirada das forzas nortea

mericanas ocupantes. O 24 de novembro os zapatistas chegan á cidade de México e o 3 de decembro fai o propio a División do Norte de Villa. Este será o intre de máximo poder do sector representativo dos campesiños, peóns agrícolas e obreiros das minas e ferrocarrís, que forman a base destas forzas revolucionarias. Tamén durante esta etapa amósanse as debilidades do movemento, o seu carácter localista, e a incapacidade estratéxica e de xestión cotiá do poder político.

Pola súa banda o carrancismo, debilitado, vese obrigado pra recuperar atractivo social a ampliar o Plano de Guadalupe (no que se olla a incidencia de Obregón e a súa tendencia) pondo as promesas de reparto de terras en primeira liña (12 de decembro de 1914). “Se cadra a lei que comentamos (de reforma agraria do 15 de

xaneiro de 1915 de Carranza) aparecía máis practica e clara aos campesiños que o plano zapatista (...) durante os primeiros meses de 1915 o xeneral Villa non se tiña preocupado por elaborar un programa ben definido de reformas sociais” (Breve historia da revolución mexicana). Agora o chamado exército de operacións de Obregón estaba en condicións de iniciar a ofensiva, que encetou coa toma de Puebla o 15 de xaneiro de 1915. Comezaba unha nova etapa na revolución na que a iniciativa ía ficar do lado das forzas leais a Carranza. A finais de xaneiro ocupa a capital, que previamente fora abandonada polas forzas de Zapata e Villa, así como polo Governo provisorio de Eulalio Gutiérrez.

A derrota militar

A hexemonía de Villa e Zapata no bando constitucionalista, despois da celebración da Convención de Aguascalientes (10 de outubro a 9 de novembro de 1914), durou pouco tempo xa que perderan a iniciativa fronte ao exército de Obregon, agora chamado exercito de operacións. A primeira das grandes batallas, contra a División do Norte, a que representaba o maior perigo militar pra Carranza, foi a de Celaya o 6 de abril de 1915 e o 13 de ese mesmo mes. Nas memorias de Pancho Villa di cas súas forzas perderon entre tres mil e tres mil cincocentos homes entre mortos e feridos. Esta foi a primeira derrota importante da División do Norte. Na maneira en como enfrontar estas batallas houbo diferenzas entre Felipe Ángeles, posibelmente o xeneral máis capaz de Villa, de formación profesional e cunha visión de conxunto da loita polo poder.

A principios de xullo librase a batalla de Aguascalientes coa entrada o 10 dese mes do exercito de Obregón na cidade, capturando moito armamento abandonado na retirada das forzas de Villa. Despois desta derrota a División do Norte será empurrada a Chihuahua e Sonora, perdendo unha batalla tras outra. A principios de 1916 só está formada por uns centos de homes, que axen de novo como unha partida guerrilleira. Aínda así ese ano Villa dará moito que falar xa que o 22 de decembro toma de novo Torreón á fronte de 5 mil homes. Paralelamente estase debatendo en Queretaro a Constitución.

As tropas de Francisco Villa ademais causan un incidente cos Estados Unidos cando matan a 15 norteamericanos nun tren en Cidade Juarez, e posteriormente asaltan o povo de Columbus en territorio dos Estados Unidos; forzas militares dese país, ao mando de Pershing entran en territorio mexicano no mes de marzo pra atrapar a Villa, son 12 mil soldados con cabalería e artillería. Esta ación punitiva será un fracaso, asemade Carranza ordena concentrar en Chihuahua tropas que non deben permitir seguir avanzando aos norteamericanos, que en xaneiro de 1917 optan por se retirar sen ter conseguido o seu obxectivo. Moitos relacionan estes sucesos co recoñecemento polo Presidente norteamericano do Governo de Carranza o 19 de outubro de 1915, despois de que se dividira a Convención o 10 do mesmo mes, dislocándose os villistas ao norte, e a Cuernavaca os zapatistas. Ate este intre Villa era considerado como pro norteamericano.

A Comuna de Morelos

Soldados do Exercito Liberador do Sur

Entre febreiro e xullo de 1915 o resto das tropas da convención así como do zapatismo ocuparán de novo a capital, porén despois das batallas de Celaya, Trinidad e Aguascalientes, nas que será derrotada a División do Norte, a situación militar xa é moi favorábel a Carranza e Obregón. O zapatismo retrocede a Morelos, porén dado que a fronte de batalla principal está ao norte da capital, hai un estancamento da situación militar no sur que permite levar adiante algunhas das propostas do Plano de Ayala. A Lei Agraria de Palafox sería a expresión legal do que xa estaban a facer os campesiños en Morelos, repartindo as terras coa colaboración das comisións agrarias.

O territorio de aplicación da reforma agraria foi pouco máis alá da zona controlada polo zapatismo, malia que estaba feita pra todo o país, pois a Convención mantiña a ficción de ser un governo nacional. Nacionalizáronse sen pago os enxeños e destilerías de Morelos e puxéronse  a funcionar como empresas do Estado. A principios de 1915 xa había catro enxeños funcionando, posteriormente foron reparados e reabertos outros enxeños. Os gaños que se obtiñan foron entregados ao cuartel xeneral zapatista. “Porén, esta especie de socialismo agrario apoiado por Zapata, tiña os seus atrancos coas costumes e inclinacións do pequeno propietario da base labrega. Donos das súas terras, os campesiños tendían a volver aos cultivos de autoconsumo: fixos, garabanzos, millo, hortalizas, a cría de polos, produtos de venda doada e inmediata nos mercados locais.

A medida que a División do Norte deixaba de ser un perigo para o Governo foi medrando a  presión sobre o zapatismo. “Era unha decisión política de Carranza, que xa tiña disolto os batallóns vermellos e reprimira ao movemento obreiro en 1916 (...) penetraron en Morelos como un exercito de ocupación, roubaron, incendiaron, saquearon por onde pasaban. Centos e miles de prisioneiros, combatentes e non combatentes, homes, mulleres, nenos e anciáns, fuxiron aos povos da alta montaña, onde non chegaban as tropas de Pablo González” (La revolución interrumpida).

A esta altura no zapatismo (1915-1916) existían tres tendencias: a de esquerda representada por Manuel Palafox, a de centro, por Antonio Díaz Soto y Gama, e a de dereita conciliadora, de Gildardo Magaña, este sería posteriormente ao asasinato de Zapata quen chegaría a un acordo co Governo.

Os carrancistas

Venustiano Carranza e outros xefes constitucionalistas en 1911

Desde o primeiro momento nas zonas ocupadas polo exercito constitucionalista (de Carranza e Obregón) tómanse algunhas medidas progresistas como a abolición das “tiendas de raya”, condonación das débedas de campesiños e peóns agrarios, o salario mínimo, a xornada de oito horas e o descanso semanal obrigatorio. Tamén se lle entregan á Casa do Obreiro Mundial, en setembro de 1914, dous mosteiros pra o seu uso. Estas medidas e un pacto posterior de Obregón por mor do conflito na compañía de teléfonos e telégrafos, que rematou coa entrega da empresa aos traballadores (febreiro de 1915), permiten o compromiso de apoiar a loita contra Villa formando os “Batallones Rojos” (catro batallóns de textís, ebanistas, canteiros, xastres, albaneis, mecánicos, etc.). Nesta decisión do movemento sindical non se pode ignorar o feito de que desde os exércitos campesiños non se propuña ren a respeito das reivindicacións operarias. Aínda así unha parte do  movemento obreiro incorporouse aos exércitos de Villa e Zapata, e o Sindicato Mexicano de Electricistas negouse a apoiar a Carranza.

Agora ben, os carrancistas aínda que se viron obrigados a lexislar sobre o tema agrario, non tomaron ningunha iniciativa importante sobre o reparto da terra, que como se dixo era a reivindicación máis sentida pola maioría social. Será o governo de Lázaro Cardenas (1934-1940) o que por fin realiza unha reforma agraria ambiciosa. Pódese dicir que a actitude de Carranza e Obregón estará moi condicionada por gañar a guerra contra os exércitos de Villa e Zapata, polo que aceptarán nos momentos de máis debilidade militar avances sociais, como a distribución de terras nalgúns estados (en Tabasco co governador Mugica, e no Yucatan con Alvarado) e dalgunhas reivindicacións obreiras, aspectos que despois atrancan ou desandan. Neste marco tamén hai que entender que Salvador Alvarado promocionará o primeiro Congreso Feminista do país en xaneiro de 1916, realizado en Mérida.

Un exemplo desta dualidade foi a dura represión da folga convocada polos electricistas o 31 de xullo de 1916, que será contestada coa imposición da Lei Marcial e a pena de morte pra os folguistas. As consecuencias foron detencións e condenas de morte pra algúns dirixentes, que despois serían conmutadas, non sen pasar un período nas cárceres. En todo caso isto daría lugar á auto-disolución da Casa do Obreiro Mundial. A reorganización do movemento obreiro rexurdiría en maio de 1918 en Saltillo co Congreso Obreiro Nacional, onde nace a Confederación Rexional Obreira Mexicana (CROM).

Zapata e Villa asasinados

Villa e Zapata no Pazo de Governo

A ofensiva do Governo en Morelos deulle o control das cidades porén o rural seguía en mans zapatistas. A partir de outubro de 1916 colleu pulo a resposta das forzas campesiñas que se centrou nas liñas de ferrocarril, os enxeños de cana de azucre, nas fábricas, e nos arredores do Distrito Federal. Nese intre o exercito de Zapata estaba integrado por uns 5.000 homes, inferior aos 20.000 que atinxiu nos momentos máis álxidos da loita revolucionaria. Sen dúbida a Constitución de Queretaro, na que o sector de esquerda (Obregón) se impuxo sobre o carrancismo, aínda que o primeiro se retiraría temporalmente da vida política, contribuiu á consolidación do Governo e foi illando tanto ao zapatismo como aos villistas. Ademais no interior do primeiro agromaron as contradicións e medraron as voces favorábeis a negociar.

A finais de 1918 Pablo González realizou unha nova ofensiva pra controlar o estado de Morelos. Desde novembro a influenza española, que tiña chegado a México no seu percorrido por todo o mundo, fixo estragos no territorio zapatista. Os combates continuaron, con altos e baixos, ate que Zapata é asasinado en 1919 (e Villa en 1923), aínda que os últimos enfrontamentos de importancia dánse en 1918.

A xeito de resumo,

Fresco sobre os zapatistas de Clemente Orozco

A Revolución Mexicana, tivo varias etapas. A primeira, a loita contra Porfirio Díaz, na que a ruptura da burguesía abre paso ao movemento campesiño e obreiro, debilitando ao governo de Madero que non é capaz de establecer alianzas nen con uns nen con outros. O golpe de Estado abre o camiño a Huerta. Este procura acordos, porén o rexurdir da rebelión campesiña e a oposición da franxa máis avanzada da burguesía (representada agora por Carranza) permiten que triúnfen os constitucionalistas.

Nesta nova etapa, ao fracasar un pacto entre fraccións na Convención de Aguascalientes (novembro de 1914) ábrese o enfrontamento entre o campesiñado que procura o inmediato reparto da terra (Zapata e Villa) e aqueles sectores que, estando dispostos a facer certas reformas sociais, privilexian os aspectos políticos (Carranza e Obregón). Os primeiros son incapaces de realizar alianzas cos sectores urbans e obreiros (aínda que o exercito de Villa incorpora moitos mineiros e operarios dos ferrocarrís). Ademais as concesións que se ve forzado a facer Carranza, especialmente na Constitución de 1917, vanlle restando espazo social a Zapata, que ve reducida a súa presenza a Morelos e como se agravan as contradicións entre tendencias.

Malia a derrota, tanto Villa como Zapata, especialmente este último, foron fundamentais pra que a Revolución Mexicana non ficara só co remate da ditadura de Porfirio Díaz ou a restitución da legalidade democrática usurpada por Huerta. Resulta evidente que o Plano de Ayala, redactado Otilio Montaño por indicación de Zapata, e o amplo apoio social que acadou foron fundamentais pra que despois a Convención de 1914, e sobre todo a Constitución de 1917, se viran obrigadas a tratar temas tan importantes como a reforma agraria.

No momento de valorar a Revolución Mexicana, pra alén das tendencias internas, dinos Jesús Silva Hergoz “A Constitución do 5 de febreiro de 1917 foi a máis avanzada do mundo na data en que foi promulgada”. Pola súa banda Adolfo Gilly fai a seguinte consideración “Non abonda con constatar que a Constitución de 1917 é unha constitución burguesa (...) tamén é a testemuña legal das conquistas arrincadas pola masa na loita e da debilidade relativa da burguesía mexicana nos intres posteriores á revolución. É a sanción legal do triunfo da primeira revolución nacionalista en América Latina”. Encol do mesmo tema Manuel Márquez Fuentes e Ovtavio Rodríguez Araujo  no seu libro afirman “A Carta magna expresa os ideais do traballador rural, do obreiro urban, das capas medias da sociedade e da nacente burguesía industrial e comercial. Poren a satisfación harmónica de tan encontrados intereses foi baseada nun Estado forte, un Governo Federal funcionalmente centralista -xuridicamente federal- e, aínda máis, nun Poder Executivo todopoderoso (...) Coa promulgación da Constitución de 1917, se afectaron os intereses estranxeiros. Esta situación fixo que os esforzos constitucionalistas de Venustiano Carranza fóranse limitando devagar na práctica”.

Emiliano Zapata en 1911

Bibliografía empregada:

-La Revolución Interrumpida; Adolfo Gilly; Ediciones Era; México. -Breve historia de la Revolución Mexicana; Jesús Silva Hergoz; 2 tomos; Fondo de Cultura Económica; México. -La Revolución Mexicana; Vicente González e Pedro A. Vives; Cuadernos Historia16; Estado español. -Zapata, la revolución canpesina en México; Silvia Cragnolio; Historia de América, Centro Editor de América Latina; Arxentina. -Las luchas campesinas del siglo XX, México; Erich R. Wolf; Siglo Ventiuno de España Editores; Estado español. -El Partido Comunista Mexicano; Manuel Márquez Fuentes, Octavio Rodríguez Araujo; Ediciones El Caballito; México.


Volver

2021 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |