Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

O manifesto nacionalista de Lugo

Artigos asemblea-nacionalista historia irmandades-da-fala lugo nacionalismo-galego

O 17 e 18 de novembro de 1918 é unha das datas máis sobranceiras pra o nacionalismo galego: a aprobación do manifesto nacionalista de Lugo. No Estado español governaba García Prieto, por moi pouco tempo, menos dun mes de duración, xa que foi un máis dunha ringleira de governos efémeros moi condicionados pola Guerra en Marrocos, que estaba sementada de desastres, ao que había que sumar o descontente social. García Prieto moi ligado a Galiza, está emparentado con Montero Ríos, cae ao intentar aprobar un proxecto de mancomunidades (un xeito de autonomías).

Texto de Manuel Mera

O 17 e 18 de novembro de 1918 é unha das datas máis sobranceiras pra o nacionalismo galego: a aprobación do manifesto nacionalista de Lugo. No Estado español governaba García Prieto, por moi pouco tempo, menos dun mes de duración, xa que foi un máis dunha ringleira de governos efémeros moi condicionados pola Guerra en Marrocos, que estaba sementada de desastres, ao que había que sumar o descontente social. García Prieto moi ligado a Galiza, está emparentado con Montero Ríos, cae ao intentar aprobar un proxecto de mancomunidades (un xeito de autonomías).

Asemblea federal de Lugo, 1887

As Irmandades da Fala, que son as que convocan esta reunión en Lugo, naceran dous anos antes en A Coruña, e recuperaran A Nosa Terra como voceiro da nova asociación galeguista. Entre os seus promotores estaban Antón Villar Ponte, Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao e Florencio Baamonde, aínda que a iniciativa fora de Aurelio Ribalta. O nacemento prodúcese nun escenario de gran axitación campesiña en Galiza, por mor da loita contra os foros e o caciquismo, tamén obreira (lembremos a folga xeral de 1917) e de ascenso das reivindicacións nacionalistas no Estado, que deron lugar á Mancomunidade de Cataluña, aceptada por Eduardo Dato e asinada polo Rei en 1913 (que permitía a unión das competencias das deputacións).

Hai polo tanto un contexto social propicio, non é un feito illado e de iluminados, pra este encontro nacionalista en Lugo, que se dá poucos días despois de que Alemaña asine o armisticio (11 de novembro) que na práctica remata coa Primeira Guerra Mundial. Ademais semella un paso lóxico  tendo en consideración os antecedentes históricos, que non están demais lembrar rapidamente neste artigo. Vexamos. Supresión do Reino de Galiza en 1833; a asemblea federal de Compostela en 1843 na que se debateu unha proposta de Faraldo a prol da independencia de Galiza; a Revolución de 1846; o banquete de Conxo en 1856; a asemblea de Lugo dos republicanos federais en 1887 da que sae un proxecto de Estatuto pra Galiza; a Asociación Regionalista Gallega en 1890; a Cova Céltica en 1898, Solidaridad Gallega 1907. Hai unha continuidade, un fío condutor, que enceta nun momento chave da historia europea: coas grandes revolucións nacionais e sociais de metade do século dezanove.

Nas últimas décadas a revisión histórica fixo que se lle restara valor a feitos como a asemblea de Compostela de 1843, xa que seica nunca houbo tal proposta arredista; á revolución de 1846, porque seica nunca pasou dun levantamento militar liberal, con ningún apoio social; e o Banquete de Conxo de 1856 seica non foi máis cunha reunión de amigos, que espertou temores só nalgunhas mulleres maiores moi conservadoras e beatas. Son dos que penso que hai moito de prexuízo nesta visión da nosa historia, coa pretensión de restar todo antecedente arredista e revolucionario ao nacionalismo galego, así como unha conciencia social que lle dera apoio de masas.

Batalla de Cacheiras, 1846

Non todo o que pasa está nos documentos, máxime cando se debate de rupturas (e polo tanto daquela de revolución armada) con todo o que isto tiña de delito, falo da asemblea de 1843, e algún valor terán as afirmacións de persoas que fraternizaron cos contemporáneos dos feitos (máxime se teñen a valía de Murguía). Se as versións orais non teñen valor, non as terán en todos os casos, non só nos referentes ao nacionalismo galego. Outro tanto podo dicir da revolución de 1846, na que superaron o millar os voluntarios (que algúns consideran sen valor, e especialmente numerosos nas comarcas de Vigo e Tui), resulta evidente que foron moitos os mortos (tal como demostra a investigación de Tettamancy reflectida no seu libro sobre a revolución), e non por casualidade houbo unha represión tan dura (onde os fusilados, pra alén do seu valor simbólico, son unha pinga en comparación cos exiliados e deportados ás colonias). E por último, o Banquete de Conxo, algunha importancia tivo cando se arrodeou o lugar polo exército (non se fai tal despregue por rumores de vellas e cando se xuntan catro gatos sen ningún peso social). Tampouco se pode negar a súa forza simbólica e que marcaba unha andaina, ao axuntar obreiros e estudantes. Ademais non se pode ignorar a importancia posterior de moitos dos estudantes que alí estiveron presentes. Sobre estes temas, como tantos outros da nosa historia, cómpre máis sensibilidade e menos autoodio asimilacionista.

Voltando á Primeira Asemblea Nacionalista. Á xuntanza faise no hotel Méndez Núñez e asisten unhas 60 persoas, a metade delas son de A Coruña. Daquela as Irmandades están formadas por 13 organizacións locais e contan con 700 afiliados. A esta altura a “igrexa católica dá por perdida a batalla ideolóxica do galeguismo o que provoca o afastamento de case que todo o sector católico (...) Na reformulación nacionalista conflúen dúas tendencias ideolóxicas moi dispares. Dunha banda a liberal democrática dominante no grupo promotor, ao que se incorpora Luís Peña Novo (que evolue despois cara o nacional-catolicismo) e un fío socialista como Xaime Quintanilla. (...) Da outra banda, os católico-tradicionalistas, que volven a agromar con grande forza grazas a que o ‘exjaimista’ Losada Diéguez asume o nacionalismo e catequiza aos que serán motores do grupo Nós...” (Justo G. Beramendi, O nacionalismo Galego, Edicións A Nosa Terra, 1995).

Cabeceira orixinal do "A Nosa Terra"

A xuntanza de Lugo é un pulo cualitativo, xa que se artella unha estrutura federativa das irmandades locais, cun Directorio formado polos presidentes das asociacións, xurdindo deste xeito unha organización de ámbito galego, que asemade ten un programa común e un voceiro nacional: A Nosa Terra. Non é un partido porque non refuga a militancia noutras organizacións políticas e as agrupacións manteñen unha gran autonomía. “Porteiro Garea, neste intre o líder máis salientábel do movemento, preparou a xuntanza xunto a Peña Novo, seu intimo amigo, e a outros moi senlleiros (...) A asemblea de Lugo é o lanzamento político do grupo, xa que nela se sostén que Galiza é unha nación (art.I) á que corresponde, polo tanto, unha autonomía integral (art.2, 1º) que se concretará nun poder galego, que se organizase nas súas liñas xerais (art. 4). Asemade, expóñense diante da opinión pública unha ringleira de cuestións graves que atinxen neses intres ao país, cuestións xurídicas (art. 5), económicas (art. 6) e incuso artísticas (art. 7)”. (Barreiro Fernández, Historia Contemporánea de Galicia, Ediciones Gamma, 1982).

O Programa esixía unha autonomía integral, e o ingreso de Galiza na Sociedade de Nacións, e procuraba unhas bases pra unha federación con Portugal. Estas propostas adiantábanse ao seu tempo e teñen certa semellanza coa soberanía compartida de Irlanda do Norte na actualidade.

As competencias reservadas a Galiza eran as seguintes:

  • Réxime tributario propio, sen intervención do poder central.
  • Cooficialidade do castelán e o galego
  • Igualdade de dereitos da muller.
  • Supresión das deputacións provinciais.
  • Lexislación social nas competencias que se estimen non exclusivas do Estado.
  • Toda a potestade docente.
  • Administración (non construción) dos carrís de ferro.
  • Fixación do cupo de forzas que se estimen necesarias pra garantir a orde interna do    país.
  • Control da política económica, non excluídos os bancos.
  • Sustentatividades do dereito foral galego.
  • Recuperación por parte do povos dos montes comunais.

O fracaso nas eleccións de 1918 e a súpeta morte de Porteiro Garea fai que as Irmandades se inclinen deica a opción culturalista. Consumase axiña a ruptura entre as dúas tendencias, a política representada por Porteiro Garea, Peña Novo, Rodrigo Sanz, e a cultural de Risco, Otero Predrayo, Carré Aldao. A ditadura de Primo de Rivera achegara ás dúas pólas do nacionalismo.

Na Asemblea de Lugo as Irmandades puxeron os alicerces pra o agromar dun partido político propio, e polo tanto pra autoorganización do povo galego. Foron ademais as raíces que permitiron a rápida expansión posterior do Partido Galeguista, e toda a rica actividade creativa que desenvolveu en todos os ámbitos (literatura, historia, Lingüística, etnografía, etc). Rendamos unha merecida homenaxe a todos e todas as que fixeron posíbel aquel pulo do nacionalismo.

(Este texto foi publicado por vez primeira en novembro do ano 2008 no xornal dixital GZnación)


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |