Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Percorrido pola historia da nación galega (caderno)

Publicacións

A Fundación Moncho Reboiras-FESGA apresenta a publicación “Percorrido pola historia da nación galega”, que, ao longo de 32 páxinas, traza un itinerario histórico que parte dos inicios do poboamento do territorio até o albor do novo século, pasando por toda unha serie de episodios que foron conformando a idiosincrasia do noso pobo, e sen os cais sería imposíbel entender a nosa realidade actual.

O caderno, completamente ilustrado, está estruturado en diferentes capítulos temáticos correspondentes a diferentes feitos de relevancia e periodos da nosa historia, desde unha óptica que pon de relevo a loita de clases e a intervención imperialista da España, que remataría por sumir ao noso pobo na dependencia e na subsidiariedade económica e cultural. Porén, estes procesos de dominación foron combatidos de diversas formas polas nosas clases populares, dando lugar a expresións non só de descontentamento, mais de auto-organización e de empoderamento, tal e como se comproba cos xermes agraristas, obreiros e nacionalistas, alicerces a partir dos cales xorde a nosa central sindical nacional, a CIG.

Desde a Fundación Moncho Reboiras acreditamos no coñecemento, estudo científico e valorización da nosa propia historia, negada no pasado e presente polo estado español a diferentes niveis, non só por unha cuestión de xustiza histórica, se non como unha forma máis de concienciación nacional e social, como apoio a un proceso que ha lograr algún día a consecución da soberanía e da xustiza social para o noso pobo.


Volver

2022 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |