Novas

Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Principia a campaña para dar lugar a unha escultura de bronce en lembranza de X.R. Reboiras na capital galega

Ao longo deste ano 2025 lembramos o 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras a mans da policía franquista o 12 de agosto en Ferrol, con tres disparos polas costas.

A Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Galiza Sempre e a Fundación Terra e Tempo unímonos para desenvolver un programa de actividades consistente na edición de diversas publicacións informativas, organización de exposicións e charlas para dar a coñecer as aportacións en múltiples frontes deste militante nacionalista; no impulso da autoorganización dos e das traballadoras; no campo político; na organización do estudantado, no desenvolvemento dun amplo movemento cultural, sempre tendo a Galiza como motor da súa actividade.

As tres fundacións, conxuntamente cun Comité de Honra formado por vinte camaradas de Reboiras que compartiron militancia política e social fronte á ditadura franquista, tamén promoven -a maiores do recoñecemento social- un recoñecemento institucional. Unha das iniciativas máis ambiciosas neste plano é erguer na capital da Galiza unha escultura de bronce, obra da recoñecida escultora Cuqui Piñeiro, que o honre e o lembre como loitador nacionalista e demócrata. Para sufragar esta iniciativa por medio do apoio popular queremos solicitar a túa colaboración.

A tal fin temos dispoñíbel un numero de conta en Abanca: ES72 2080 0348 3230 4003 7892 a nome da Fundación Moncho Reboiras para que does (*) a cantidade que estimes oportuna. Tamén, como alternativa, podes optar por recibir unha pequena compensación pola túa doazón:

– Se fas unha doazón de 20 euros, enviaremos ao enderezo que nos facilites o libro “50 aniversario de Moncho Reboiras 1975-2025” de 110 páxinas.

– Se fas unha doazón de 50 euros, a maiores do libro, tamén recibirás o cómic de Tokio “A campá do Rianxo” de 32 páxinas e o caderno “Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975). Militancia sen tregua por unha Galiza liberada” de 54 páxinas.

– Se fas unha doazón de 125 euros, a maiores das publicacións anteriores, recibirás tamén os libros "O nacionalismo galego na década de 1970" e "Reflexións arredor da Galiza".

– Se fas unha doazón de 250 euros, a maiores das publicacións anteriores, recibirás tamén os libros “Nunca Máis. 20 anos da maior resposta social do pobo galego” e “Castelao, deputado nacionalista. Intervencións nas Cortes españolas (1931-1933)”.

Só tes que facer a transferencia bancaria indicando no concepto “Doazón monumento Moncho Reboiras” e sinalando o teu nome e apelidos. Posteriormente, remitir un correo electrónico, anexando copia da transferencia, ao correo electrónico 50aniversario@fundacionmonchoreboiras.gal indicando o teu nome e apelidos, NIF, enderezo postal e móbil e se desexas recibir ou non unha das compensacións.

A relación completa de doantes para o monumento, figurará nun código ao pé do monumento que se visualizará na páxina web da Fundación Moncho Reboiras.

Só nos resta agradecer o teu apoio, sexa cal for, cunha iniciativa que busca recoñecer a Reboiras mais non só, tamén a toda a xeración de loitadoras e loitadores que na década dos sesenta e dos setenta do século pasado fixeron un esforzo titánico para rematar coa ditadura franquista e ao tempo darlle corpo organizativo ao movemento nacionalista galego.

Ficamos ao teu dispor para esclarecer calquera dúbida.

 

Fundación Moncho Reboiras. Suso Seixo (Presidente)

Fundación Galiza Sempre. Rubén Cela (Presidente)

Fundación Terra e Tempo. Francisco Rodríguez (Presidente)

 

(*) A doazón, de facela antes do 30 de decembro de 2025, terá a correspondente dedución na Declaración do IRPF (Imposto da Renda das Persoas Físicas) do ano 2025 segundo a Lei 49/2002 do 23 de decembro, do réxime fiscal das entidades sen fins de lucro e dos incentivos fiscais ao mecenado. De facerse a inicios de 2026, igualmente terá a correspondente dedución na declaración de IRPF do devandito exercicio.

Ler máis...

Inauguración en Vigo da exposición-homenaxe a X.R. Reboiras Noia

Este martes, 2 de decembro, inaugurouse no espazo cultural "RíoLagares" a exposición en homenaxe á figura do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. O acto contou coa presenza de Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, e a comisaria da mostra, Vanesa Casal, así como cos históricos activistas sindicais e políticos Xesús Chaves e Xesús Sanxoás. 

No acto, Xesús Sanxoás repasou a participación de X.R. Reboiras no nacionalismo galego e a súa pegada na construción do sindicalismo nacionalista; e Xesús Chaves lembrou as loitas da clase traballadora en Vigo por volta de 1972 e a presenza de Reboiras nas mesmas; mentres que Xesús Seixo puxo en valor a valentía de Reboiras no final da ditadura franquista. Aliás, a comisaria da exposición, Vanesa Iglesias, realizou unha visita guiada pola mostra, explicando a significación de cada peza artística.

A mostra é iniciativa da comisión en homenaxe a Reboiras, diante do 50 aniversario do seu asasinato, integrada polas Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre. A exposición estará no espazo cultural "RíoLagares"  (Rúa da Falperra, 16 Baixo) até o próximo 12 de decembro.

 

Ler máis...

Inauguración na Coruña da exposición-homenaxe a X.R. Reboiras Noia

O vindeiro xoves 2 de outubro, na Casa-Museo Casares Quiroga da Coruña, procederase á inauguración da exposición en homenaxe á figura do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. O acto principiará ás 19h no devandito espazo, por iniciativa das Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre, coa colaboración da concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

A mostra está comisariada por Vanesa Iglesias, exhibíndose pezas artísticas de Leandro Lamas, Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) eEstudo Aldea. A mostra poderase visitar na Casa-Museo Casares Quiroga até o 31 de outubro.

As devanditas pezas artísticas están reproducidas no libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras (1959-1975), que se vai repartir gratuitamente no marco da inauguración da mostra. Un libro no que se presenta unha biografía de X.R. Reboiras Noia, autoría do historiador e profesor universitario Uxío-Breogán Diéguez, así como os testemuños de dezanove persoas que compartiron militancia con Reboiras, entre as que se atopan Xosé Manuel Pavón, Elvira Souto, Lois Ríos, Manuel Mera, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xesús Chaves.  

 

 

Ler máis...

Éxito do acto celebrado o 12 de agosto en Imo en lembranza de X.R. Reboiras Noia

As Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre calificaron de éxito o acto nacional que se celebrou o pasado 12 de agosto, en lembranza e homenaxe á figura do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. Acto que se organizou coincidindo co 50 aniversario do asasinato en Ferrol de Moncho Reboiras, da man das tres Fundacións, que convocaron ao conxunto da cidadanía galega, e particularmente a toda a militancia soberanista do país.

O acto principiou ás 12h, reinaugurandose o mural dedicado a Reboiras ao carón do cemiterio de Imo; procedéndose a realizar ás 12:15h unha ofrenda floral en lembranza de Xosé Ramón Reboiras, na que participaron os responsábeis das tres Fundacións, Francisco Rodríguez, Suso Seixo e Rubén Cela, así como o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, así como representantes de outras organizacións soberanistas e máis de medio milleiro de persoas, que portaban caraveis vermellos. Para pechar o acto deuse paso ás intervencións de Suso Seixo, Lois Ríos e Marisa Vázquez e á actuación musical do cantautor Mini e da cantautora Sés.

Ler máis...

Acto nacional en Imo o 12 de agosto

As Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre convocan un acto nacional o vindeiro 12 de agosto, en lembranza e homenaxe á figura do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. Coincidindo co 50 aniversario do asasinato en Ferrol de Moncho Reboiras, as tres Fundación convocan á cidadanía galega, e particularmente a toda a militancia soberanista do país, a asistir a este acto unitario.

 

O acto comezará ás 12h, momento no que se reinaugurará o mural dedicado a Reboiras ao carón do cemiterio de Imo. Ás 12:15h procederase a realizar á ofrenda floral a Xosé Ramón Reboiras, dando paso ás intervencións de Suso Seixo, Lois Ríos e Marisa Vázquez e á actuación musical do cantautor Mini e da cantautora Sés.

 

 

Ler máis...

Presentación no Día da Patria do libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras

O pasado 25 de Xullo, Día da Patria, as Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre realizaron unha presentación do libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras (1975-2025) no marco do FESTIGAL, que editaron en homenaxe ao militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia.

O espazo que albergou este acto ficou pequeno para a multitude de persoas que se deron cita no acto, no que interviñeron Suso Seixo, presidente da FMR, Elvira Souto, en representación do comité de honra, e Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo. 

Ler máis...

Presentación en Pontevedra do libro-homenaxe a Moncho Reboiras

Despois da presentación do libro-homenaxe en lembranza de Xosé Ramón Reboiras Noia en Compostela, A Coruña, Ferrol e Vigo, presentarase este volume colectivo en Pontevedra. O acto celebrase o 4 de xullo ás 20h no C.S. A Pedreira, coa presenza de Xesús Chaves, Xesús Seixo e Xosé Moa.

  

Na imaxe Francisco Rodríguez e Elvira Souto na presentación do libro en Ferrol.

 

Vista panorámica do público que asistiu á presentación do libro en Ferrol.

 

Ler máis...

Presentación na Coruña do libro en homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia

O xoves 5 de xuño ás 19:30h de maio presentarase na Coruña o libro Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita (1950-1975). O volume, que conta na capa cunha ilustración de Leandro Lamas, presenta unha biografía de Xosé Ramón Reboiras, autoría do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, seguida de dezanove textos en lembranza do militante nacionalista da man de compañeiros e compañeiras de activismo político, integrantes do comité de honra. O libro tamén conta coa reprodución de catorce pezas artísticas da man de creadores e creadores que homenaxean así o figura de Reboiras Noia, ao chamado da comisión organizadora do devandito 50 aniversario, conformada polas Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre.

O acto de presentación realizarase no Centro Ágora, por iniciativa da Asociación de Veciños/as da Agra do Orzán e das Fundacións Moncho Reboiras, Galiza Sempre e Terra e Tempo, e contará coa presenza de Manuel Mera e Marisol García Juárez, membros da comisión de honra, e de Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras.

Ler máis...

Presentación en Compostela libro en homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia

O xoves 22 de maio presentarase o libro Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita (1950-1975). O volume, que conta na capa cunha ilustración de Leandro Lamas, presenta unha biografía de Xosé Ramón Reboiras, autoría do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, seguida de dezanove textos en lembranza do militante nacionalista da man de compañeiros e compañeiras de activismo político. O libro tamén conta coa reprodución de catorce pezas artísticas da man de creadores e creadores que homenaxean así o figura de Reboiras Noia, ao chamado da comisión organizadora do devandito 50 aniversario, conformada polas Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre.

O acto de presentación realizarase no Auditorio do Museo do Pobo Galego a partir das 19h e contará coa presenza dos presidentes das tres Fundacións que conforman o devandito comité organizador, Suso Seixo, Francisco Rodríguez e Rubén Cela, que asinan o prólogo do libro, así como polas e polos integrantes da comisión de honra, integrada por compañeiras e compañeiros de militancia de Moncho Reboiras. O acceso ao acto é libre para todo o público que queira achegarse ao mesmo, até completarse o aforo.

Este acto realízase após a inauguración da mostra, comisariada por Vanesa Iglesias, na que se exhiben as pezas artísticas que se amosan no libro Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita (1950-1975), da man de pezas creadas por Leandro Lamas, Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) eEstudo Aldea. A mostra aínda se pode visitar até o 30 de maio (en horario de mañá e de tarde) no Centro Socio Cultural Maruxa e Coralia ubicado no nº4 da Praza de Salvador Parga da capital galega.

Ler máis...

Xosé Ramón, "Moncho", Reboiras - 50 aniversario do seu asasinato (1975-2025)

A Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo e a Fundación Galiza Sempre veñen de anunciar a creación dunha comisión organizadora de diversas iniciativas en lembranza de Xosé Ramón, "Moncho", Reboiras Noia, con motivo do 50 aniversario do seu asasinato o vindeiro ano 2025.

Elvira Souto e Suso Seixo, portavoces da iniciativa, deron conta en rolda de prensa das actividades que se desenvolverán ao longo do ano 2025, para lembrar e poñer en valor a figura de Moncho Reboiras, militante nacionalista clave para comprender a evolución político-organizativa do nacionalismo galego entre 1969 e 1975.

Ler máis...

2026 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |