Moncho Reboiras

Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975).

Síntese biográfica.

Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro do 1950 en Imo, concello de Dodro, no seo dunha familia labrega e traballadora. Alá medrará a cabalo entre o agro e o mar onde a nai e o pai, respectivamente, desenvolverán o seu labor diario.

En procura dunha mellor situación económica, e con tan só nove anos, Xosé Ramón Reboiras marcha a Vigo cos pais, José e Generosa, e o seu irmán Manuel, un ano máis novo ca el. Corría o ano 1959 e asentaríanse no bairro obreiro de Teis.

Neste novo contexto, eminentemente proletario e no que sobrevivía a realidade labrega, o mozo Xosé Ramón, Moncho -co tempo-, Reboiras palpa e observa a opresión da clase obreira.

Era un mozo responsábel, un estudante aplicado, deportista, moi observador e, desde cedo, iría tomando unha crecente preocupación e compromiso coa realidade que o circunda; unha realidade da que non só non escapa, senón que sente propia.

Na segunda metade da década dos sesenta será cando chegue para Xosé Ramón Reboiras a organización no seu bairro de adopción; no marco da Asociación O Castro, logo do contacto co xesuíta Xaime Seixas Subirá, o Padre Seixas. Galeguista e vinculado á Teoloxía da Liberación, sería quen presidira en Santo Domingos de Bonaval a misa do Día da Patria do 1965, a primeira misa no idioma propio da Galiza apoiada, por certo, polo cardeal Quiroga Palacios.

A finais dos anos sesenta aquel mozo de Imo tería conformada, en grande medida de xeito intuitivo, unha consciencia nacional e de clase. Tras a actividade na Asociación O Castro, Xosé Ramón Reboiras participaría do activismo da Asociación Cultural de Vigo. Como estudante remataría os seus estudos no ensino medio no Instituto Santa Irene, iniciando a súa andaina no ensino superior na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo.

Neste centro de ensino Reboiras é cofundador dunha nova etapa da publicación “Des...tornillo”, que cumprirá a función de aguilloar nas conciencias dos seus compañeiros de estudos. Nese tránsito académico e vital, Reboiras comezaría a súa militancia política clandestina na Unión do Pobo Galego (UPG), por volta de 1969.

Estes anos serían decisivos, nomeadamente no inicio da nova década, a partir das mobilizacións obreiras do 1972, e a dura represión diante das mesmas, a cabalo entre Ferrol e Vigo.

Tras estes duros acontecementos correspondeulle a Xosé Ramón Reboiras a coordenación de contidos e liña editorial dun dossier informativo, arredor do contexto de represión desenvolvido ao longo do mes de marzo. Logo, reeditaríase este dossier en París como Terra e Tempo ‘especial’ (voceiro da UPG); un número confeccionado totalmente na Galiza, a excepción da capa que se deseñaría na capital gala.

O activismo de Xosé Ramón Reboiras sería extraordinario, representativo dunha xeración entregada á loita contra a ditadura franquista e unha Galiza soberana. Central para a maduración dun nacionalismo político que malia a súa reducida dimensión aínda, tomaría a decisión de crear un sindicato galego de clase, así como unha organización política de masas. Esta última sería a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e o primeiro o Sindicato Obreiro Galego (SOG).

A entrega de Reboiras levaríao á máis rigorosa clandestinidade, viaxando por todo o país para afianzar grupos de nacionalistas no ámbito político e sindical. Este seu activismo daría lugar ao seu asasinato, da man da policía franquista por volta do 12 de agosto de 1975. Data na que estaba en Ferrol realizando contactos no mundo do traballo, diante da implantación do recén creado Sindicato Obreiro Galego (SOG).

A figura de Xosé Ramón Reboiras Noia é central para explicar a evolución do nacionalismo galego desde finais da década dos ’60 até mediados dos ’70 (e non só) do pasado século XX.

Extraído de: Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2016), Xosé Ramón Reboiras Noia. Entrega e compromiso militante dun nacionalista (1950-1975), Fundación Moncho Reboiras.

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |