Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Pensións: espremendo ao débil.

Artigos banca crise-sistemica maiores pensions prestacions-sociais

Non é a primeira vez que desde a CEOE, o Banco de España e o Goberno se dramatiza sobre a situación futura das pensións, que estarían en perigo porque o gasto aumenta máis rápido que os ingresos. A solución que se dá sempre é a mesma: rebaixar a contía. Para o cal se pretende aumentar a idade de aceso á xubilación así como o tempo que se colle como media para o calculo da contía da pensión. Deste xeito as xubilacións obrigatorias, do sistema público, serian moi básicas e insuficientes, polo que se forzaría a que un grande número de asalariados e asalariadas se adheriran a fundos privados, dando pulo ao lucro empresarial (á especulación) nunha prestación esencial na que ate o momento a actividade privada tivo un papel marxinal.

Manuel Mera.

Non é a primeira vez que desde a CEOE, o Banco de España e o Goberno se dramatiza sobre a situación futura das pensións, que estarían en perigo porque o gasto aumenta máis rápido que os ingresos. A solución que se dá sempre é a mesma: rebaixar a contía. Para o cal se pretende aumentar a idade de aceso á xubilación así como o tempo que se colle como media para o calculo da contía da pensión. Deste xeito as xubilacións obrigatorias, do sistema público, serian moi básicas e insuficientes, polo que se forzaría a que un grande número de asalariados e asalariadas se adheriran a fundos privados, dando pulo ao lucro empresarial (á especulación) nunha prestación esencial na que ate o momento a actividade privada tivo un papel marxinal.

Os dados non avalan este pesimismo interesado. No ano 2009 o superávit da Seguranza Social foi de 7 mil millóns de euros, no 2010 atinxirá os 4 mil millóns, e no 2011 chegará aos 4.579 millóns. Ademais, o Fundo de Reserva terminará este ano con 64.300 millóns de euros. Aínda que o superávit é menor que en anos anteriores, non se pode ignorar que estamos en plena crise, cunha taxa de desemprego moi alta. En todo caso, se o excedente e cada vez máis baixo é tamén porque o Goberno, dun xeito irresponsábel, leva décadas diminuíndo a parte empresarial das cotizacións á Seguridade Social. Iso non quere dicir que o sistema non necesite correccións. Non parece lóxico, por exemplo, que unha persoa despois de 40 anos de cotización non se poda xubilar antes dos 65 co cen por cen. Son moitos anos de traballo, de forte desgaste persoal en moitas actividades.

Agora ben, mesmo que houbera problemas no futuro para manter o sistema público das pensións a saída nunca pode ser a redución da contía da prestación e moito menos forzar a súa privatización, tanto sexa total como parcial. Falamos dunha prestación básica, que atinxe ás persoas nunha idade da súa vida na que son enormemente dependentes, na que a solidariedade e a prevención son esenciais. Mesmo recoñecendo que se fixo un esforzo na última década para aumentar a contía media, hoxe esta prestación é insuficiente para moitas familias, especialmente en Galiza. O progreso económico ten que servir á xente e principalmente atender a aqueles máis débiles. Non se pode pretender presentar como un mérito que esta sociedade ten unha media de vida alta e despois non asumir que estes avances teñen custes; algo que tamén sucede cando hai unha vontade real de alentar a natalidade, e non só é un discurso baleiro e demagóxico.

Por outra banda non se pode ignorar que existe un 25% de economía mergullada, e que isto significa unha enorme defraudación fiscal que afecta ás cotas da Seguranza Social. E como consecuencia directa, que aqueles que máis padecen a desregulación laboral, as xornadas máis longas, e os salarios máis baixos, sexan despois os máis castigados cando teñan que recibir unha pensión por xubilación. A responsabilidade da administración na falta de eficacia ao combater este fraude é evidente, constituíndo na práctica unha colaboración indirecta coa inxustiza social xa que alenta a lei da selva nas relacións laborais. Esta ineficiencia contrasta coa dilixencia que existe cando se trata da fiscalidade sobre os salarios ou dar achegas aos grandes empresarios.

E por último, compre facer un comentario encol dos sistemas privados de pensións que se presentan como unha falsa alternativa. Os Fundos de Pensións, adicados case que todos á actividade especulativa na Bolsa, foron os máis castigados pola queda de valor durante a crise. Houbo unha perda de capital que tiveron que asumir os pensionistas, ao que se lle sumou os custes das entidades xestoras. Por exemplo, nos Estados Unidos calculase que desde o inicio da crise perderon un 20% do seu valor, no Estado español no primeiro trimestre deste ano esfumáronse 2.696 millóns de euros, e nos Países Baixos o fundo ABP, que é o terceiro do mundo, con 229.000 millóns de euros de capital, anunciou que vai recortar as pensións prometidas aos xubilados. Os fundos son un negocio para os bancos e outras entidades, que cobran pola xestión, porén un xogo perigoso máis que un investimento para os pensionistas.

Manuel Mera é o Director de FESGA.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |