O vindeiro venres, 19 de xuño, a Fundación Moncho Reboiras presentará en Monforte de Lemos o libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras (1975-2025). O acto está patrocinado pola Deputación Provincial de Lugo, baixo a organización das Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre.
No devandito libro preséntase unha biografía de X.R. Reboiras Noia, autoría do historiador e profesor universitario Uxío-Breogán Diéguez, así como os testemuños de dezanove persoas que compartiron militancia con "Moncho" Reboiras, entre as que se atopan Xosé Manuel Pavón, Elvira Souto, Lois Ríos, Manuel Mera, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xesús Chaves.
Xustamente nesta nova presentación estará presente Xosé Manuel Pavón, destacado militante nacionalista galego da UPG na década dos 70, crucial no mesmo contexto no que Reboiras desenvolveu o seu activismo, e Xesús Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras. Estarán ambos acompañados polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, que dará conta do resto de presentacións desta obra colectiva que se realizarán na provincia de Lugo.