Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Sae á rede o terceiro número de Enxergar

Publicacións

Sae á luz pública este terceiro número da revista ENXERGAR con artigos de carácter sindical, laboral, económico ou histórico-cultural, da man de Bárbara Figueroa, o Colectivo Bidán, Pilar García Negro, Susana Méndez e Paulo Carril, cos que pretendemos dar a coñecer entre as nosas e os nosos lectores diferentes aspectos como: a realidade político laboral nun país de América do Sur (en concreto en Chile), a problemática do sector enerxético en Galiza, a relevancia na reclamación dos dereitos de Galiza de persoaxes históricos como Ricardo Carvalho Calero, a necesidade de dotármonos dunha rede pública integral de atención ás persoas dependentes ou as consecuencias que está a ter para a clase traballadora galega a pandemia da Covib-19 e a crise industrial.

Bárbara Figueroa, presidenta da CUT de Chile, no seu artigo expón como o seu país foi dos primeiros países do mundo en que se impuxeron as políticas neoliberais: privatización do sistema público de pensións, flexibilización e desregulación do mercado laboral, recortes en materia de negociación colectiva e dereito de folga, incremento das desigualdades sociais e da represión…,co conseguinte debilitamento do movemento sindical e de deterioro nas condicións de vida da clase traballadora. Nestes últimos anos estase a dar un forte movemento de contestación social, a estas políticas tan antisociais, ata o punto, que ten conseguido provocar a convocatoria de eleccións para unha Asemblea Constituinte que elabore unha nova Constitución máis progresista que a actual.

O Colectivo de Debate Enerxético Bidán, analiza a situación en Galiza dun sector estratéxico como o sector eléctrico, no que a nosa nación tradicionalmente foi produtor exportador, sen que iso servise para favorecer o noso desenvolvemento industrial, e de novo, diante da regulación da transición enerxética, da descarbonización e de loita contra o cambio climático, as grandes empresas enerxéticas promoven proxectos para Galiza que buscan que sigamos cumprindo o mesmo papel de produtores e exportadores. No seu artigo reivindican a necesidade de crear unha empresa pública galega que interveña neste sector e aproveite a explotación deste recurso natural en beneficio dos intereses das clases populares galegas.

Pilar García Negro fálanos da calidade persoal e intelectual de Ricardo Carvalho Calero, militante desde moi novo no nacionalismo galego, membro destacado no Partido Galeguista, defensor da República diante do golpe fascista do 1936, vítima da represión franquista o que lle custou varios anos de cadea e marxinación, pero sen que con iso conseguisen que renegara da súa ideoloxía e do seu activismo en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, actitude que mantivo coherentemente até o seu falecemento. Condutas íntegras como as de Carvalho Calero, son as que fixeron e fan posíbel que o nacionalismo galego teña o peso social e político que ten hoxe.

Susana Méndez, no seu artigo, trata un tema especialmente de actualidade motivado polas nefastas consecuencias da pandemia sanitaria nas residencias da terceira idade. Denuncia a situación de falta de infraestruturas e recursos dedicados a atención das persoas dependentes en Galiza, a alta precaridade laboral existente, o proceso de privatización que se dá nese sector, así como o alto índice de traballo feminino presente no mesmo. Expón así mesmo, a campaña iniciada pola CIG en defensa dun Sistema Público Integral de Atención ás Persoas.

Paulo Carril, na súa entrevista, fai un amplo repaso sobre a situación económica, social, laboral e industrial na Galiza, as negativas consecuencias para a clase traballadora galega derivadas da crise sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19 ou pola crise industrial que estamos a padecer como País, a ausencia dunhas políticas adecuadas por parte do goberno central e da Xunta de Galiza para combater esta situación, as numerosas propostas e alternativas que ao respecto está a facer a CIG, así como a contestación social que ten promovido en defensa dunhas condicións dignas de traballo e de vida da clase traballadora galega.

Todos os aspectos aquí desenvolvidos teñen un elo en común: darse no contexto dun sistema económico capitalista e imperialista, que leva implícito, desigualdade, explotación, represión, inxustiza social, opresión de clase , atentados á soberanía das nacións,... Un sistema socioeconómico que en momentos de crise económica, social e sanitaria, como o que estamos a vivir na actualidade, deixa ver as claras, nas súas respostas, que se trata dun sistema inhumano, antidemocrático, no que a vida das persoas importan moi pouco. Un sistema ao servizo dos intereses dos grandes grupos económicos e da oligarquía financeira transnacional.

Artigos da Revista Enxergar nº3 - xuño 2021
Descarga o terceiro número de Enxergar en PDF

Volver

2021 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |