Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Novo video documental: "70 anos do Consello de Galiza. O goberno galego no exilio"

Audiovisual castelao consello-da-galiza historia nacionalismo video

O audiovisual pretende por en valor o legado do Consello de Galiza fronte a un "proceso de xestación da autonomía que evitou calquera referencia ao único organismo herdeiro da legalidade usurpada ao pobo galego desde 1936", ao contrario que nos casos vasco e catalán cos seus respectivos organismos equivalentes. No relato, tamén se poñen de relevo os grandes esforzos para lograr unha definitiva aprobación do Estatuto Galego polo goberno da República no exilio fronte ás actitudes negadoras de importantes sectores do mesmo.

A Fundación Moncho Reboiras presenta un vídeo documental baixo o título “70 anos do Consello de Galiza. O goberno galego no exilio”, conmemorando o que constituiu o organismo de representación institucional do pobo galego creado no exilio por iniciativa de Castelao en novembro do 1944. A iniciativa, que conta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, intégrase nun proxecto divulgativo que inclúe tamén unha exposición, a edición dun folleto e unha conferencia-coloquio.

O audiovisual pretende por en valor o legado do Consello de Galiza fronte a un "proceso de xestación da autonomía que evitou calquera referencia ao único organismo herdeiro da legalidade usurpada ao pobo galego desde 1936", ao contrario que nos casos vasco e catalán cos seus respectivos organismos equivalentes. No relato, tamén se poñen de relevo os grandes esforzos para lograr unha definitiva aprobación do Estatuto Galego polo goberno da República no exilio fronte ás actitudes negadoras de importantes sectores do mesmo.

O traballo recolle, así mesmo, o importante traballo desenvolvido polo Consello e maila Irmandade entre a colectividade galega de alén mar, logrando unha grande influencia a través dun traballo constante materializado en actos de masas, manifestos, a reedición do xornal A Nosa Terra, fitos como o I Congreso da Emigración Galega en 1956 ou os Xogos Florais de 1968. Apóntanse, tamén, as pugnas ideolóxicas no interior do organismo e o aprofundamento progresista e anti-imperialista nos anos 60 ao abeiro da nova situación internacional xerada polos procesos de liberación nacional e as revolucións triunfantes.

A etapa final do mesmo vén presidida polo decidido apoio ao reartellamento político no interior da Galiza a través do Consello da Mocidade, experiencia que dará pé posteriormente á fundación tanto do PSG como da UPG despois de longos anos de desencontros co "culturalismo" dos galeguistas do interior encabezados por Piñeiro.

Para isto, o traballo válese de interesantes documentos fílmicos da actividade de Castelao no exilio, xunto ás testemuñas de Manuel Mera, secretario da Irmandade Galega de Bos Aires entre 1969 e 1972, partillando militancia con Antón Alonso Ríos. Tamén de Rosa Puente, filla do galeguista Manuel Puente, alén de contar coa participación do historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.

Segundo se recolle no documental, o Consello da Galiza "supuxo unha experiencia de case tres décadas de reivindicación que, desde unha vocación patriótica e anti-fascista fixo pervivir a nosa dignidade colectiva, xerando as condicións para o reartellamento político do legado de Castelao".

 


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |