Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Para os pobres, mercado.

Artigos desigualdade estado loita-de-clases mercado neoliberalismo publico

Son moitas as probas que, na actualidade, demostran a inviabilidade do capitalismo como modo de organización da vida económica. Un dos seus máximos apoloxistas, o economista austríaco-americano Joseph Schumpeter, gustaba argumentar que o que o caracterizaba era un continuo proceso de “destrución creadora”: vellas formas de produción ou de organización da vida económica eran substituídas por outras nun proceso virtuoso e de ininterrompido ascenso cara a niveis crecentes de prosperidade e benestar. Con todo, as duras réplicas da historia demostran que se produciu un desequilibrio cada vez máis acentuado na ecuación schumpeteriana, a resultas do cal os aspectos destrutivos tenden a prevalecer, cada vez con máis forza, sobre os creativos: destrución cada vez máis acelerada do medio ambiente e do tecido social; do estado e as institucións democráticas e, tamén, dos produtos da actividade económica mediante guerras, a obsolescencia planificada de case todas as mercancías e o desperdicio sistemático dos recursos produtivos.

Atilio Borón.

Unha nova proba desta inviabilidade xa non a longo senón a mediano prazo do capitalismo outórgao a súa escandalosa incapacidade para resolver o problema da pobreza, tema que nestes días está sendo discutido no marco da Asemblea Xeral da ONU. A pesar dos modestos obxectivos expostos polas chamadas “Metas do Milenio” para o ano 2015 -entre os que sobresae a redución da poboación mundial que vive con menos de 1,25 dólares ao día-, o certo é que nin sequera tan austeros (por non dicir insignificantes) logros poderán ser garantidos. De feito, se a nivel mundial produciuse unha relativa melloría isto debe atribuírse ás políticas seguidas por China e India, que se apartaron considerablemente das recomendacións emanadas do Consenso de Washington. Mais aló disto, sería interesante que os tecnócratas do Banco Mundial e do FMI explicasen como podería cualificarse a unha persoa que habendo superado o fatídico limiar do 1,25 dólar por día gaña, por exemplo, 1,50. Deixou de ser pobre? É un “non-pobre” por iso? E que dicir da estabilidade dos seus misérrimos ingresos nun mundo onde aquelas institucións pregoan as virtudes da flexibilización do mercado laboral?

Esta incapacidade para enfrontar un problema que afecta a máis de mil millóns de habitantes -cifra que crecería extraordinariamente se, aínda desde unha visión economicista, situásemos a liña da pobreza nos 2 dólares diarios- tórnase motivo de escándalo e abominación cando se recorda a celeridade e xenerosidade con que os gobernos do capitalismo avanzado abalanzáronse con centenares de miles de millóns de dólares ao rescate dos grandes oligopolios, arroxando pola borda toda a vacua palabrería do neoliberalismo. O rescate aos grandes oligopolios financeiros e industriais, segundo informa a Axencia Bloomberg, de clara identificación coa “comunidade de negocios” norteamericana, custaba, ata finais do ano pasado e por diferentes conceptos, un total de 12,8 millóns de millóns de dólares, unha cantidade que se achega moito ao Produto Interior Bruto (PIB) do país. En cambio, a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), que fora fixada pola ONU nun irrisorio 0,7 % do PIB dos países desenvolvidos, só é respectada polos países escandinavos e Holanda. Datos dos últimos anos revelan que, por exemplo, os Estados Unidos destinaron á AOD só unha fracción do acordado: o 0,17 % do seu PIB, mentres que o Estado español achegaba o 0,24 e Italia o 0,15 %. Os principais países da economía mundial, nucleados no G-7, dedicaron á cooperación internacional apenas o 0,22 % do seu PIB. A diferenza do ocorrido coas grandes empresas oligopólicas, o “rescate” dos pobres queda en mans do mercado. Para os ricos hai estado, os pobres terán que amañarse co mercado. E se aparece o estado é para reprimir ou desorganizar a protesta social. Alguén dixo unha vez que as crises ensinan. Tiña razón.

Artigo tirado de Rebelión, o 22/09/2010. (Traducido ao galego por FESGA)

Volver

2019 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |