O BNG de Lugo celebrou na tarde de onte, 30 de xuño, un acto de lembranza de Moncho Reboiras, ao que se adheríu a Fundación Moncho Reboiras, e en rexeitamento "dos intentos do Partido Popular de silenciar a memoria dunha persoa represaliada polo franquismo", dixo o portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, quen destacou que "estamos a ver a facción máis franquista e reaccionaria do PP, que pretende eliminar o recoñecemento ás vítimas da ditadura e aos espazos de memoria que as lembran".
O acto contou coa participación do escritor Lois Diéguez, veterano militante nacionalista, quen reivindicou a Moncho Reboiras como "unha figura clave na organización da clase traballadora galega, que axudou a crear o Sindicato Obreiro Galego, organización antecesora da CIG", e destacou que foi a última persoa asasinada pola ditadura en Galiza. Diéguez destacou o compromiso de Moncho Reboiras coa liberdade e os dereitos democráticos.

Rubén Arroxo afirmou que "fronte aos intentos de borrar a memoria democrática, é máis necesario que nunca reivindicar a figura de Moncho Reboiras e de todas as persoas represaliadas polo franquismo". Neste sentido, criticou a iniciativa presentada polo Partido Popular no Parlamento galego para instar á retirada das figuras de lembranza a Moncho Reboiras instaladas en distintas cidades galegas.

Arroxo, afirmou que "o ano pasado Lugo fixo xustiza: despois de que no ano 2009 o Estado español recoñecera que Moncho Reboiras fora unha vítima do franquismo, ou que é o mesmo, o Estado español recoñeceu que era unha vítima do propio Estado, conseguimos entrar nunha nova fase, que é facer que Moncho Reboiras empece a ter a súa presenza por todo o territorio do país".
Reboiras foi asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975, despois de que na noite do 11 de agosto, a Brigada Político Social (BPS) establecera un control no barrio ferrolán de Canido. Ás 2 da mañá varios efectivos da Brigada xunto a varios axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba Reboiras, que logra zafarse da policía durante máis de dúas horas, logrando finalmente esta darlle alcance no portal da rúa da Terra.
O Concello de Lugo instalou o busto de Moncho Reboiras no 2025, ano no que se cumprían 50 anos do asasinato de Reboiras, sumándose á iniciativa promovida polas fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre. A imaxe colocouse ao lado do Vello Cárcere, "que tamén é un espazo de memoria, un espazo que nos lembra tódolos días a crueldade e a brutalidade da represión franquista na cidade de Lugo e no conxunto do país", dixo Rubén Arroxo.
