Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Sae á rede o segundo número de Enxergar

Publicacións

Desde a Fundación Moncho Reboiras comprácenos presentarvos unha nova entrega da publicación, Enxergar, revista de pensamento e análise que sae á rede na véspera do 25 de xullo, Día da Patria Galega

Na véspera deste 25 de xullo, Día da Patria Galega, presentamos en formato dixital o segundo número de Enxergar, revista de pensamento e análise que aborda cuestións relacionadas co movemento obreiro, coa situación internacional e coa problemática social e nacional de Galiza. A publicación estará a disposición en formato físico no mes de setembro nos locais comarcias da CIG para a súa entrega a delegadas e delegados, así como para o conxunto da afiliación da central sindical. 

Nesta nova entrega atoparas artigos de Julio C. Gambina, Doutor en Ciencias Sociais da Universidade de Bos Aires ("Incerteza e desorde mundial. Necesidades de debater alternativas"); Colectivo Bidán ("A recuperación das centrais hidroeléctricas. Unha oportunidade para Galiza"); Mª do Mar Pérez-Fra e Bernardo Valdês, Profesores do Departamento de economía aplicada da USC ("Apontamentos sobre as mudanças na agricultura galega"); Xerardo Pereiro, Antropólogo sociocultural. CETRAD ("A identidade pós-nacional galega") e Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Historiador e Profesor da UdC (Xosé Velo Mosqueira e o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación DRIL. Militancia galeguista e antifascismo). 

Este número tamén incúe unha entrevista a Manuel Mera Sánchez, expresidenta da CIG e exdirector da Fundación Moncho Reboiras que ao fío do recente vinte e cinco aniversario do nacemento da Confederación Intersindical Galega, conversamos con Manuel Mera, unha das figuras chave na historia do sindicalismo nacionalista e no proceso de reunificación que agromaría en 1994 na CIG. Mera debulla as principais chaves que explican o continuado ascenso do sindicalismo nacionalista e de clase até se converter en primeira forza no noso País, analiza as mudanzas vividas no mundo do traballo nas últimas décadas e partilla algunhas leccións e aprendizaxes que nos permitan seguir avanzando  

Coa edición deste novo número da revista ENXERGAR (visualizar, ver ao lonxe, ver máis alá), pretendemos achegar noso gran de area no traballo de fomentar o estudo, a investigación e a divulgación de todo aquilo relacionado co movemento obreiro e coa problemática social e nacional de Galiza.

Para nós será motivo dunha grande satisfacción se conseguimos que o esforzo que a Fundación Moncho Reboiras fai editando esta revista se ve recompensado coa lectura e o interese polo seu contido por parte de todos aqueles galegos e galegas preocupados polo futuro da nosa Terra e das súas clases traballadoras.

 

 


Volver

2020 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |