O pasado 21 de abril, en sede parlamentar, atentouse gravemente contra a memoria da figura de Xosé Ramón Reboiras Noia. A secretaria xeral do PPdG, Paula Prado, referiuse a Reboiras Noia como un "delincuente", entre outros cualificativos, a partir da inauguración o pasado 18 de abril, en Santiago de Compostela, dunha estatuta que homenaxea a Reboiras.
Xosé Ramón Reboiras Noia foi un mozo galego comprometido coa democracia e coa liberación nacional e social da Galiza, enxeñeiro técnico industrial, asasinado polas costas a mans da policía franquista, cando tiña apenas 25 anos, o 12 de agosto de 1975.
As declaracións no Parlamento galego de Prado del Río son impropias dunha representante pública minimamente documentada, e con consciencia democrática; feitas para causar o maior dano posíbel ao nacionalismo galego, a partir dunha vil distorsión da figura de Reboiras, figura merecente das máis altas honras nun país normalizado.
Así pois, exiximos unha rectificación pública, igualmente na cámara galega, ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, Lei 20/2022; lembrándolle á referida parlamentaria como Xosé Ramón Reboiras Noia foi declarado, en pleno Consello de Ministros do Estado español, no mes de agosto de 2009, "vítima do franquismo". Diante desta necesaria rectificación, sería de agradecer que Paula Prado indique se está coa memoria das vítimas da ditadura franquista ou ao servizo da memoria franquista, posición esta última incompatíbel coa súa acta de deputada.
De non proceder a secretaria xeral do PP a unha rectificación inmediata, a Fundación Moncho Reboiras resérvase o seu dereito a emprender as accións legais oportunas.
Compostela, 22 de abril de 2026