Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza
  • Inauguración en Lugo dun busto en homenaxe a X.R. Reboiras Noia

    Novas

    Este sábado 27 de decembro, por volta das 11:30h, o Concello de Lugo inaugurará un busto en homenaxe ao militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, por iniciativa das Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre.
     
    O busto será inaugurado na rúa Soto Freire, ao carón da entrada do Centro Socio-Cultural do Vello Cárcere (nas cercanías da Estación de Autobuses).
     
    Esta iniciativa súmase a todas as actividades que se impulsaron ao longo do presente ano, en lembranza de "Moncho" Reboiras, no 50 aniversario do seu asasinato, cando apenas contaba con 25 anos. Asasinato producido en Ferrol o 12 de Agosto de 1975, a mans da policía franquista, pola intensa militancia de Reboiras en favor da vertebración do nacionalismo galego e da democracia fronte á ditadura fascista. Loita que o levou a ser recoñecido polo Consello de Ministros, no ano 2009, como "vítima do franquismo".
    Ao acto asistirán responsábeis das Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre, así como, entre outras autoridades municipais, Rubén Arroxo, Tenente de Alcalde do Concello de Lugo. 
     
    Desde as Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre facemos un chamado á cidadanía galega no seu conxunto, e particularmente á militancia nacionalista e antifascista galega, á que acudan a este acto en homenaxe a "Moncho" Reboiras.
     

    Ler máis...

  • Principia a campaña para dar lugar a unha escultura de bronce en lembranza de X.R. Reboiras na capital galega

    Novas

    Ao longo deste ano 2025 lembramos o 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras a mans da policía franquista o 12 de agosto en Ferrol, con tres disparos polas costas.

    A Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Galiza Sempre e a Fundación Terra e Tempo unímonos para desenvolver un programa de actividades consistente na edición de diversas publicacións informativas, organización de exposicións e charlas para dar a coñecer as aportacións en múltiples frontes deste militante nacionalista; no impulso da autoorganización dos e das traballadoras; no campo político; na organización do estudantado, no desenvolvemento dun amplo movemento cultural, sempre tendo a Galiza como motor da súa actividade.

    As tres fundacións, conxuntamente cun Comité de Honra formado por vinte camaradas de Reboiras que compartiron militancia política e social fronte á ditadura franquista, tamén promoven -a maiores do recoñecemento social- un recoñecemento institucional. Unha das iniciativas máis ambiciosas neste plano é erguer na capital da Galiza unha escultura de bronce, obra da recoñecida escultora Cuqui Piñeiro, que o honre e o lembre como loitador nacionalista e demócrata. Para sufragar esta iniciativa por medio do apoio popular queremos solicitar a túa colaboración.

    A tal fin temos dispoñíbel un numero de conta en Abanca: ES72 2080 0348 3230 4003 7892 a nome da Fundación Moncho Reboiras para que does (*) a cantidade que estimes oportuna. Tamén, como alternativa, podes optar por recibir unha pequena compensación pola túa doazón:

    – Se fas unha doazón de 20 euros, enviaremos ao enderezo que nos facilites o libro “50 aniversario de Moncho Reboiras 1975-2025” de 110 páxinas.

    – Se fas unha doazón de 50 euros, a maiores do libro, tamén recibirás o cómic de Tokio “A campá do Rianxo” de 32 páxinas e o caderno “Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975). Militancia sen tregua por unha Galiza liberada” de 54 páxinas.

    – Se fas unha doazón de 125 euros, a maiores das publicacións anteriores, recibirás tamén os libros "O nacionalismo galego na década de 1970" e "Reflexións arredor da Galiza".

    – Se fas unha doazón de 250 euros, a maiores das publicacións anteriores, recibirás tamén os libros “Nunca Máis. 20 anos da maior resposta social do pobo galego” e “Castelao, deputado nacionalista. Intervencións nas Cortes españolas (1931-1933)”.

    Só tes que facer a transferencia bancaria indicando no concepto “Doazón monumento Moncho Reboiras” e sinalando o teu nome e apelidos. Posteriormente, remitir un correo electrónico, anexando copia da transferencia, ao correo electrónico 50aniversario@fundacionmonchoreboiras.gal indicando o teu nome e apelidos, NIF, enderezo postal e móbil e se desexas recibir ou non unha das compensacións.

    A relación completa de doantes para o monumento, figurará nun código ao pé do monumento que se visualizará na páxina web da Fundación Moncho Reboiras.

    Só nos resta agradecer o teu apoio, sexa cal for, cunha iniciativa que busca recoñecer a Reboiras mais non só, tamén a toda a xeración de loitadoras e loitadores que na década dos sesenta e dos setenta do século pasado fixeron un esforzo titánico para rematar coa ditadura franquista e ao tempo darlle corpo organizativo ao movemento nacionalista galego.

    Ficamos ao teu dispor para esclarecer calquera dúbida.

     

    Fundación Moncho Reboiras. Suso Seixo (Presidente)

    Fundación Galiza Sempre. Rubén Cela (Presidente)

    Fundación Terra e Tempo. Francisco Rodríguez (Presidente)

     

    (*) A doazón, de facela antes do 30 de decembro de 2025, terá a correspondente dedución na Declaración do IRPF (Imposto da Renda das Persoas Físicas) do ano 2025 segundo a Lei 49/2002 do 23 de decembro, do réxime fiscal das entidades sen fins de lucro e dos incentivos fiscais ao mecenado. De facerse a inicios de 2026, igualmente terá a correspondente dedución na declaración de IRPF do devandito exercicio.

    Ler máis...

  • Dispoñíbel na web o nº8 de Enxergar. Revista de Pensamento e Análise

    Publicacións

    Editorial

    Publicamos este oitavo número da revista Enxergar coincidindo co inicio do ano 2025, no que se rende homenaxe a dúas figuras moi relevantes na historia do nacionalismo galego, e por extensión dúas figuras importantes na historia da Galiza contemporánea. Estámonos a referir á conmemoración do 75 aniversario do falecemento do patriota galego e destacado
    cadro do Partido Galeguista, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e o 50 aniversario do asasinato do patriota galego e dirixente da Unión do Pobo Galego, Xosé Ramón Reboiras Noia.

    Daniel Rodríguez Castelao, representou o traballo, a entrega militante e xenerosa de dúas xeracións de galegos e galegas que, desde inicios do século XX, sentaron as bases do nacemento do nacionalista galego. Organizacións como as Irmandades da Fala, as sucesivas Asembleas Nacionalistas, o Seminario de Estudos Galegos, e a posterior creación do
    Partido Galeguista, representaron chanzos fundamentais na conformación do nacionalismo galego até a actualidade. En todo ese proceso, na primeira metade do s.XX, tivo unha participación destacada Castelao, tanto na súa faceta artística como no seu activismo político-organizativo, destacando en ambos casos o seu compromiso político, converténdose xunto con Alexandre Bóveda nos dous grandes referentes do nacionalismo desa época.
    Castelao xogou un papel destacado na defensa dos intereses de Galiza durante a II República, especialmente na defensa do Estatuto de Autonomía desde o PG, fronte ao fascismo diante do golpe militar do 36 e posteriormente no exilio, sendo fundamentais as súas xestións, xunto a Antón Alonso Rios, Ramón Suárez Picallo e Elpidio Villaverde, para a constitución do Consello de Galiza, o 15 de novembro de 1944 en Montevideo, goberno galego no exilio do cal el foi proclamado presidente. Foi fundamental tamén o seu labor na posterior aprobación do Estatuto de Autonomía de Galiza, por parte das Cortes republicanas españolas no exilio, reunidas en México, en novembro de 1945. Así, pois, Castelao simboliza tamén a tradición galeguista de loita pola liberación nacional de Galiza e pola emancipación
    socio-económica do pobo galego. Non podemos permitir que a dereita galega, da man do PP, manipulen e terxiversen o seu ideario e os obxectivos políticos polos que loitou, como así o están a intentar desde a década dos anos 80 e, especialmente, semella que no presente ano.

    Doutra banda, Moncho Reboiras, a pesar da súa curta vida, foi igualmente un destacado cadro do nacionalismo galego, neste caso na década dos 70. Asasinado pola policía franquista no ano 1975, cando contaba con tan só 25 anos, exemplifica esa mocidade galega que no tardofranquismo, cunha forte convicción ideolóxica e unha militancia intensa, enfrontouse á represión da ditadura arriscando a súa vida, collendo así o relevo da xeración de Castelao e da seguinte, na defensa dos dereitos da nación galega, entre eles e como principal dereito o de autodeterminación. Para isto promoveron a autoorganización do pobo galego a todos os niveis (cultural, labrego, obreiro, estudantil, ecolóxico, político,…), creando así toda unha estrutura organizativa e unha base programática e reivindicativa, no marco da teorización das loitas de liberación nacional do Terceiro Mundo, que foron fundamentais para a toma de conciencia
    nacional de amplos sectores da sociedade galega (...),

    Ler máis...

  • Inauguración en Vigo da exposición-homenaxe a X.R. Reboiras Noia

    Novas

    Este martes, 2 de decembro, inaugurouse no espazo cultural "RíoLagares" a exposición en homenaxe á figura do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. O acto contou coa presenza de Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, e a comisaria da mostra, Vanesa Casal, así como cos históricos activistas sindicais e políticos Xesús Chaves e Xesús Sanxoás. 

    No acto, Xesús Sanxoás repasou a participación de X.R. Reboiras no nacionalismo galego e a súa pegada na construción do sindicalismo nacionalista; e Xesús Chaves lembrou as loitas da clase traballadora en Vigo por volta de 1972 e a presenza de Reboiras nas mesmas; mentres que Xesús Seixo puxo en valor a valentía de Reboiras no final da ditadura franquista. Aliás, a comisaria da exposición, Vanesa Iglesias, realizou unha visita guiada pola mostra, explicando a significación de cada peza artística.

    A mostra é iniciativa da comisión en homenaxe a Reboiras, diante do 50 aniversario do seu asasinato, integrada polas Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre. A exposición estará no espazo cultural "RíoLagares"  (Rúa da Falperra, 16 Baixo) até o próximo 12 de decembro.

     

    Ler máis...

  • Inauguración na Coruña da exposición-homenaxe a X.R. Reboiras Noia

    Novas

    O vindeiro xoves 2 de outubro, na Casa-Museo Casares Quiroga da Coruña, procederase á inauguración da exposición en homenaxe á figura do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. O acto principiará ás 19h no devandito espazo, por iniciativa das Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre, coa colaboración da concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

    A mostra está comisariada por Vanesa Iglesias, exhibíndose pezas artísticas de Leandro Lamas, Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) eEstudo Aldea. A mostra poderase visitar na Casa-Museo Casares Quiroga até o 31 de outubro.

    As devanditas pezas artísticas están reproducidas no libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras (1959-1975), que se vai repartir gratuitamente no marco da inauguración da mostra. Un libro no que se presenta unha biografía de X.R. Reboiras Noia, autoría do historiador e profesor universitario Uxío-Breogán Diéguez, así como os testemuños de dezanove persoas que compartiron militancia con Reboiras, entre as que se atopan Xosé Manuel Pavón, Elvira Souto, Lois Ríos, Manuel Mera, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xesús Chaves.  

     

     

    Ler máis...

  • Éxito do acto celebrado o 12 de agosto en Imo en lembranza de X.R. Reboiras Noia

    Novas

    As Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre calificaron de éxito o acto nacional que se celebrou o pasado 12 de agosto, en lembranza e homenaxe á figura do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. Acto que se organizou coincidindo co 50 aniversario do asasinato en Ferrol de Moncho Reboiras, da man das tres Fundacións, que convocaron ao conxunto da cidadanía galega, e particularmente a toda a militancia soberanista do país.

    O acto principiou ás 12h, reinaugurandose o mural dedicado a Reboiras ao carón do cemiterio de Imo; procedéndose a realizar ás 12:15h unha ofrenda floral en lembranza de Xosé Ramón Reboiras, na que participaron os responsábeis das tres Fundacións, Francisco Rodríguez, Suso Seixo e Rubén Cela, así como o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, así como representantes de outras organizacións soberanistas e máis de medio milleiro de persoas, que portaban caraveis vermellos. Para pechar o acto deuse paso ás intervencións de Suso Seixo, Lois Ríos e Marisa Vázquez e á actuación musical do cantautor Mini e da cantautora Sés.

    Ler máis...

  • Acto nacional en Imo o 12 de agosto

    Novas

    As Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre convocan un acto nacional o vindeiro 12 de agosto, en lembranza e homenaxe á figura do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. Coincidindo co 50 aniversario do asasinato en Ferrol de Moncho Reboiras, as tres Fundación convocan á cidadanía galega, e particularmente a toda a militancia soberanista do país, a asistir a este acto unitario.

     

    O acto comezará ás 12h, momento no que se reinaugurará o mural dedicado a Reboiras ao carón do cemiterio de Imo. Ás 12:15h procederase a realizar á ofrenda floral a Xosé Ramón Reboiras, dando paso ás intervencións de Suso Seixo, Lois Ríos e Marisa Vázquez e á actuación musical do cantautor Mini e da cantautora Sés.

     

     

    Ler máis...

  • Presentación no Día da Patria do libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras

    Novas

    O pasado 25 de Xullo, Día da Patria, as Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre realizaron unha presentación do libro 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras (1975-2025) no marco do FESTIGAL, que editaron en homenaxe ao militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia.

    O espazo que albergou este acto ficou pequeno para a multitude de persoas que se deron cita no acto, no que interviñeron Suso Seixo, presidente da FMR, Elvira Souto, en representación do comité de honra, e Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo. 

    Ler máis...

  • Presentación en Pontevedra do libro-homenaxe a Moncho Reboiras

    Novas

    Despois da presentación do libro-homenaxe en lembranza de Xosé Ramón Reboiras Noia en Compostela, A Coruña, Ferrol e Vigo, presentarase este volume colectivo en Pontevedra. O acto celebrase o 4 de xullo ás 20h no C.S. A Pedreira, coa presenza de Xesús Chaves, Xesús Seixo e Xosé Moa.

      

    Na imaxe Francisco Rodríguez e Elvira Souto na presentación do libro en Ferrol.

     

    Vista panorámica do público que asistiu á presentación do libro en Ferrol.

     

    Ler máis...

  • Presentación na Coruña do libro en homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia

    Novas

    O xoves 5 de xuño ás 19:30h de maio presentarase na Coruña o libro Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita (1950-1975). O volume, que conta na capa cunha ilustración de Leandro Lamas, presenta unha biografía de Xosé Ramón Reboiras, autoría do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, seguida de dezanove textos en lembranza do militante nacionalista da man de compañeiros e compañeiras de activismo político, integrantes do comité de honra. O libro tamén conta coa reprodución de catorce pezas artísticas da man de creadores e creadores que homenaxean así o figura de Reboiras Noia, ao chamado da comisión organizadora do devandito 50 aniversario, conformada polas Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre.

    O acto de presentación realizarase no Centro Ágora, por iniciativa da Asociación de Veciños/as da Agra do Orzán e das Fundacións Moncho Reboiras, Galiza Sempre e Terra e Tempo, e contará coa presenza de Manuel Mera e Marisol García Juárez, membros da comisión de honra, e de Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras.

    Ler máis...

  • Presentación en Compostela libro en homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia

    Novas

    O xoves 22 de maio presentarase o libro Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita (1950-1975). O volume, que conta na capa cunha ilustración de Leandro Lamas, presenta unha biografía de Xosé Ramón Reboiras, autoría do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, seguida de dezanove textos en lembranza do militante nacionalista da man de compañeiros e compañeiras de activismo político. O libro tamén conta coa reprodución de catorce pezas artísticas da man de creadores e creadores que homenaxean así o figura de Reboiras Noia, ao chamado da comisión organizadora do devandito 50 aniversario, conformada polas Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre.

    O acto de presentación realizarase no Auditorio do Museo do Pobo Galego a partir das 19h e contará coa presenza dos presidentes das tres Fundacións que conforman o devandito comité organizador, Suso Seixo, Francisco Rodríguez e Rubén Cela, que asinan o prólogo do libro, así como polas e polos integrantes da comisión de honra, integrada por compañeiras e compañeiros de militancia de Moncho Reboiras. O acceso ao acto é libre para todo o público que queira achegarse ao mesmo, até completarse o aforo.

    Este acto realízase após a inauguración da mostra, comisariada por Vanesa Iglesias, na que se exhiben as pezas artísticas que se amosan no libro Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita (1950-1975), da man de pezas creadas por Leandro Lamas, Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) eEstudo Aldea. A mostra aínda se pode visitar até o 30 de maio (en horario de mañá e de tarde) no Centro Socio Cultural Maruxa e Coralia ubicado no nº4 da Praza de Salvador Parga da capital galega.

    Ler máis...

  • Xosé Ramón, "Moncho", Reboiras - 50 aniversario do seu asasinato (1975-2025)

    Novas

    A Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo e a Fundación Galiza Sempre veñen de anunciar a creación dunha comisión organizadora de diversas iniciativas en lembranza de Xosé Ramón, "Moncho", Reboiras Noia, con motivo do 50 aniversario do seu asasinato o vindeiro ano 2025.

    Elvira Souto e Suso Seixo, portavoces da iniciativa, deron conta en rolda de prensa das actividades que se desenvolverán ao longo do ano 2025, para lembrar e poñer en valor a figura de Moncho Reboiras, militante nacionalista clave para comprender a evolución político-organizativa do nacionalismo galego entre 1969 e 1975.

    Ler máis...

  • Presentacións do libro "O nacionalismo galego na década dos 70"

    Novas

    Entre o 24 de outubro e o 7 de novembro, a Fundación Moncho Reboiras e a CIG desenvolverán presentacións do libro O nacionalismo galego na década dos 70. Volume colectivo no que participan doce dirixentes históricos do nacionalismo galego.

    A obra presentouse, a modo de primicia, o pasado Día da Patria no marco do FESTIGAL. Agora preséntase a obra nas cidades galegas. O primeiro acto celebrarase o xoves 24 de outubro en Pontevedra, no Centro Social do Gorgullón, por volta das 20h.  Intervirán no acto Suso Seixo, presidente da FMR, e Pilar Allegue, coautora da obra. 

     

    Ler máis...

  • 49º aniversario do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia

    Novas

    Na madrugada do 12 de agosto de 1975 foi asasinado, na ferrolá rúa da Terra, Xosé Ramón, "Moncho", Reboiras Noia.

    Nacido en Imo (Dodro) en xaneiro de 1950, asentouse coa familia en Vigo, onde foi alumno de Xaime Seixas Subirá e cos anos, na Escola de Enxeñería Industrial , de Xaime Illa Couto, ambos militantes no tempo republicano de Ultreya e da Federación de Mocidades Galeguistas, afiliándose á Unión do Pobo Galego (UPG) no ano 1969. Desde a adolescencia faría causa do idioma galego e da súa orixe familiar obreira (así como labrega e mariñeira), destacando nos estudos pola súa seriedade, o seu compañeirismo e a súa capacidade como organizador (cofundando a revista estudantil Des...tornillo) .

    Ler máis...

  • Enxergar. Revista de Pensamento e Análise nº7

    Novas

    Editorial

    O sistema político-económico depredador no que vivimos é quen de pór o foco no conflito ruso-ucraniano, acusando a Rusia de crimes de guerra parello á integración na OTAN de Ucrania -país que, militar e politicamente, xa estaba a servir aos intereses desa organización satélite dos EE.UU.-, mentres o xenocidio que está a perpetrar o sionismo israelí sobre o pobo palestino xa pasou a un segundo plano nos medios de comunicación sistémicos.

    Ler máis...

  • Enxergar. Revista de Pensamento e Análise nº7

    Publicacións

    Editorial

    O sistema político-económico depredador no que vivimos é quen de pór o foco no conflito ruso-ucraniano, acusando a Rusia de crimes de guerra parello á integración na OTAN de Ucrania -país que, militar e politicamente, xa estaba a servir aos intereses desa organización satélite dos EE.UU.-, mentres o xenocidio que está a perpetrar o sionismo israelí sobre o pobo palestino xa pasou a un segundo plano nos medios de comunicación sistémicos.

    Ler máis...

  • Libro "O nacionalismo galego na década dos 70"

    Novas

    Desde a Fundación Moncho Reboiras e a Confederación Intersindical Galega vénse de publicar o libro "O nacionalismo galego na década dos  70". Un volume coordinado por Suso Seixo e Uxío-Breogán Diéguez, co que se pon en valor o esforzo militante que representou a articulación do frontismo nacionalista no devandito período. Tal e como se indica no libro, edítase esta obra coa intención de "pór en valor o enorme traballo de teorización e autoorganización ao que deu lugar o nacionalismo galego desde a segunda metade da década dos anos 60 do pasado século e que cristalizou na década dos anos setenta, dando lugar a unha forte mobilización social. Un esforzo que sentou as bases do nacionalismo galego nas seguintes décadas, até a actualidade, en todos os ámbitos".

    Ler máis...

  • Enxergar. Revista de Pensamento e Análise nº6

    Publicacións

    Editorial

    Coincide a edición deste número 6 da revista Enxergar cun contexto político moi crispado e belicista, a nivel do Estado Español e no mundo, reflexo da forte crise do sistema capitalista e das dificultades que teñen os seus mentores e beneficiarios para superar a mesma. Todo isto se está a pór de manifesto, entre outros aspectos, na promoción do auxe da extrema dereita, na perda total das aparencias por parte da dereita tradicional fomentando e xustificando a deterioración das institucións, os golpes de estado “brandos”, o xenocidio de pobos como o palestino ou mesmo guerras que obedecen exclusivamente á política militarista e de confronto promovida pola oligarquía anglosaxoa en defensa do seus intereses de clase xeoestratéxicos, hexemónicos e imperiais [...].

    Ler máis...

  • "A estrela que nos guía. O galego entre un pasado brillante e un incerto futuro"

    Novas

    A Fundación Moncho Reboiras edita o libro A estrela que nos guía. O galego entre un pasado brillante e un incerto futuro, da autoría do profesor emérito da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato. A obra presenta a evolución histórica da lingua galega, analizando a súa situación socio-lingüística actual e presentando liñas de actuación para darlle un novo impulso ao idioma propio da Galiza. Sinala o autor como:

     

    Ler máis...

  • Congreso Internacional "Traballo e Sindicalismo no século XXI"

    Novas

    O 28 de novembro do presente ano celebrarase en Leioa (Bizkaia, Euskal Herria) o Congreso Internacional "Traballo e Sindicalismo no século XXI", do que participa a Fundación Moncho Reboiras, xunto á Fundación Manu Robles-Arangiz (sindicato ELA, Euskal Herria); a Fundación Salvador Seguí (sindicato CGT, España); a Fundación Ipar Hegoa (sindicato LAB, Euskal Herria); e o Grup d’estudis (sindicato La Intersindical, Països Catalans). Até o 15 de abril pódense presentar propostas de comunicación, a partir de varias liñas temáticas.

    Máis información en: congresosindicalismo.wordpress.com

    Ler máis...

2025 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |