Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Os efectos da negación da liberdade sindical na democracia

Artigos

A dirixente sindical chilena analiza a situación do sindicalismo no país Andino e a loita contra o modelo neoliberal instaurado na dictadura militar de Pinochet.

[Artigo publicado na revista Enxergar nº3]

Bárbara Figueroa Sandoval

En Chile, a instauración do neoliberalismo deuse primeiro que en calquera parte do mundo e fíxose do xeito más profundo posíbel, pois a ditadura militar desapareceu e aniquilou calquera resistencia política por medio do uso das forzas armadas contra a poboación, nunha situación que o mesmo Hayek describiu como “ideal para a implantación do modelo”.

Entre os principais cambios que instaurou o modelo neoliberal, un que tivo vital importancia foi o que modificou as relacións entre capital e traballo no mundo laboral, onde se minimizou o poder sindical e se axustou á teoría de prezos flexíbeis dos economistas neoclásicos.

O argumento pódese resumir como segue: mentres os salarios dentro da economía sexan flexíbeis, poderase producir o axuste automático dos mercados, permitindo o axuste entre oferta e demanda por medio de prezos flexíbeis, porque os salarios son a principal compoñente dos custos laborais que á súa vez determinan os prezos.

Unha ollada marxista diríanos que, mentres os traballadores e traballadoras son capaces de reunir más forza de negociación, van empurrando cara a arriba os salarios como porcentaxe do PIB. Este aumento dos salarios vai significar unha diminución das taxas de beneficio do capitalismo, o que vai deter o proceso de acumulación de capital e poñerá o sistema capitalista en crise. Crise que se pode resolver coa perda de empregos e con iso de salarios desde unha ollada clásica ou co avance a unha nova relación de produción, coa aparición de fábricas de propiedade dos traballadores, en xeral modelos de cooperación por riba dos de competencia.

É así como a ditadura en 1978 promoveu o Plan Laboral, que tiña como obxectivo principal xibarizar a liberdade sindical, contida nos convenios 87 e 98 da OIT, deixando así sen efecto a lexislación laboral que protexía a clase traballadora e os sindicatos. Para isto socavou o dereito á organización sindical, impedindo que os traballadores e traballadoras das empresas máis pequenas se puidesen sindicar, deixando a case un 30% dos traballadores chilenos sen posibilidade de constituír un sindicato. Ademais, permitiuse que o empregador estendese os beneficios do sindicato aos traballadores non sindicados, nunha aberta práctica antisindical. Logo, limitouse a posibilidade de negociación colectiva, mantendo este dereito só a nivel de empresa, tendo en conta que en Chile existía recoñecemento á negociación sectorial, poñendo fin a unha estendida práctica de diálogo social no país. E, finalmente, limitouse o dereito á folga, ao recoñecelo de maneira restritiva, só na negociación colectiva de empresa e sendo ademais unha folga que non paralizaba, pois os empregadores tiñan á súa disposición ferramentas para o descolgue de traballadores/as e substitutos.

O efecto directo destas disposicións foi a de inutilizar o sindicato como ferramenta para a disputa da riqueza que crea o traballador, polo que os sindicatos perderon afiliación, pasando dun nivel máximo de 33% de afiliación sindical en 1973 a un inferior ao 15% de participación sindical a principios dos anos 90. Pero, ademais, baixou a cobertura da negociación colectiva, pois a negociación sectorial amplificaba até case o dobre a afiliación sindical, quedando suxeita agora soamente á taxa de sindicación vixente.

Un segundo efecto foi a perda de poder de negociación entre traballadores/as e empregadores/as, pasando dunha negociación que conseguía un 5% de reaxuste salarial real, a unha que alcanza con moita dificultade un reaxuste salarial do 1% real; esta situación deu paso a un dos niveis de desigualdade más altos do mundo.

Segundo diferentes tipos de medición, Chile é un dos países más desiguais da rexión e do mundo. O seu índice GINI (coeficiente que mide o nivel de desigualdade) flutuou entre o 0,52 e 0,48 antes de impostos desde 1990 a 2020 e os seus índices GINI despois de impostos baixan entre 0,05 e 0,1 puntos, manténdose unha desigual distribución de riqueza aínda despois da acción do Estado. Pero tamén se demostrou que, utilizando os datos administrativos do Servizo de Impostos Internos de Chile, os índices de desigualdade ascenden até un GINI de 0,66, onde o 1% concentra o 30,5% de riqueza en Chile, é dicir, 130.235 millóns de dólares.

O Banco Central de Chile, nun informe do ano 2017 (“Distribución de riqueza non previsional dos fogares”), sinalou que o 72% da riqueza do país está concentrada no 20% más rico, mentres o 20% más pobre presenta niveis de riqueza nula ou negativa, cun resultado de Gini entre familias de 0,73.

A principal explicación para esta desigualdade radica na diferenza sostida entre a produtividade laboral e a parte da riqueza que ía aos soldos. Se en 1973 os salarios se apropiaban dun 69% do Produto Interior Bruto do país, no ano 2019, os salarios significan só un 32% do Produto Interior Bruto do país, enmarcado nunha política económica baseada nas políticas do efecto pinga da riqueza, onde se explica que mentres máis ricos sexan os más ricos mellor lle vai ao país e, por extensión, ao resto da cidadanía. Esta ollada acabou por entrar en crise no estouro social de outubro de 2019, onde unha das principais tensións sociais é a que se dá entre a distribución funcional da riqueza entre Capital-Traballo.

Unha contradición refírese a dúas forzas aparentemente opostas, simultaneamente presentes nunha mesma situación, unha entidade, un proceso ou un acontecemento determinado; estas tensións atópanse en diferentes formas na vida cotiá, pero a nivel político e económico, poderiamos dicir que as contradicións se derivan da que se dá, “entre realidade e aparencia no mundo que vivimos”( David Harvey), no sentido de que, moitas veces, para dar coa contradición debemos pasar polo proceso de eliminar as causas aparentes, para atopar as propostas que conducen a unha mellora da sociedade.

A tensión Capital/Traballo mestúrase con outras, pero é a que explica o problema chileno. Ademais, desde aí podemos ir cara aos problemas de democracia dentro do país.

Nunha sociedade de consumo, o baixo poder adquisitivo fixo imposíbel que unha parte importante da poboación fose capaz de se incorporar á sociedade. Os baixos niveis salariais, a estrutura tributaria, a actividade privada nos dereitos e o gasto social focalizado, impediron que os traballadores pasasen desde as clases baixas ás medias, e produciuse unha case desaparición da clase media, como xa alertara a OCDE en abril de 2019.

Onde a promesa do esforzo propio non atopou a recompensa dun bo vivir, rompeu unha das promesas fundamentais de calquera sociedade, deixando sen sentido o resto das institucións sociais e facendo crise a democracia no camiño, pois cumprir cos deberes cidadáns non se percibía como algo que tivese unha contrapartida en dereitos sociais.

O problema central é que os baixos salarios da economía chilena baleiraron de contido o traballo. Así, traballar non asegura a integración á sociedade e con iso debilítase un lazo fundamental do contrato social.

Doutra banda, unha parte más politizada dos/as que se mobilizaron co estouro social situaron o problema alén do nivel de ingresos das familias e cuestionaron as regras do xogo da sociedade, poñendo o acento na construción dunha nova Constitución.

 

Esta tensión prodúcese cando se percibe que os resultados da sociedade están tomados por grupos de interese. Os principais deles son as grandes fortunas corporativas e persoais, e esta tensión exprésase en situacións como a Lei de Pesca, que entregou o mar de Chile a 7 familias, ou o financiamento ilegal da política, que mostrou como case todos os partidos políticos eran financiados polas grandes empresas nas súas campañas, que nos levou á toma de decisións políticas a favor dos intereses capitalistas.

Se seguimos o pensamento de Engels, poderemos sinalar claramente que esta situación provén directamente do efecto de detención das forzas da loita de clases que moven a historia. É posíbel dicir que a perda nos dereitos sindicais e a perda do poder sindical para alcanzar o proxecto histórico do sindicalismo en Chile nos levou a vivir o que se pode considerar como un neoliberalismo distópico, onde as forzas sociais non poden expresar os seus intereses e se acumulan baixo unha aparente normalidade, até expresar cunha forza cataclísmica na sociedade chilena.

Esta detención da loita de clases e a consecuente súper acumulación da riqueza en moi poucos, deu en transformar o sistema democrático representativo chileno nun sistema plutocrático, onde se fixo realidade o goberno daqueles que tiñan o poder do diñeiro, apropiándose dos espazos do poder executivo, lexislativo e xudicial.

Ante esta situación, é común escoitar a algúns dirixentes políticos dicir que a profundación do sistema democrático ou, na súa falta, o reforzo do sistema democrático actual, é a única forma de superar a actual súper acumulación, entendendo así que a forma de resolver a ampla desigualdade é por medio dunha máis ampla democracia.

Eu, polo menos, permítome disentir, pois o que está esterilizado na nosa democracia son os grupos intermedios da democracia, arrebatándolle principalmente o poder de transformación da realidade por medio de acción directa na sociedade. A maneira más directa de recuperar a democracia é a conformación dun tecido social con poder real na sociedade chilena. Pódese argumentar que a irrupción do estouro social e a gran mobilización deses grupos intermedios, organizados ou espontáneos, son os que lograron recuperar o poder constituínte para o pobo e con iso imporlle ao sistema político a redacción dunha nova Constitución.

É así que a democracia só se poderá recuperar por medio de devolver o poder social á súa orixe, para permitir, entre outras cousas, que os sindicatos poidan acceder por medio dunha negociación colectiva sectorial á riqueza que produce o traballo, diminuíndo a concentración da riqueza e con ela o secuestro da democracia polos súper ricos.

O único camiño que se mostrou viábel para a transformación real do país é o que percorremos os movementos sociais con amplos niveis de mobilización social, que hoxe darán paso á institucionalización dos cambios e sobre todo da importancia da tensión Capital/Traballo na nova Constitución.


Volver

2021 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |