Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Ricardo Carvalho Calero: Unha obra de servizo ao pobo galego

Artigos

A profesora García Negro analiza neste artigo a parte máis política, ao servizo da Galiza, dunha das figuras máis importantes da nosa historia, Ricardo Carvalho Calero.

[Artigo publicado na revista Enxergar nº3]

María Pilar García Negro

Un século XX á galega

A vida de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) espella un século XX que contempla, na Galiza, no Estado español, en Europa e no mundo, acontecementos históricos decisivos. El pertence a esa xeración de escritores que os vive con consecuencias directas na súa biografía. Emparéllao este facto con outros moitos colegas de calquer dos ámbitos xeopolíticos arriba mencionados, mais o que o singulariza, no círculo concéntrico que nos interesa considerar, é a súa pertenza á Galiza, e, asemade, a súa entrega á causa de significala culturalmente, nun exercicio de continuidade histórica –declinado en e para a nación- que el representará mellor que ninguén entre os membros da súa xeración.

Cando falamos de “pertenza”, referímonos a un sentimento-pensamento que vai moito máis aló do locativo, do xeográfico. Trátase dunha vontade moi firme e mantida de servir –desde o seu campo de saber e de actuación posíbel- á súa patria, tal e como aprendera a facer da man dos seus grandes mestres-mentores: Castelao, Risco, Otero Pedraio, Cuevillas…

O noso home nace seis anos antes da fundación das Irmandades da Fala, na Coruña, da man de Antón e de Ramón Vilar Ponte, en 1916. É un neno que xa sabe ler (aprendera moi cedo coa súa nai) cando estoupan as primeiras e atroces barbaridades da I Guerra Mundial. Incorpórase á Universidade de Santiago de Compostela, un mes antes de facer os dezaseis anos, en plena ditadura de Primo de Rivera, no outono de 1926. Na primavera de 1927 xa é membro activo do Seminario de Estudos Galegos, aquela universidade paralela e galega que fundaran estudantes algo máis vellos ca el en 1923. Cursa a súa primeira licenciatura, Dereito, no quinquenio 1926-1931, polo que se reclamou da primeira promoción de advogados da República. En Maio de 1931, por encomenda do Seminario de Estudos Galegos, vai redixir, con Lois Tobío, o primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía, aquel cuxo artigo 1º rezaba: A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española (anteproxecto anterior á Constitución da II República, que, como se sabe, non foi federal nen federábel), o que atesta a clareza da posición política do nacionalismo galego nos prolegómenos do novo rexime.

Si, do nacionalismo galego, pois xa non podemos demorar máis en lembrar como aquel mozo de expediente brillantísimo, dirixente da FUE (Federación Universitaria Escolar), poeta e crítico literario (re)coñecido por coetáneos e mestres, colaborador asiduo no boletín A Nosa Terra, na revista de alta cultura Nós, conferencista acreditado…, aquel rapaz participa, por suposto, na fundación do Partido Galeguista, nos primeiros días do mes de Decembro de 1931, en Pontevedra, como intervén en múltiplos actos políticos deste partido na comarca de Ferrol e nas asembleas nacionais celebradas no escaso quinquenio en que este partido puido viver legal, antes do tormento e da tormenta da guerra civil española. Mitins en que era aclamado e ovacionado longamente, como o mellor e máis valioso dos militantes da súa idade e condición.

Con estes antecedentes, non nos admira a súa resposta no Madrid de Xullo de 1936 (onde se atopa realizando os exames e cursos para a obtención da cátedra de ensino medio, definida xa a súa vocación centrada na segunda licenciatura, a de Filosofía e Letras): alístase como voluntario ao servizo da legalidade republicana. Tres anos no exército, consello de guerra en 1939, condena de doce anos e un día de reclusión maior, cumprimento de dous de cárcere en Andalucía, liberdade condicional e vixiada, privación absoluta de dereitos civís. Retorno á súa patria, á Galiza, cinco anos despois de abandonala. Comezo da posguerra que sen hipérbole podemos denominar segunda guerra. É, coma tantos, un proscrito, un marcado, con antecedentes penais que non se cancelarán até 1963 e imposibilitado para calquer posto de traballo público.

Este aspecto da súa vida é quizabes máis coñecido que estoutro que agora citaremos e que el proprio se ocupou de salientar: a pesar de toda a represión ambiental, da persecución inclemente do que fora o seu ideario e a súa praxe política, aquela súa formación patriótico-intelectual non finou, non a puideron matar. Continuou escrebendo (poesía, teatro, narrativa, crítica literaria), sen posibilidade material de publicación inmediata, nun exercicio que ten tanto de soliloquio canto de esperanza: alimento-consolo biográfico / labor para un outro futuro da Galiza que se debía seguir construíndo.

1941-1950: Ferrol. Traballo en academias e pasantías, coa colaboración inestimábel da súa dona, a profesora María Ignacia Ramos, responsábel monoparental da familia durante cinco anos. 1950-1965: Lugo. Traballo multitarefa no colexio Fingoi. 1965-1980: Santiago de Compostela. Profesor de Lingua e de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e catedrático por oposición desde 1972 até a súa xubilación.

O rexime actual, previsto no anterior, na segunda ditadura do século XX, correspóndese coa derradeira etapa da súa vida, cos fitos legais coñecidos: Constitución española, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística, recurso de inconstitucionalidade interposto contra ela polo goberno español (o 1º do PSOE), resolución deste recurso, incipiente consolidación da autonomía. Citamos á mantenta textos legais que foron obxecto de lúcida e dilixente glosa por parte do noso compatriota, cunha clareza e independencia de criterio que aínda hoxe admiran pola súa vixencia e valentía. Sendo o único da súa xeración en se manter leal aos principios do nacionalismo galego de pre-guerra e, por tanto, acumulando “motivos” para “merecer” a proscrición, o desprezo e a calumnia dos seus antigos correlixionarios. Non, Carvalho non cabía na enxaguada autoanémica, non podía ser, nen foi, “un dos seus”, isto é, un dos liquidacionistas do nacionalismo para maior gloria e triunfo das forzas estatal-españolistas. A despeito desta excomuñón, foi ampla e calorosamente recoñecido polo nacionalismo galego que tal se reclamaba e como tal actuaba, en todos os frentes: no estritamente político, no sindical, no asociativo, no lingüístico. Velaí como o noso profesor viveu xornadas de recoñecemento, de amizade e de admiración por parte dos que, coma el, non entrabamos no sistema. Velaí un ronsel de homenaxes –en vida e póstumas-, de publicacións sobre a súa persoa e obra, de recordación agarimosa e agradecida, ao longo de todas estas décadas, moito antes de que a RAG tivese a ben remediar unha exclusión inadmisíbel coa dedicación do Día das Letras Galegas de 2020 á súa figura.

Unha traxectoria de lealdade ao nacionalismo galego

Referímonos brevemente á súa formación e a directa intervención política no seo do nacionalismo galego dos anos 20 e 30. Xulgamos que ela ficou tan gravada no seu interior, tan firme e asentada nas súas conviccións, que, após o longuísimo silencio imposto pola ditadura e todas as súas secuelas represivas, aflorou de novo, explícita e inequívoca, até a fin dos seus días. Foi honesto sempre verbo de si proprio. Non se adxudicou actos ou méritos de que non fose autor. Non foi un activista, un iconoclasta, un contestatario ruidoso. Non fixo politicaría nen manobrou nas recámaras do poder. Nen quixo nen sabería facelo. Traballou incansábel –en silencio, modestamente, sen apetencia nen persecución de nengún premio ou recompensa- naquilo para o que se sabía dotado: a arte literaria e a ciencia, ambas ao servizo da representación e da dignificación do seu país, da Galiza, como comezara a facer sesenta anos antes.

Lembremos. O 1º de Outubro de 1930 é quen de proclamar, na solemne inauguración do curso universitario, que a Galiza existe e, por existir, ten dereitos políticos e culturais. En 1933, reitera a mesma idea, coa chamada aos estudantes nun manifesto ad hoc. Hai 43 anos, no número cero da restaurada A Nosa Terra, declárase “galeguista puro”: as solucións dos problemas concretos deberían ser as que o povo galego, libremente consultado, libremente decidira. Na impostura do novo rexime, detectará con fina ironía moito galeguista nominal, no duplo sentido, de nome e de nómina. Sinalou con toda clareza as limitacións democráticas e anti-galegas dos textos constitucional e estatutario. Arrepúxose contra o confinamento do galego decretado por lei. Recoñeceu a importancia do moderno sindicalismo nacionalista.

Proclamouse, en fin, xa próximo o seu falecemento, nacionalista e autodeterminista, ao tempo que estabelecía unha diferenciación fundamental (baseada na semántica política, non na etimoloxía) entre autonomía e autodeterminación: a primeira orientada desde o foco estatal, a segunda desde “o próprio País Galego”.

A leitura da súa obra, pois, espera por nós, se temos o mesmo sentido da historia que el posuíu e serviu.


Volver

2021 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |