Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza
  • Libro "O nacionalismo galego na década dos 70"

    Novas

    Desde a Fundación Moncho Reboiras e a Confederación Intersindical Galega vénse de publicar o libro "O nacionalismo galego na década dos  70". Un volume coordinado por Suso Seixo e Uxío-Breogán Diéguez, co que se pon en valor o esforzo militante que representou a articulación do frontismo nacionalista no devandito período. Tal e como se indica no libro, edítase esta obra coa intención de "pór en valor o enorme traballo de teorización e autoorganización ao que deu lugar o nacionalismo galego desde a segunda metade da década dos anos 60 do pasado século e que cristalizou na década dos anos setenta, dando lugar a unha forte mobilización social. Un esforzo que sentou as bases do nacionalismo galego nas seguintes décadas, até a actualidade, en todos os ámbitos".

    O libro suma a colaboración de destacados cadros do nacionalismo galego nos anos setenta: Lois Diéguez, portavoz nacional da AN-PG; Pilar Allegue Aguete, responsábel nacional de organización da AN-PG; Manuel Mera Sánchez e Suso Seixo Fernández, ambos membros da Dirección Nacional e Permanente da ING; Bernaldo Fernández Requeixo. I secretario xeral do SLG; Emilio López Pérez. II secretario xeral do SLG; Xosé Miranda Ruiz, membro da Permanente da D.N. de ERGA e Xulio Ríos, membro da Permanente da D.N. de ERGA e I secretario xeral da organización estudantil; Millán Picouto, expresidente da A.C. Auriense e María Pilar García Negro, expresidenta da A.C. Alexandre Bóveda; Carlos Vales, exsecretario xeral de ADEGA e Ramón Varela Díaz, expresidente de ADEGA.

    Aliás, o libro fica acompañado polo documentario homónimo, do que neste momento pódese visualizar un avance na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=JPUIJaaC1eI

    A obra presentarase o Día da Patria, no marco do FESTIGAL, por volta das 20:10h, coa presenza de Suso Seixo, Pilar Allegue e Bernaldo F. Requeixo.

    Ler máis...

  • "A estrela que nos guía. O galego entre un pasado brillante e un incerto futuro"

    Novas

    A Fundación Moncho Reboiras edita o libro A estrela que nos guía. O galego entre un pasado brillante e un incerto futuro, da autoría do profesor emérito da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato. A obra presenta a evolución histórica da lingua galega, analizando a súa situación socio-lingüística actual e presentando liñas de actuación para darlle un novo impulso ao idioma propio da Galiza. Sinala o autor como:

    "A lingua galega é o maior patrimonio que o conxunto da sociedade galega actual recibiu como herdanza das persoas que historicamente as precederon como habitantes do antigo reino da Galiza. Porén, tal herdo do pobo galego está hoxe en serio perigo pola marxinación e desprezo de que durante séculos foi obxecto por parte dun poder alleo contrario aos intereses do noso país, mais tamén pola política lingüística seguida no período autonómico polos gobernos do Partido Popular (PP) e desde 2009 até á actualidade pola acción regresiva e lingüicida levada a cabo, con evidente suceso, por gobernos da mesma cor política. O galego áchase neste momento en grave perigo e de nada valería edulcorarmos o seu estado. Se queremos pór isto en relevo, non é para convocarmos ao desánimo. A intención é totalmente a contraria: alertarmos dunha situación que aínda estamos a tempo de revertermos, antes de que sexa demasiado tarde. Ocultarmos a realidade non serviría para máis nada que para dificultar a posibilidade de procurarmos a solución do problema".

    O libro pódese atopar á venda nas mellores librarías do país.

    Ler máis...

  • Congreso Internacional "Traballo e Sindicalismo no século XXI"

    Novas

    O 28 de novembro do presente ano celebrarase en Leioa (Bizkaia, Euskal Herria) o Congreso Internacional "Traballo e Sindicalismo no século XXI", do que participa a Fundación Moncho Reboiras, xunto á Fundación Manu Robles-Arangiz (sindicato ELA, Euskal Herria); a Fundación Salvador Seguí (sindicato CGT, España); a Fundación Ipar Hegoa (sindicato LAB, Euskal Herria); e o Grup d’estudis (sindicato La Intersindical, Països Catalans). Até o 15 de abril pódense presentar propostas de comunicación, a partir de varias liñas temáticas.

    Máis información en: congresosindicalismo.wordpress.com

    Ler máis...

  • Xa disponíbel na web o nº6 da revista Enxergar

    Novas

    EDITORIAL do nº6 de Enxergar. Revista de pensamento e análise.

    Coincide a edición deste número 6 da revista Enxergar cun contexto político moi crispado e belicista, a nivel do Estado Español e no mundo, reflexo da forte crise do sistema capitalista e das dificultades que teñen os seus mentores e beneficiarios para superar a mesma. Todo isto se está a pór de manifesto, entre outros aspectos, na promoción do auxe da extrema dereita, na perda total das aparencias por parte da dereita tradicional fomentando e xustificando a deterioración das institucións, os golpes de estado “brandos”, o xenocidio de pobos como o palestino ou mesmo guerras que obedecen exclusivamente á política militarista e de confronto promovida pola oligarquía anglosaxoa en defensa do seus intereses de clase xeoestratéxicos, hexemónicos e imperiais [...].

     

    Ler máis...

  • 48 aniversario do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia

    Novas

    Unha delegación da Fundación Moncho Reboiras desprazouse ao cemiterio de Imo (Dodro), para rendirlle tributo ao militante nacionalista neste cuadraxésimo oitavo cabodano do seu asasinato na rúa da Terra, en Ferrol, a mans da policía franquista. Daquelas Reboiras Noia estaba en Ferrol organizando unha célula encamiñada a sentar as bases na cidade departamental do recén creado Sindicato Obreiro Galego (SOG). 

    Ler máis...

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |