Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Principia a campaña para dar lugar a unha escultura de bronce en lembranza de X.R. Reboiras na capital galega

Novas

Ao longo deste ano 2025 lembramos o 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras a mans da policía franquista o 12 de agosto en Ferrol, con tres disparos polas costas.

A Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Galiza Sempre e a Fundación Terra e Tempo unímonos para desenvolver un programa de actividades consistente na edición de diversas publicacións informativas, organización de exposicións e charlas para dar a coñecer as aportacións en múltiples frontes deste militante nacionalista; no impulso da autoorganización dos e das traballadoras; no campo político; na organización do estudantado, no desenvolvemento dun amplo movemento cultural, sempre tendo a Galiza como motor da súa actividade.

As tres fundacións, conxuntamente cun Comité de Honra formado por vinte camaradas de Reboiras que compartiron militancia política e social fronte á ditadura franquista, tamén promoven -a maiores do recoñecemento social- un recoñecemento institucional. Unha das iniciativas máis ambiciosas neste plano é erguer na capital da Galiza unha escultura de bronce, obra da recoñecida escultora Cuqui Piñeiro, que o honre e o lembre como loitador nacionalista e demócrata. Para sufragar esta iniciativa por medio do apoio popular queremos solicitar a túa colaboración.

A tal fin temos dispoñíbel un numero de conta en Abanca: ES72 2080 0348 3230 4003 7892 a nome da Fundación Moncho Reboiras para que does (*) a cantidade que estimes oportuna. Tamén, como alternativa, podes optar por recibir unha pequena compensación pola túa doazón:

– Se fas unha doazón de 20 euros, enviaremos ao enderezo que nos facilites o libro “50 aniversario de Moncho Reboiras 1975-2025” de 110 páxinas.

– Se fas unha doazón de 50 euros, a maiores do libro, tamén recibirás o cómic de Tokio “A campá do Rianxo” de 32 páxinas e o caderno “Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975). Militancia sen tregua por unha Galiza liberada” de 54 páxinas.

– Se fas unha doazón de 125 euros, a maiores das publicacións anteriores, recibirás tamén os libros "O nacionalismo galego na década de 1970" e "Reflexións arredor da Galiza".

– Se fas unha doazón de 250 euros, a maiores das publicacións anteriores, recibirás tamén os libros “Nunca Máis. 20 anos da maior resposta social do pobo galego” e “Castelao, deputado nacionalista. Intervencións nas Cortes españolas (1931-1933)”.

Só tes que facer a transferencia bancaria indicando no concepto “Doazón monumento Moncho Reboiras” e sinalando o teu nome e apelidos. Posteriormente, remitir un correo electrónico, anexando copia da transferencia, ao correo electrónico 50aniversario@fundacionmonchoreboiras.gal indicando o teu nome e apelidos, NIF, enderezo postal e móbil e se desexas recibir ou non unha das compensacións.

A relación completa de doantes para o monumento, figurará nun código ao pé do monumento que se visualizará na páxina web da Fundación Moncho Reboiras.

Só nos resta agradecer o teu apoio, sexa cal for, cunha iniciativa que busca recoñecer a Reboiras mais non só, tamén a toda a xeración de loitadoras e loitadores que na década dos sesenta e dos setenta do século pasado fixeron un esforzo titánico para rematar coa ditadura franquista e ao tempo darlle corpo organizativo ao movemento nacionalista galego.

Ficamos ao teu dispor para esclarecer calquera dúbida.

 

Fundación Moncho Reboiras. Suso Seixo (Presidente)

Fundación Galiza Sempre. Rubén Cela (Presidente)

Fundación Terra e Tempo. Francisco Rodríguez (Presidente)

 

(*) A doazón, de facela antes do 30 de decembro de 2025, terá a correspondente dedución na Declaración do IRPF (Imposto da Renda das Persoas Físicas) do ano 2025 segundo a Lei 49/2002 do 23 de decembro, do réxime fiscal das entidades sen fins de lucro e dos incentivos fiscais ao mecenado. De facerse a inicios de 2026, igualmente terá a correspondente dedución na declaración de IRPF do devandito exercicio.


Volver

2025 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |