Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

O factor nacional na traxectoria do PCCh

Artigos

[Artigo publicado na revista Enxergar nº4]

Xulio Ríos, presidente de honra do IGADI

O Partido Comunista da China (PCCh) celebrou este 2021 os seus primeiros cen anos de existencia. Constituído baixo o influxo da Revolución Rusa de 1917 e co impulso da III Internacional nun contexto de grave crise nacional (fase terminal do feudalismo imperial e secuencia de guerras civís que trabaron a proclamación do Estado moderno unha década antes), tres lustros tardou en dilucidar internamente a primacía do factor nacional sobre outras variables no seu proxecto político.

En efecto, foi na coñecida como reunión de Zunyi (1935), no curso da épica Longa Marcha, cando Mao Zedong logrou contar coa maioría suficiente para erixirse como líder indiscutible do partido e da súa man, a formulación de que para o triunfo da revolución cumpría prestar atención aos factores inmediatos mesmo que iso supuxese desatender as estratexias emanadas do exterior, esta vez da metrópole moscovita baixo o arroupe do internacionalismo proletario.
O maoísmo (1935-78), antes e despois do trunfo da Revolución, converteu a primacía do factor nacional na cuestión central do proxecto do PCCh, primeiro para saír vitorioso da confrontación civil interna coas hostes do Kuomintang (KMT) e fronte ao invasor nipón, e despois para implementar unha vía xenuína ao desenvolvemento capaz mesmo de transcender e superar o modelo de inspiración soviética.

Xa fora na táctica (cercar dende o campo as cidades en vez de promover suicidas insurreccións nelas, poñamos por caso) ou nas políticas aplicadas nas zonas liberadas (a terra como propiedade pública e non para quen a traballa), o maoísmo foi dando respostas orixinais a unha sociedade en tantos aspectos igualmente única, froito da capacidade histórica para recrear un cosmos substancialmente diferente ao occidental.

Tras a proclamación da República Popular (1949), esa mesma inflexión intelectual está na orixe da busca dunha vía distinta, cun forte acento voluntarista, para demostrar a fortaleza dun pensamento trazado teoricamente nun contexto non só adverso no material senón tamén hostil no ideolóxico en boa parte do movemento comunista internacional. Dende a renitencia ás políticas de colaboración co Kuomintang ata a negativa a compartir presenza militar soviética en Dalian ou o involucramento na guerra de Corea, a tensión no estreito de Taiwán, o Gran Salto Adiante ou a Revolución Cultural, moitos foron os eixes das desavinzas. Mao reflectiuno poeticamente: “non pode haber dous soles no ceo”. En boa medida, o Grande Temoneiro negábase a admitir e recoñecer calquera tipo de quebra na igualdade entre os partidos, grandes ou pequenos, que conformaban daquela o movemento comunista internacional. E empeñouse en demostrar que o seu enfoque había traducirse en mellores expectativas de progreso para China por se adaptar mellor á idiosincrasia da súa sociedade. Cada país debe atopar a súa propia vía para o desenvolvemento e corresponde a cada partido liderar soberanamente ese proceso.

Mao e Deng, na mesma liña

Esa semente prendeu extensamente no PCCh e aínda hoxe pesa enormemente no seu ideario e no seu proceder. A chegada do denguismo (1978), o que se deu en chamar a “reforma e a apertura”, supuxo unha ruptura co maoísmo en numerosos aspectos tanto das políticas partidarias como estatais; non foi así, porén, con esa idea central de interpretar as condicións nacionais como o punto de partida para a libre definición de políticas, sen servidumes da caste que foran.
Deng Xiaoping era consciente de que o intento de Mao de acelerar o curso da historia tratando de construír o socialismo dun só salto fracasara de forma tráxica, cun alto custo para o PCCh e para o propio país. Deng intentaríao agora dando un rodeo introducindo outras variables no proxecto, antes rexeitadas, e que poderían ser útiles nesa perspectiva de acadar os grandes obxectivos históricos: o desenvolvemento do país, a superación do atraso e a recuperación da grandeza perdida. Foi así como, cun ritmo propio e con matices destacados, o mercado ou a propiedade privada, por exemplo, foron recuperando posicións no modelo ata consumar unha síntese híbrida na que a burocracia, herdeira dunha milenaria tradición, fía fino para todo desenvolvelo e subordinalo ao tempo ao proxecto común.

Coa experimentación e a progresividade de políticas, o PCCh de Deng tomou en conta igualmente a orixinalidade das experiencias chinesas. Como é sabido, a reforma comezou no campo, cunha fórmula baseada nun sistema de responsabilidade que aseguraba a propiedade pública da terra mentres favorecía o usufruto con base na familia. Aquí comezou todo, retomando ideas que xa se tentaran no período da restauración burocrática tralo Gran Salto Adiante, frustradas pola onda destrutiva da Revolución Cultural, e que tiñan moi en conta o imaxinario campesiño chinés.
O factor nacional seguiu moldeando o proxecto chinés tanto no eido da xestión interna como igualmente na política exterior. Nos trinta anos de denguismo, o PCCh foi quen de abrir camiño pouco a pouco e paso a paso a mil e unha pequenas reformas que atendían á maximización das posibilidades de desenvolvemento, descartando as que se demostraran inadecuadas e adoptando as consideradas beneficiosas. Ese percurso foi recorrido en diálogo constante con múltiples instancias internacionais, moitas delas de orientación liberal, pero en ningún caso, pese ás aparencias do contrario, cedeu no asunto capital por excelencia: a soberanía. Moitas foron as recomendacións que nos anos 80 ou 90 do pasado século, en plena crise terminal do socialismo real, suxerían un rumbo liberal para a China.

A esencia do socialismo con peculiaridades chinesas, o modelo que caracteriza o denguismo e que hoxe marca o devir da China, é precisamente esa: o factor nacional non pode disociarse do empeño universal por construír modelos de sociedade alternativa e son as condicións nacionais as que deben adxectivar ese empeño.

Foi tamén o denguismo o que resolveu a máis lacerante contradición do modelo impulsado polo PCCh dende a súa creación. Incardinado nos movementos modernizadores e occidentalizadores de finais do século XIX, tamén o PCCh deu as costas á súa propia cultura que en boa medida foi responsabilizada da perda de impulso dun país que en 1820 representaba o 32 por cento do PIB mundial.

O maoísmo foi altamente belixerante co pensamento e a cultura tradicionais multiplicando as campañas contra Confucio e os catro vellos (ideas, cultura, costumes e usos). Houbo que esperar ao denguismo tardío (Hu Jintao), xa no século XXI, para que se habilitase un novo enfoque recoñecendo o valor central da cultura como eixe irrenunciable. Hoxe esa cultura constitúe un activo de gran valor para blindar ideoloxicamente o seu proxecto e tamén forma parte do “poder brando” que a China tenta promover en todo o mundo. Se inimaxinable era un Instituto Confucio para divulgar a lingua e a cultura chinesa nos tempos de Mao, hoxe, esa denominación explicita un alto grao de autoidentificación do PCCh con esa identidade cultural.

 

Tamén no xiísmo

O PCCh, seguindo un rumbo errático en varias etapas da súa historia, foi o gran conformador e xestor do Estado moderno na China. Sun Yat-sen, cando proclamou os “Tres Principios do Pobo” (democracia, nacionalismo, benestar) e formulou os baseamentos da República de China (1911) tiña en conta as experiencias universais. Tamén o PCCh tería en conta as experiencias alleas de signo ideoloxicamente próximo. En ambos os casos, son perceptibles con claridade trazos de adaptación ás especificidades chinesas, un Estado-continente cunha significación demográfica inocultable pero tamén unha sociedade cunha cultura e historia que dan conta dun magma político xenuíno que en modo algún pode ser ignorado.

O xiísmo actual, a etapa que se abre en 2012 con Xi Jinping no liderado do país, pretende ser a guía dos seguintes 30 anos que conduzan a China ao seu rexurdir definitivo. Na “nova era”, o factor nacional segue a ser a clave de todas as políticas esenciais do país. Non só cando se suxire o propósito de culminar a modernización resolvendo en paralelo o problema da reunificación con Taiwán. É explícito cando novamente se rexeita unha homologación sen matices coa orde universal liberal –no que tamén se advirten motivacións ideolóxicas que remiten ao credo fundacional- ou se profunda na definición de solucións propias a retos que na China presentan unhas singularidades moi pronunciadas.
No estritamente partidario, mesmo cando o PCCh promove algún tipo de coordinación internacional de forzas políticas (2017), faino salientando o respecto á plena soberanía de cadaquén e cun enfoque afastado de anteriores experiencias, primando a pluralidade e cun propósito que transcende a mera interlocución para fomentar os vínculos autónomos entre as respectivas sociedades.

É por iso polo que non resulta esaxerado afirmar que o PCCh representa unha especie de “dinastía orgánica”, a primeira da súa historia, consecuencia desa osmose entre a tradición e a modernidade que o actual mandarinato actualizou cun universo ideolóxico ecléctico e feito á medida.

Se o factor nacional é unha clave discursiva esencial na traxectoria política do PCCh, onte e hoxe, tamén para comprender a natureza e o perfil estratéxico das súas ambicións é fundamental afondar nese coñecemento da identidade no sentido máis amplo da expresión. Incluso para comprender no plano interno esa obsesión por establecer unha gobernanza a través da lei (Estado de dereito, dicimos nós) que nos remite ás bases lexistas que fundamentaron o nacemento da propia China hai máis de dous mil anos. Solucións nacionais para problemas universais.

Nun contexto de agravamento das tensións internacionais, a insistencia na soberanía nacional é o factor distorsionador principal que dificulta a inserción da China nas redes de dominio e dependencia da que segue sendo a potencia hexemónica. No fin de contas, non é o poder económico do xigante asiático o que dificulta o entendemento entre Oriente e Occidente nin tampouco o rexurdir dunha hipotética contenda ideolóxica entre o liberalismo e o comunismo de inspiración chinesa (carente de propósito mesiánico) senón a insistencia de Beijing en seguir unha vía propia e diferenciada, á marxe dos ultimatos e presións dese mundo democrático que, paradoxalmente, é incapaz de tolerar a pluralidade na orde mundial e todo está disposto a facer parar impoñer o seu dogma como paradigma universal.

Xulio Ríos é presidente de honra do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). En 2021 publicou “A metamorfose do comunismo na China” (Kalandraka).


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |