Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Reportaxe: Mocedades Galeguistas (vídeo e texto).

Audiovisual diaspora galeguismo mocedades-galeguistas nacionalismo

Desta volta, no marco da serie iniciada co traballo sobre ”A Irmandade Galega”, presentamos unha reportaxe arredor das “Mocedades Galeguistas”, organización xuvenil de fondo carácter nacionalista constituída na diáspora e cunha relevante achega desde o exilio.

Desta volta, no marco da serie iniciada co traballo sobre ”A Irmandade Galega”, presentamos unha reportaxe arredor das “Mocedades Galeguistas”, organización xuvenil de fondo carácter nacionalista constituída na diáspora e cunha relevante achega desde o exilio.

No clip de vídeo recóllese unha entrevista a Manoel Cordeiro quen fora membro da Xunta Directiva das MG e promotor da cultura galega no seo da colectividade.Así mesmo, o audiovisual é complementado por un artigo da autoría do historiador contemporaneísta Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, no que baixo o título “Da reconstrución patriótica no exílio e as Mocedades Galeguistas” fai unha interesante aproximación en chave histórica a esta relevante organización, presentando aos persoeiros máis significados e esbozando a actividade patriótica que desenvolvían.

_

[media id=31 width=530 height=325]

_

Da reconstrución patriótica no exílio e as Mocedades Galeguistas

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel

Polo ano 1942, perto do sexto aniversário do plebiscito do Estatuto de Autonomía, Manuel Pedreira, Bernaldo Souto, A. González Blanco e A. Buxán Rivas asinaban un documento intitulado “Manifesto das Mocedades Galegas. Aos mozos galegos”. Sería un documento que se rubricaba sob a obriga ‘ineludible de prestar a Galiza o apoio decidido de todal-as nosas forzas’ como continuación dun compromiso que viña de tempo atrás, xa que, “...desaparecidos os orgaismos de eispresión política do sentimento nacional galego , nós pretendemos recoller a laboura realizada arestora i-aleicionándonos nos feitos acaecidos aspiramos a restablecer a contiuidade d-ista laboura interrumpida en pleno florecer[1].  E é que, non por acaso, coincidindo coa rearticulación do movimento patriótico galego na América do Sul, pretendia-se reorganizar as vellas Mocedades Galeguistas, instaurar, en definitivo, un ‘ORGAISMO GALEGO MOZO’ (sic). Enlazaba esta ideia coa que xa unha década atrás expresara o nacionalismo xuvenil aquén terra. Naquela altura a xuventude nacionalista soñara ter representación organizada en calquer ponto do Planeta onde houber presenza galega. Asi, afirmaba o que fora primeiro secretário xeral da Federación de Mocedades Galeguistas, Francisco Fernández del Riego, convencido da potencialidade da Galiza expatriada, que:

Os mellores obreiros do noso porvir viven na emigración as mais tristeiras [horas] ...de Galicia. A sua laboura nacionalista é edificante en todol-os ordes. En todal-as rúas de todal-as cibdades de América hai mozos galegos que sinten con fondo sentimento as espranzas da Patria lonxana da que sairon noutrora tristeiros e magoadaos porque Galicia daquela deixaba de ser Galicia e non lles doaba pan pra o corpo nin pan pra o esprito. Hastra eles quero que chegue hoxe o acento da miña pluma pra que axunten todol-os esforzos illados en fatos e agrupamentos dependentes da F.M.G.” [2]

[caption id="attachment_750" align="aligncenter" width="410" caption="Membros das MG (Bos Aires, 1954). Adelina González, Deníns Conles Tizado, Carlos Abraira e Roberto Veloso, xunto a Fernández del Riego e Suárez Picallo."][/caption]

Recollendo as proclamas daqueles xovens nacionalistas, as novas ‘mocedades galegas’ proclamarian a criazón “...definitiva en Bôs Aires dun Segredariado das Mocedades Galegas, agrupamento novo, constituído por homes alleos as pequenas paixóns  i-enconos persoalistas, proiectando as nosas olladas deica o resto do mundo, co curazón e o pensamento posto na nosa terra, i-até o derradeiro recuncho onde se atope un galego que queira ser diño fillo da sua patria[3].

Castelao

E nesta mesma onda edificante, procuraria-se erguer unha sorte de goberno galego no exílio. Lexitimado polos resultados do plebiscito estatutista do ’36, daria-se a coñecer o 15 de novembro do 1944 en Montevideu o que se deu en chamar Consello da Galiza. A iniciativa da sua constitución seria, mais unha vez, de Daniel Rodríguez Castelao, moi na liña do lehendakari vasco José Antonio Aguirre que impulsara dous anos atrás o Consello Nacional de Euzkadi. Por méritos próprios, o mesmo Castelao seria o primeiro presidente do Consello galego, do que farian parte nun início os deputados Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Elpidio Villaverde e, ao pouco, Alfredo Somoza[4].

Bernaldo Souto, un dos máis inquedos nacionalistas galegos daquela altura, veterano da Pondal, asinante daquel manifesto en favor dunhas ‘mocidades galegas’, recriaba-nos hai alguns anos en Mar de Plata esa tesitura que se estaba a viver en América do Sul, calificando-a de verdadeiro “... renacismento do galeguismo...“. Ora, no referido à criazon dunha organización xuvenil terian, aínda, de pasar anos para que o intenso traballo proselitista da Irmandade Galega e do próprio Consello de Galiza dese o seu fruto nesta e outras materias.

As Mocedades Galeguistas

Un proselitismo que os galeguistas de maior idade facían, pondo o maior interese na xente moza. Asi, podemos lembrar ao que fora bibliotecário do bonaerense Centro Galego,  Lois Ares. Fiel aos ideais da vella Sociedade Nazonalista Pondal, máximo exponente do arredismo galaico en América, Ares impulsaria a várias mozas e mozos a constituiren unha organización patriótica xuvenil. Asi, chegados ao 1953 Antón Moreda, Adelina González Doval, Francisco Cupeiro, Manoel Baladrón, Ricardo López, Manuel Somoza, Xosé Neira Vilas, Carlos e Tito Abraira, Xosé Castro, Xosé Casal, Amador Rivas, Armando Mato, Pilara Jeremias, Clotilde Igrexas, Maria do Pilar Ares, Emilio Adolfo Pita, Vidal Pérez Graña, Denís Conles Tizado e Antom Santamarinha Delgado botarian a andar as denominadas Mocedades Galeguistas.

Ramón Suárez Picallo nunha alocución radiofónica.

Asi, tomando como nome o das mocidades do vello Partido Galeguista do período republicano -nesta altura arredado na Terra do seu programa fundacional[5]-, a criazón das Mocedades Galeguistas decorreria a 22 de Agosto de 1953 nun acto desenvolvido na sede da Irmandade Galega no Centro Ourensán. Un acto que se daria a partir da presenza “... d-unha grande cantidade de mozos nos que bule o sentimento galego e a inquedanza da liberdade da Patria para a súa eistructuración sobor de canles propios[6].

Esta nova organización era resultante dun intenso traballo de sementeira, como marcamos, desenvolvido desde tempo atrás polos galeguistas expatriados. Segundo lembraba Bieito Cupeiro, implicado directamente na criazón xunto Ares, entre outros, daquelas Mocedades -ao igual que Manuel Pedreira, Xosé Bieito Abraira, Moisés da Presa, Rodolfo Prada ou Fiz Fernández-, a proposta de criazón destas partira de “...Vidal Pérez Graña, un mozo estradense que facía moito tempo chegara a Bos Aires e de contado se convertíu nun inquedo abandeirado dos ideais reivindicadores da patria galega, quen animado polo bibliotecario do Centro galego, Sr. Lois Ares, mestre de patriotismo, e as súas fillas María Olga, Eloísa e Pilar, axudado tamén por Antón Santamarina Delgado e Antón Moreda, déronse ós demais rapaces amigos e achegados até se constituíu un grupo calificado...[7].

Xa en marcha, as Mocedades Galeguistas dotarian-se a nível organizativo dun Consello Directivo, unha Comisión de Imprensa, unha outra de ‘Aitos e Propaganda’ asi como outra de ‘Festas’. Lembraba hai tempo un daqueles mozos con verdadeira intensidade, Antón Moreda, afirmando o distinto que era o contexto daquela Galiza expatriada fronte aquén mar e apoio que prestaban a aqueles mozos os vellos exiliados[8]:

En Bos Aires xa habia unha liberdade. Xa se podia falar (…). Axudou-me Ares, que foi o que nos convocou, que era o bibliotecário do centro. Logo Cupeiro, que foi delegado da Irmandade Galega, Moisés Dapresa, que nos deixaba a casa para facer festas. Eu estaba plenamente dacordo con todo o mundo, apoiado por todas as sociedades[9].

Consello de Redacción de "Adiante".

No marco da primeira direción destas Mocedades, Antom Santamarinha Delgado assumiria a presidéncia e Carlos Abraira a secretaria xeral, sendo na primeira época Antón Moreda vogal, xunto Neira Vilas, Olga María Ares e Delia Gómez Abraira. Aquela ‘escola de formación’, como rexian os princípios daquelas Mocedades segundo as suas ‘Bases Constitutivas’, tiña por obxecto cultivar “...os valores nacionaes galegos i-espallar o seu coñecemento por todol-os medios que estén ao alcance da entidade”, asi como apoiar “... todo movimento tendente a outer a liberdade e o exercicio do dereito de Autodetermiñación da Nación Galega”. O seu primeiro presidente lembra hoxe en dia deste modo aquel axir:

As Mocedades Galeguistas fôrom engendradas na Biblioteca do Centro Galego de Buenos Aires, sita numha sala, de magnitude perfeitamente adequada para tal fim, do rés-do-chao. O bibliotecário era o senhor Ares, quem começou por lhe dar parla política galega a todo quanto rapaz galego recém pescado aparecesse pola porta na busca de livros que falassem de Galiza. Eu era um desses, como Moreda e mais Pepe Neira com algum outro mais[10].

Asi seria que Lois Ares tomara con constáncia o traballo de axuntar rapaces arredor da Irmandade Galega, das experiéncias da vella Pondal, dos textos do Sempre en Galiza, etcétera, rapaces que asegurasen novas xerazóns para o movimento patriótico além terra e, ao pouco, na própria Terra. Nesta mesma liña, o Consello de Galiza fixera desde meados da década de corenta todos os posíveis por articular esta nova agrupación xuvenil, tal e como xa vimos Daí que, non por acaso, cando as Mocedades arrancaron, correspondese aos representantes do Consello de Galiza encerrar o acto público de apresentación desta nova organización, Consello que ofereceria  “...aos numerosos concurrentes con un viño de honor, oportunidade na que o irmán Alonso Ríos eispresou a súa ledicia pol-a constitución das Mocedades, ás que aisaltaba a cumprir a manda histórica que os fillos de Galiza teñen coa Terra Nai[11].

O axir prático das Mocedades

Após esta apresentación pública, tocaba a ensaiar na rua, entre a colectividade, o qué facer. Antón Moreda, recentemente falecido, lembraria as xuntanzas que entre semana e, sobre todo, os sábado ao longo do dia desenvolvian no último andar do Centro Ourensám, onde tiñan estas mozas e mozos un apartado. Marcarian nunha desas primeiras xuntanzas tirar un voceiro, o Adiante, e satisfacer unha pequena cota económica:

Tinhamos umha quota simbólica, os traslados eram por conta nossa. Quando havia umha inversom extra, bem cumprimentada, abondavam petos abertos dispostos a que ningumha iniciativa possitiva ficara sem ser realizada[12].

Xosé Velo foi un destacado participante do Congreso da Emigración Galega.

Un dos primeiros actos públicos desenvolvidos polas Mocedades Galeguistas seria a celebracion dun festival inspirado na vella irmandade galega, basca e catalá Galeuzca. Realizaria-se a 30 de Outubro daquel 1953, e ocorreria no centro societário A.B.C. Corcubion da Arxentina, na rua Venezuela 2164. Para alén de actuacións folclóricas das tres nacións, darian-se diversos discursos patrióticos no devandito encontro.

Outras das actividades que decote desenvolverian aquelas Mocedades serian ciclos de conferencias, para as que, por regra xeral, chamarian a vellos activistas. Non é estraño, pois, que o 3 de xullo do 1954 as Mocedades convidaran Ramón Suárez Picallo, exiliado en Chile, para disertar no Centro Ourensán arredor do facto migratório galego. Non era a primeira vez, nen seria a última ocasión, na que Picallo participase das actividades dos máis novos. Seria tamén este o caso, e salvando as distáncias necesárias, de Emílio Pita, quen o 15 de decembro participaria, asi mesmo, nunha homenaxe ao Marechal Pero Pardo de Cela; desta volta reflexionando arredor da figura de Pardo de Cela e a conformación dun pensamento e activismo patriótico galego.

Camiño dunha estruturación máis sólida e nutrida, no 1956 as Mocedades Galeguistas creaban o denominado ‘grupo feminino’ en Buenos Aires. Sob o documento/manifesto Fala as suas irmáns da Galiza e do Mundo aseveraban:

Nós, un fato de mozas, ponla do vizoso albre galeguista de Buenos Aires, a frolecere en amore á Terra e a froitificare en feitos enderitados ao seu erguemento moral, cultural e material, facemos un chamado garimoso a todal-as mulleres galegas ou de estirpe galega; así como, tamén, a todas aquelas que simpaticen cos nosos nobres propósitos, para que se acheguen ao grande movemento da galeguidade...”[13], facendo unha crítica explícita à emigración, ‘riqueza viva da Galiza que se perde nos camiños do mundo’.

Plenario do I Congreso da Emigración Galega (Bos Aires, 1956)

Coincidia esta realidade co desenvolvimento do I Congreso da Emigración Galega, desenvolvido en Bos Aires entre o 24 e 31 de xullo de 1956. Neste evento de enorme magnitude estiveron presentes de xeito sobranceiro militantes das Mocedades Galeguistas, caso de Neira Vilas, Antom Santamarinha, Carlos Abraira, Enrique Pampillón e Antón Moreda, entre outros. Estes, segundo nos comentaba o propio Moreda, tiveran unha xuntanza co que cualificaban o mellor orador de todos os que se congregaran naquel encontro de expatriados galegos que lembraba o vello Banquete de Conxo (1856), Xosé Velo, quen no limiar do golpe militar reaccionário do ‘36 fora secretario xeral da Federación de Mocedades Nacionalistas Galegas e desta volta ficaba exiliado en Caracas (Venezuela).

Contracapa do xornal "A Fouce" da Sociedade Nacionalista Pondal.
Contracapa do xornal "A Fouce" da Sociedade Nacionalista Pondal.

Cando este congreso se desenvolvia, a realidade galega exiliada era altamente dependente daquel ponto de csura que representara a morte de Castelao (1950). Faltaba aquel líder que sumaba a maior parte da colectividade con conciencia de nación, aquel promotor de iniciativas incansábel que dera ao prelo a obra Sempre en Galiza que tantas xeracións contribuiu a dar para o nacionalismo galego. E neste contexto as Mocedades Galeguistas, que tan fortemente comezaron a sua andaina, experimentarán un gradual esmorecimento, aínda que en favor de novas iniciativas.

Epílogo

Na sua curta vida, máis altamente intensa e rica experiéncia, as Mocedades Galeguistas alumearon outras plataformas. Como exemplo debemos lembrar que o mesmo ano no que nascia o seu ‘grupo femenino’ tamém facia a sua aparición a Asociación Galega de Universitários,  Escritores e Artistas (AGUEA), que manteria a sua actividade ao longo de tres anos de forte traballo e cunha presenza sobranceira daqueles mozos.

Antón Moreda

Daquelas os integrantes das Mocedades tinhan maior presenza no tecido societário galego a partir do seu activismo político-cultural; lembremos a este respeito a participación das mesmas en diversos grupos de teatro, caso do Lugrís Freire impulsado polo pondalián Ricardo Flores, onde estarian activos Antón Moreda, Carmen Moreno, Zulema García, Anísia Miranda, Manuel Lorenzo e Francisco Blanco no marco do Centro coruñés. Probabelmente a última entidade que promoveron, e que na actualidade segue viva, estas Mocedades Galeguistas seria a denominada Asociación Arxentina de Fillos de Galegos.  Esta nova entidade, que nacia cando estaba a esmorecer a AGUEA, anovou o tipo de actividades que viñan a desenvolver as anteriormente citadas, aínda que co mesmo fondo. Entre outras actividades podemos falar dos acampamentos realizados pola Arxentina adiante, caso da Patagonia, onde cada tenda de campaña seria baptizada co nome dunha obra literaria galega; acampamentos que servian para afondar na realidade cultural e histórica do noso país.

En definitiva, falarmos das Mocedades Galeguistas na altura exposta, é tratar dunha ampla constelación de ricos proxectos baseados no activismo patriótico, e que nos remiten à loita polo recoñecimento do feito nacional galego no marco dun proceso autodeterminista de clara tendencia arredista.


[1] “Manifesto das Mocedades Galegas”, A Nosa Terra nº426, 25/8/1942, p.3

[2] Fernández del Riego, F., “F.M.G. Nacionalismo na Emigración” in Raza Celta nº7  Montevideu, 1934, p.6.

[3] “Manifesto das Mocedades ...”, Op. Cit

[4] Alvajar López, Javier, “Apuntes sobre la Delegación del Consejo de Galicia en Europa”, Anuario Brigantino nº11, Betanzos, Concello de Betanzos, 1988. pp.125-136

[5] De grande interese a obra de Velasco Souto, Carlos F., Piñeiro e o Piñeirismo em perspectiva histórica, Ames, Laiovento, 2009. pp. 10-21

[6] “Creación das Mocedades Galeguistas” in A Nosa Terra nº485, 1953 p.2

[7] Cupeiro, Bieito, A Galiza de alén mar, Sada, Edicións do Castro, 1989. p. 179

[8] Vid. Santos Pérez, Antom e Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán, Antón Moreda, Memoria do exilio, Compostela, Asociación Galega de Historiadores, 2010.

[9] Conversa cos autores, janeiro de 2010.

[10] Conversa con Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, A Coruña 12/07/2010.

[11] Ibidem

[12] Conversa de Antom Santamarinha e Uxío-Breogán Diéguez, A Coruña-Compostela, 11/07/2010.

[13] Documento facilitado por Manuel Mera, secretário da Irmandade Galego entre 1969 e 1972.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |