Novas

Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Presentacións do libro 'O Sindicalismo Obreiro Nacionalista Galego'

A partir do 24 de setembro iranse realizando varias presentacións do libro O Sindicalismo Obreiro Nacionalista Galego, da autoría de Suso Seixo e editado pola Fundación Moncho Reboiras:

-O 24 de setembro presentarase o libro en Vigo, por volta das 19:30h, no salón de actos da CIG (sito na rúa Gregorio Espiño nº47).

-O 1 de outubro celebrarase a seguinte presentación en Pontevedra, no Centro Social Gorgullón (sito na rúa da Curtidoira nº29), por volta das 20h.

-E o 8 de outubro presentarase a obra na capital galega, na Sala Moncho Reboiras (sita na Avd. de Lugo nº219) a partir das 20h.

En próximas datas realizaranse novas presentacións do devandito libro, das que daremos conta.  

 

   

    

 

   

 

Ler máis...

Actos en homenaxe a Moncho Reboiras o 11 e 12 de agosto de 2026

Entre o 11 e o 12 de agosto, cando se cumpren 51 anos do asasinato, pola policía franquista, de Xosé Ramón Reboiras Noia, desenvolveranse varios actos na súa lembranza.   

O martes 11 de agosto, o Concello de Fene procederá a inaugurar un monólito ás 13h, no paseo marítimo de San Valentín, coa presenza de Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras; Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo e Sandra Permui, alcaldesa da devandita localidade. 

Na mesma data, mais ás 19h,  celebrarase en Compostela unha homenaxe a "Moncho" Reboiras, ao pé do monumento que se lle erixíu no mes de abril na Carreira do Conde, no que intervirán o historiador e profesor universitario Uxío-Breogán Diéguez; a profesora xubilada de ensino secundario Encarna Otero; o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; pechando o acto a concelleira de Cultura e Memoria Histórica da capital galega, Míriam Louzao.

Así mesmo, o 12 de agosto, no propio aniversario do asasinato do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, realizarase unha oferenda floral ás 12h no cemiterio de Imo (Dodro), onde descansan os restos do que fora dirixente da UPG e principal organizador do Sindicato Obreiro Galego (SOG). Realizará Suso Seixo a referida oferenda, en nome da "Comisión Organizadora dos actos do 50 aniversario", conformada polas Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre.

E ás 13h, igualmente en Dodro procederase, na Eira da Lavandeira, por parte do alcalde da localidade, á entrega á familia de Reboiras Noia do título de fillo predilecto do Concello.

Ler máis...

Lanzamento do libro "O sindicalismo obreiro nacionalista galego", autoría de Suso Seixo

Desde a Fundación Moncho Reboiras lánzase o libro "O sindicalismo obreiro nacionalista galego", autoría de Suso Seixo. Un volume que condensa, ao longo de máis de trescentas páxinas, a historia do sindicalismo obreiro nacionalista galego desde a década dos anos 70 até o cambio de século.

Suso Seixo, autor da obra, indica que a publicación "deste libro sobre a historia do sindicalismo obreiro nacionalista galego coincide un ano despois de que se cumprisen os 50 anos da fundación do Sindicato Obreiro Galego (SOG), en 1975, e a un ano de cumprirse, en 2027, os 50 anos da fundación da primeira central sindical nacionalista na historia de Galiza, a Intersindical Nacional Galega (ING). Paréceme pois de xustiza que este libro sirva de homenaxe e agradecemento a todos eses centos de compañeiros e compañeiras que co seu esforzo, valentía, compromiso militante, bo facer, intelixencia e a súa forte conciencia nacional e de clase, iniciaron, agrandaron e fixeron realidade ao longo destes anos, esa grande obra do proletariado galego que é o sindicalismo nacionalista, hoxe representado moi maioritariamente pola Confederación Intersindical Galega (CIG)".

Tal e como se sinala na obra, falarmos da CIG é "falar dunha central sindical única en Europa pola práctica e contido ideolóxico do seu modelo sindical e por ser a primeira forza sindical nunha nación sen Estado e colonizada".

Acrescenta por último na contracapa quen foi secretario xeral da CIG e é presidente da Fundación Monchio Reboiras, desde a súa creación, que "...con este libro, alén de facer un recoñecemento e homenaxe aos seus principais protagonistas, a clase obreira galega e a súa vangarda, pretendo tamén dar a coñecer todo este inmenso traballo ás novas xeracións de traballadores e traballadoras galegas que son moi descoñecedoras da historia de Galiza e das súas organizacións obreiras , así como das organizacións sociais e políticas galegas en xeral, historia deliberadamente ocultada polos poderes fácticos".

A obra estará presente no marco do FESTIGAL, o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, no posto da propia Fundación Moncho Reboiras.

Ler máis...

O BNG homenaxea a X.R. Reboiras Noia en Lugo fronte aos ataques do PP

 

O BNG de Lugo celebrou na tarde de onte, 30 de xuño, un acto de lembranza de Moncho Reboiras, ao que se adheríu a Fundación Moncho Reboiras, e en rexeitamento "dos intentos do Partido Popular de silenciar a memoria dunha persoa represaliada polo franquismo", dixo o portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, quen destacou que "estamos a ver a facción máis franquista e reaccionaria do PP, que pretende eliminar o recoñecemento ás vítimas da ditadura e aos espazos de memoria que as lembran".

O acto contou coa participación do escritor Lois Diéguez, veterano militante nacionalista, quen reivindicou a Moncho Reboiras como "unha figura clave na organización da clase traballadora galega, que axudou a crear o Sindicato Obreiro Galego, organización antecesora da CIG", e destacou que foi a última persoa asasinada pola ditadura en Galiza. Diéguez destacou o compromiso de Moncho Reboiras coa liberdade e os dereitos democráticos.

Rubén Arroxo afirmou que "fronte aos intentos de borrar a memoria democrática, é máis necesario que nunca reivindicar a figura de Moncho Reboiras e de todas as persoas represaliadas polo franquismo". Neste sentido, criticou a iniciativa presentada polo Partido Popular no Parlamento galego para instar á retirada das figuras de lembranza a Moncho Reboiras instaladas en distintas cidades galegas.

Arroxo, afirmou que "o ano pasado Lugo fixo xustiza: despois de que no ano 2009 o Estado español recoñecera que Moncho Reboiras fora unha vítima do franquismo, ou que é o mesmo, o Estado español recoñeceu que era unha vítima do propio Estado, conseguimos entrar nunha nova fase, que é facer que Moncho Reboiras empece a ter a súa presenza por todo o territorio do país".

Reboiras foi asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975, despois de que na noite do 11 de agosto, a Brigada Político Social (BPS) establecera un control no barrio ferrolán de Canido. Ás 2 da mañá varios efectivos da Brigada xunto a varios axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba Reboiras, que logra zafarse da policía durante máis de dúas horas, logrando finalmente esta darlle alcance no portal da rúa da Terra.

O Concello de Lugo instalou o busto de Moncho Reboiras no 2025, ano no que se cumprían 50 anos do asasinato de Reboiras, sumándose á iniciativa promovida polas fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre. A imaxe colocouse ao lado do Vello Cárcere, "que tamén é un espazo de memoria, un espazo que nos lembra tódolos días a crueldade e a brutalidade da represión franquista na cidade de Lugo e no conxunto do país", dixo Rubén Arroxo.

Ler máis...

Nova presentación do libro "50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras"

O vindeiro venres, 19 de xuño, a Fundación Moncho Reboiras presentará en Monforte de Lemos o libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras (1975-2025). O acto está patrocinado pola Deputación Provincial de Lugo, baixo a organización das Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre. 

No devandito libro preséntase unha biografía de X.R. Reboiras Noia, autoría do historiador e profesor universitario Uxío-Breogán Diéguez, así como os testemuños de dezanove persoas que compartiron militancia con "Moncho" Reboiras, entre as que se atopan Xosé Manuel Pavón, Elvira Souto, Lois Ríos, Manuel Mera, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xesús Chaves.

Xustamente nesta nova presentación estará presente Xosé Manuel Pavón, destacado militante nacionalista galego da UPG na década dos 70, crucial no mesmo contexto no que Reboiras desenvolveu o seu activismo, e Xesús Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras. Estarán ambos acompañados polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, que dará conta do resto de presentacións desta obra colectiva que se realizarán na provincia de Lugo. 

Ler máis...

Inmenso pesar polo falecemento do compañeiro e dirixente sindical Antolín Alcántara

Desde a Fundación Moncho Reboiras expresamos o noso grande pesar polo falecemento do compañeiro e dirixente sindical Antolín Alcántara, trasladándolle o noso afecto á súa familia. Membro do Padroado da Función Moncho Reboiras, tivo diversas responsabilidades na Confederación Intersindical Galega (CIG), sendo na súa última etapa na dirección da central sindical Secretario Confederal de Negociación Colectiva. 

Natural de Moaña, era o maior de sete irmáns e estudou bacharelato no instituto de Cangas. Con 16 anos comezou a traballar na mariña mercante alemá como maquinista naval, tomando contacto por primeira vez coa explotación de clase que espertaría andando o tempo a súa conciencia obreira. Aos 21 anos entra a traballar no sector da automoción en Vigo, onde inicia as súas primeiras loitas sindicais, e posteriormente no transporte e nas instalacións eléctricas.

Tal e como se apunta desde a propia CIG, Antolín Alcántara foi "unha das figuras máis destacadas do sindicalismo nacionalista galego das últimas décadas e un referente humano, político e sindical para varias xeracións de militantes e traballadores e traballadoras. Vinculado desde moi novo ás loitas obreiras e ao movemento nacionalista galego, fixo da defensa da clase traballadora, da xustiza social e da liberación nacional e social de Galiza o eixo central da súa vida".

Estando especialmente ligado ás loitas do metal e do naval da comarca de Vigo, Antolín "desempeñou un papel fundamental nos grandes conflitos laborais que marcaron a historia recente do movemento obreiro galego, sempre desde a primeira liña, ao lado dos traballadores e traballadoras, defendendo con firmeza a negociación colectiva, os dereitos laborais e a necesidade dunha resposta organizada fronte á explotación e á precariedade". 

 

O presidente da Fundación Moncho Reboiras, Suso Seixo, pronunciou unhas palabras na despedida a Antolín Alcántara, no tanatorio de Pereiró (Vigo),  nas que afirmou que o noso camarada e amigo Antolín Alcántara Álvarez "foi un galego bon e xeneroso. Sindicalista, militante nacionalista e comunista da Unión do Pobo Galego, organizado no nacionalismo galego desde mediados dos anos setenta, cando empezou a traballar na empresa Citroen de Vigo.

Compañeiro profundamente solidario, xeneroso, valente, sempre disposto a saír en defensa da xustiza social, dos máis desfavorecidos, o que o levou a ser protagonista en numerosos conflitos obreiros, na súa condición de dirixente sindical da ING, da INTG e da CIG, central sindical esta última da que era membro da súa Executiva Confederal cando se xubilou.

Sempre tan orgulloso da túa condición de obreiro e de galego, condición da que nunca renunciaches e sempre defendiches con dignidade e coherencia.

Grazas pola túa amizade e xenerosidade. Sempre serás un exemplo e estarás presente na memoria de todos e todas aquelas compañeiras e compañeiros que tivemos a sorte de compartir contigo anos de vida e militancia sindical e política.
Sen dúbida, tes gañada unha merecida homenaxe de toda a clase traballadora galega, polo teu traballo e a túa contribución a facer realidade todo o que neste libro se narra sobre a historia do sindicalismo obreiro galego.

Ata sempre meu amigo e camarada, vivirás eternamente no noso pensamento".

 

Ler máis...

Atentado fascista á estatua de Moncho Reboiras

 

Na madrugada do pasado 12 de maio, a estatua de Xosé Ramón, “Moncho”, Reboiras Noia (recén inaugurada en Compostela, por subscrición popular) apareceu vandalizada con numerosas manchas de pintura vermella. Segundo apuntan algúns medios de comunicación, esta vandalización foi acompañada dunha nota manuscrita en árabe que afirmaría, entre outras cousas, que “o terrorismo nunca é a solución”. Unha falsa bandeira para despistar.
Desde a Fundación Moncho Reboiras queremos manifestar a nosa máis enérxica condena a estes feitos, sinalando, así mesmo, que as manifestacións de responsábeis políticos do Partido Popular contra a significación da figura de Reboiras desde a inauguración do monumento (manifestacións que xa denunciamos oportunamente, por seren profundamente antidemocráticas), actuaron de efecto chamada.

A campaña do PP contra da homenaxe a Reboiras, mesmo ameazando o seu candidato á alcaldía de Compostela de retirar a estatua de chegar a ser alcalde, non é casual. Obedece ao espírito franquista, á ideoloxía de extrema dereita que está moi presente nas filas deste partido (que nunca fixo un rexeitamento expreso da ditadura de Franco).
As críticas tan exacerbadas do PP contra a colocación da estatua a Moncho Reboiras só obedecen ao malestar que lles produce que se honre publicamente a todas aquelas persoas antifascistas, que se enfrontaron valentemente á barbarie que representaba a ditadura de Franco, en defensa da democracia, da mellora da calidade de vida das clases populares, e no caso do Moncho Reboiras tamén en defensa dos dereitos nacionais de Galiza.

Mentres manteñen desde o PP esta actitude indigna e antidemocrática contra os loitadores e loitadoras pola liberdade, vítimas das balas fascistas, manteñen unha posición xustificadora de dirixentes que pertenceron ao réxime ditatorial, que tiveron responsabilidades directas na política represiva e nos asasinatos de demócratas cometidos polo réxime en varios momentos históricos, como é o caso do fundador do Partido Popular, Manuel Fraga Iribarne, que era membro do goberno de Franco no ano 1975, cando foi asasinado Moncho Reboiras, ou fusilados os loitadores antifascistas Xosé Luis Bravo e Humberto Baena, así como Ministro do Interior, polo tanto responsábel político directo, cando foron asasinados en Victoria sete traballadores por disparos da policía.
Desde a Fundación Moncho Reboiras denunciaremos xudicialmente a vandalización do monumento a Xosé Ramón Reboiras Noia e seguiremos a homenaxear aos defensores da liberdade e da xustiza social, en Galiza e en calquera parte do mundo, e confrontando coa barbarie fascista e os ataques que preconiza o PP á memoria histórica democrática, e xa que logo á democracia, e á autodeterminación das nacións sen Estado.

Compostela 13 de maio de 2026
Padroado da Fundación Moncho Reboiras

Ler máis...

Resposta á manipulación do PP, en sede parlamentar, da figura de Xosé Ramón Reboiras Noia

O pasado 21 de abril, en sede parlamentar, atentouse gravemente contra a memoria da figura de Xosé Ramón Reboiras Noia. A secretaria xeral do PPdG, Paula Prado, referiuse a Reboiras Noia como un "delincuente", entre outros cualificativos, a partir da inauguración o pasado 18 de abril, en Santiago de Compostela, dunha estatuta que homenaxea a Reboiras.
 
Xosé Ramón Reboiras Noia foi un mozo galego comprometido coa democracia e coa liberación nacional e social da Galiza, enxeñeiro técnico industrial, asasinado polas costas a mans da policía franquista, cando tiña apenas 25 anos, o 12 de agosto de 1975.
 
As declaracións no Parlamento galego de Prado del Río son impropias dunha representante pública minimamente documentada, e con consciencia democrática; feitas para causar o maior dano posíbel ao nacionalismo galego, a partir dunha vil distorsión da figura de Reboiras, figura merecente das máis altas honras nun país normalizado. 
 
Así pois, exiximos unha rectificación pública, igualmente na cámara galega, ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, Lei 20/2022; lembrándolle á referida parlamentaria como Xosé Ramón Reboiras Noia foi declarado, en pleno Consello de Ministros do Estado español, no mes de agosto de 2009, "vítima do franquismo". Diante desta necesaria rectificación, sería de agradecer que Paula Prado indique se está coa memoria das vítimas da ditadura franquista ou ao servizo da memoria franquista, posición esta última incompatíbel coa súa acta de deputada.
 
De non proceder a secretaria xeral do PP a unha rectificación inmediata, a Fundación Moncho Reboiras resérvase o seu dereito a emprender as accións legais oportunas.
 
Compostela, 22 de abril de 2026

Ler máis...

Inaugurouse a estatua en homenaxe a "Moncho" Reboiras na capital galega, diante de multitude de persoas

Este sábado, 18 de abril, procedeuse á inauguración da estatua en homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia, obra do escultor Carlos Fernández e da artistia Cuqui Piñeiro. Na compostelá rúa da Carreira do Conde fíxose realidade a estatua, a tamaño real e en bronce, de "Moncho" Reboiras grazas ás doazóns realizadas por máis de 200 persoas e organizacións.

No acto interviñeron, tal e como se tiña anunciado, Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, Elvira Souto, portavoz do Comisión de Honra, Francisco Rodríguez, Presidente da Fundación Terra e Tempo, e Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela. Seixo agradeceu, en nome da Comisión Organizadora, todas e cada unha das doazóns realizadas para facer realidade a estatua, así como ao goberno municipal de Compostela a súa receptividade desde un inicio para posibilitarse a devandita inauguración.

No acto participaron arredor de 250 persoas, chegadas desde distintos puntos do país, que remataron o acto cantando o himno galego, ao que seguiron cánticos como "Moncho Reboiras, a loita continúa" e "Galiza ceibe, poder popular". 

A Comisión Organizadora dos actos en lembranza a Xose Ramón Reboiras Noia, diante do 50 aniversario do seu asasinato, sitúa aquí o cénit da exitosa campaña de actividades que vén desenvolvendo desde inicios de 2025, aínda que seguirá realizando actividades até o vindeiro 12 de agosto.

Ler máis...

Próxima inauguración da escultura en homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia

Hoxe, 5 de abril de 2026, a Comisión Organizadora dos Actos Conmemorativos do 50 Aniversario do Asasinato de Moncho Reboiras dá por rematada a campaña, desenvolvida durante os últimos tres meses e medio, de recollida de doazóns para custear a escultura en homenaxe a Xosé Ramón, "Moncho", Reboiras Noia, realizada por Carlos Fernández en colaboración con Cuqui Piñeiro.

Desde a devandita Comisión, integrada polas Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre, queremos agradecerlle a todas as persoas que fixeron achegas, a súa xenerosidade, solidariedade e recoñecemento a "Moncho" Reboiras, asasinado con apenas 25 anos polo seu compromiso patriótico e democrático (na seguinte ligazón pódese visualizar a listaxe de doazóns).

Así mesmo, convidamos  a todas as persoas que fixeron doazóns, así como ao conxunto do pobo galego, a que participen no acto de inauguración da escultura, a celebrar na capital galega o vindeiro sábado 18 de abril, ás 17:00h, na rúa Carreira do Conde.

Acto de inauguración

No acto de inauguración da escultura intervirán Xesús Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras; Elvira Souto, portavoz da Comisión de Honra; Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo, así como a alcaldesa de Santiago de Compostela, a nacionalista Goretti Sanmartín.

 

Ler máis...

2026 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |