Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Por un Sistema Público de Servizos de Atención ás Persoas

Artigos

A Secretaria de Organización da CIG, expón as propostas da central sindical galega pola valorización dos traballos de coidados, considerando urxente dar unha resposta á explotación, invisibilización e á desigualdade

[Artigo publicado na revista Enxergar nº3]

Susana Méndez Rodríguez, Secretaria de Organización da CIG


Desde a CIG vimos denunciando desde hai anos a situación dos centros e servizos que atenden as persoas de idade, as persoas dependentes, as persoas que nun momento da súa vida precisan da axuda doutras para se desenvolveren e ocuparen de si mesmas. Uns servizos absolutamente necesarios, imprescindíbeis, mais realizados na actualidade dun xeito precario, tanto para utentes como para quen os presta.

A situación laboral das persoas que levan a cabo traballos de coidados, maiormente mulleres, non poden ser máis precarias: salarios míseros, contratos de tempo parcial mais con xornadas interminábeis, unha enorme carga de traballo, tanto físico como emocional, que deben soportar uns cadros de persoal moi escasos... A palpábel realidade da absoluta falta de valorización das tarefas que tradicionalmente se adxudicaron ás mulleres.

A situación asistencial, tamén falta de recursos, tanto humanos como materiais, en moitos casos en mans de empresas privadas que regatean en persoal, salarios, subministracións... quedou en evidencia durante a crise da covid, destapando a baixa calidade da atención que se presta nalgúns centros, con ausencia de protocolos homoxéneos e uns mínimos estándares. A crise sanitaria evidenciou tamén a nefasta xestión que destes servizos fixo (e fai) o goberno da Xunta de Alberto Núñez Feixó, máis preocupado por aparentar que por facer, e máis preocupado por salvar a economía que a vida das persoas.

Desde a CIG, e mediante diversas campañas e mobilizacións, xa hai tempo que o vimos sinalando. A través dos varios conflitos laborais nas residencias públicas e privadas, da campaña por unha mellor atención á dependencia do Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG (que entregou máis de 14.000 sinaturas en demanda de melloras nestes servizos), da loita das mulleres dos SAF pola súa dignidade laboral, as campañas da Secretaría da Muller pola valorización dos traballos de coidados, coa convocatoria de folgas nos últimos 8 de marzo de 2018 e 2019, e unha nova convocatoria neste 2021... desde moito antes da chegada do coronavirus, a CIG sinalaba o problema que existe desde hai moito tempo neste sector. A crise sanitaria da covid non fixo máis que confirmar as nosas denuncias e reafirmarnos na necesidade de grandes cambios nos servizos de atención ás persoas, a comezar polo reforzamento do público, única garantía dunha prestación digna e de calidade.

Por iso, en xuño do 2020 a CIG lanzou a proposta para un Sistema Público de Servizos de Atención ás Persoas, unha única rede de recursos públicos que contemple todos os centros e servizos de atención, desde as residencias de maiores, sexan asistenciais ou non, ata os servizos de axuda no fogar, pasando polos centros de día, centros de atención á discapacidade, etc. Desde o público, para garantir que eses coidados, esa atención, é prestada con calidade e sen mirar o lucro ou o beneficio, senón o benestar das persoas.

Nesta proposta recollemos varios mínimos a cumprir:

  • Unha dotación adecuada e suficiente tanto de infraestruturas, como de material e, por suposto, de recursos humanos, con condicións de traballo dignas e salarios axeitados, revalorizando as tarefas de coidados. É preciso incrementar prazas públicas en residencias, centros de día, etc., para chegar á mínima ratio de prazas por habitantes maiores de 65 anos proposto pola OMS, que a día de hoxe está moi lonxe de cumprirse na Galiza. Ademais, é necesario un incremento nos cadros de persoal, adecuando tamén as ratios de persoas atendidas por profesional.
  • A asistencia prioritaria a través destes servizos públicos, con persoal profesional, minimizando a atención a través de prestacións económicas que non fan máis que afondar no problema da feminización e precarización dos coidados (por seren asumidos por mulleres da familia na maior parte dos casos), ademais de ser unha privatización encuberta (dado que esas prestacións económicas se dedican en certa medida a contratar servizos privados de atención). Ou, o que é o mesmo: consolidar a imaxe da muller como coidadora recluída na casa e financiar empresas privadas que fan o traballo que a Xunta non fai, sen esquecer as pésimas condicións laborais e salariais que as traballadoras teñen que soportar nesas empresas privadas.
  • A eliminación de repagamentos, cunha carteira de servizos e prezos públicos. Co actual sistema de copagamento, os prezos que as familias teñen que pagar por certas prestacións son tan elevados, que en moitos casos renuncian a eles ou prefiren contratar servizos privados que resultan máis económicos. Isto é, de novo, afondar na feminización dos coidados e na súa privatización, como no punto anterior se explicaba.
  • Un importante incremento de orzamentos destinados á dependencia, atención ás persoas, promoción da autonomía persoal e avellentamento activo. É fundamental, e así se viu durante a pandemia da covid-19, adecuar o financiamento dos servizos de atención ás persoas, e ao mesmo tempo, os destinados ás políticas de prevención: promoción da autonomía e actividade na vellez.
  • Transferencia a Galiza das competencias nesta materia, para poder aplicar e desenvolver a Lei de Dependencia. Porque só desde nós, co coñecemento inmediato da situación e da idiosincrasia propia, se poderá abordar a atención coas medidas adecuadas.
  • A xestión directa pola Administración Pública de todos os servizos con persoal público que acceda a través de procesos regulados baseados nos principios de igualdade, mérito e capacidade, mais garantindo tamén que o persoal que presta actualmente estes servizos teña unha solución de futuro. Profesionalización e valorización dos coidados, e condicións laborais dignas para todas as traballadoras (mulleres case na súa totalidade) que na actualidade aplican eses coidados e atención ás persoas.

Unha sociedade avanzada e que procura o benestar da poboación e a dignidade para a vida das persoas, require que, cando alguén non pode atenderse a si propio, cando non ten a autonomía necesaria, o Estado asuma os coidados necesarios para esa atención. Na Galiza, ese papel veñen desempeñándoo secularmente e a custo propio as familias e, dentro delas, as mulleres, algo que, para unha sociedade máis xusta e igualitaria, debe mudar. Se desde o sector público se asumen as tarefas de coidados, se se valorizan e se profesionalizan, non só significaría unha equidade e mellora na calidade dos coidados que se prestan a quen os precisa, senón que tamén sería beneficioso en canto á creación de emprego estábel e de calidade, maiormente para as mulleres, o que redundaría nun maior equilibrio do mercado laboral e na redución da fenda salarial, sempre que se faga con servizos públicos dotados co persoal suficiente e condicións laborais e salariais dignas.

Un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas xa hai tempo que é necesario, mais agora, máis ca nunca, é imprescindíbel. Porque investir en servizos públicos leva ao verdadeiro rendemento para a sociedade: a dignidade para a vida das persoas.


Volver

2021 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |